Facebook Twitter Youtube Instagram Español

Raúl Casalderrey encabeza a actuación de Galicia na carreira de fondo do Campionato de España Sub23

26 DE JUNIO DE 2022

O corredor de Poio clasificouse 19º ao rematar no selecto pelotón que cruzou a meta de Palma de Mallorca a 1:28 dos dous primeiros

Raul-Casalderrey-encabeza-a-actuacion-de-Galicia-na-carreira-de-fondo-do-Campionato-de-Espana-Sub23

O día despois de lograr un top-10 na proba de contra o reloxo individual, Raúl Casalderrey volveu moverse nos postos altos da clasificación. O poiense asinou este sábado a 19ª posición á conclusión dos 164 quilómetros da carreira de fondo sub23 do Campionato de España. O outro representante da Selección de Galicia que alcanzou a liña de meta de Palma de Marllorca, nunha carreira que só remataron 39 dos 126 participantes, foi o verinés Andrés Taboada (35º).

A primeira escapada no percorrido con inicio en Cala Millor contou con representación galega. Manuel Rodríguez formou parte dun grupo de sete unidades que gozou de algo máis dun minuto de vantaxe e que rodou en cabeza ata o quilómetro 70. Na segunda parte do trazado concentrábanse as tres ascensións ao Coll de Sa Creu, unha subida que en cada paso peneirou o pelotón mentres por diante Joseba López (Euskadi) e José Marín (Andalucía) consolidábanse á fronte do Campionato para acabar xogándose a vitoria na recta final.

O vasco superou ao andaluz nos últimos metros con 1:16 de marxe sobre outro dúo no que Abel Balderstone (Catalunya) conseguiu a medalla de bronce por diante de Enekoitz Azparren (Euskadi). O pelotón entrou 12" máis tarde composto por menos de 30 corredores, entre eles Casalderrey, e 1' despois terminou Taboada. 

O Campionato de España baixou o pano este domingo coa carreira de fondo Elite UCI - Elite e dous equipos galegos subiron ao podio da categoría amateur. O Padronés-Cortizo venceu por medio do vasco Iñigo González e o Drone Hopper-Gsport-Grupo Innova Tormo obtivo a medalla de prata co valenciano Víctor Martínez. 

Clasificación sub23

GALERÍA DE FOTOS

Raúl Casalderrey encabeza a actuación de Galicia na carreira de fondo do Campionato de España Sub23
 

R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es