O Vigo-Rías Baixas mantivo no Trofeo Guerrita o liderado por equipos da Copa de España Elite e Sub-23

09 DE MARZO DE 2020

O Vigo-Rías Baixas mantivo no Trofeo Guerrita o liderado por equipos da Copa de España Elite e Sub-23

O-Vigo-Rias-Baixas-mantivo-no-Trofeo-Guerrita-o-liderado-por-equipos-da-Copa-de-Espana-Elite-e-Sub-23

Os catro conxuntos galegos que están participando na Copa de España Elite e Sub-23 disputaron este domingo o Trofeo Guerrita na localidade murciana de Alcantarilla. O Vigo-Rías Baixas volveu ser a formación autonómica máis destacada nesta segunda xornada do certame estatal. Conservou o liderado por equipos, pero non puido manter o primeiro posto na xeral individual. 

O uruguaio Mauricio Moreira, gañador unha semana antes do Circuito Guadiana, viuse superado na táboa absoluta polo sub-23 Jordi López (Lizarte). Estes dous corredores cruzaron a liña de meta co mesmo tempo, a 2 segundos de gañador. Porén, a sexta praza asinada polo representante da escuadra navarra serviulle para situarse na xeral con 140 puntos, un máis que o ciclista da estrutura galega, quen ocupou a 22ª posición e continúa como líder elite. 

Despois de 168 quilómetros de percorrido, con tres altos de montaña, a vitoria no Trofeo Guerrita correspondeulle ao colombiano Víctor Ocampo (Colnago). Impúxose con 2 segundos de vantaxe respecto a un grupo de 34 unidades. Nesa selección o Vigo-Rías Baixas contou con tres corredores, mentres que o Supermercados Froiz, o Alumios Cortizo e o Gsport-Velofutur estiveron representados por cadanseu ciclista. 

Na clasificación por equipos o conxunto dirixido por Marcos Serrano resiste no máis alto igualado a 86 puntos co Caja Rural. A Copa de España vivirá a súa terceira carreira este domingo en terras vascas, onde se celebrará o a Aiztondo Klasikoa. 

Máis información

Blanco, 12º en Portugal

Este domingo tamén tivo lugar na cidade portuguesa de Póvoa de Varzim a Clássica da Primavera. Nesta proba de 141 km dominada polos conxuntos profesionais lusos, o redondelán Samuel Blanco (Supermercados Froiz) estivo entre os catorce ciclistas que se xogaron o triunfo. O galego finalizou duodécimo, sete postos por diante do vilagarcián Gustavo César Veloso, que chegou a 5:55 do vencedor Luís Gomes (Kelly).

Foto: Vigo-Rías Baixas

 

R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es