Facebook Twitter Youtube Instagram Español

A Selección de Galicia asina un póker de éxitos femininos no Campionato de España de Ciclocrós

14 DE ENERO DE 2024

Lorena Patiño conquistou a coroa júnior por diante de Aroa Otero. Bronce elite para Irene Trabazo e prata sub-23 de Laura Mira

A-Seleccion-de-Galicia-asina-un-poker-de-exitos-femininos-no-Campionato-de-Espana-de-Ciclocros

Fotos: Luz Iglesias

O mellor da Selección de Galicia no Campionato de España de Ciclocrós 2024 quedou para o final. No terceiro e último día de competición na localidade alavesa de Amurrio, o combinado da Federación Ciclismo Galego (FCG) colgouse catro medallas, un póker 100% feminino. Lorena Patiño e Aroa Otero ocuparon os dous chanzos máis alto no podio júnior, Irene Trabazo acadou o bronce elite e Laura Mira fíxose co subcampionato na categoría sub-23.

O botín de metais da Selección de Breogán repartiuse ao 50% entre os municipios pontevedreses de Marín e O Porriño. Os primeiros éxitos da xornada chegaron na proba júnior feminina, a única da xornada que se disputou sen chuvia. Galicia partía como o equipo a bater dado que presentou ás tres primeiras clasificadas na xeral da Copa de España 2023. A súa condición de invicta esta campaña no calendario estatal situaba a Lorena Patiño como favorita ao ouro e a marinense non agardou para poñer terra, ou máis ben barro, de por medio.

imagen

Nun trazado tan enlamado como completo -con troncos, unha complicada ladeira, subidas que obrigaban a baixarse da bicicleta e un sector de area- a campioa de España cadete o ano anterior ofreceu un recital en solitario. A primeira das catro voltas completouna con 13” de marxe sobre a súa compañeira de selección Aroa Otero, unha distancia que non deixou de medrar ata os 42” ao remate da carreira. “Desfruteino moito. Saín a tope, a dalo todo, e así ata o final”, comentou Lorena Patiño, que se impuxo despois de 46 minutos e 8 segundos de esforzo.

A emoción no desenlace da proba centrouse na loita pola segunda praza. A porriñesa Aroa Otero gozaba de 26” de vantaxe respecto a Ana López (Aragón) a metade da carreira, un colchón que desapareceu no treito inicial da última volta. Bronce júnior no 2023, a galega cambiou o ritmo cando sentiu a presenza da aragonesa case que a súa roda e acabou dobregándoa por 10” para adxudicarse a medalla de prata. A terceira baza da Selección de Galicia, a tamén porriñesa Marta Estévez, sufriu unha caída no arranque da competición e a súa remonta levouna ata o noveno posto.

imagen

A quenda Elite/Sub-23 activouse con Irene Trabazo comandando o pelotón con moito ímpeto nos primeiros metros. A marinense abriu oco xunto á asturiana Lucía González (Nesta-MMR), que buscaba o seu sexto título, e o dúo rachouse cando a galega bicou o barro. Este contratempo aproveitouno Alba Teruel (Laboral Kutxa) para colocarse segunda e o tempo perdido coa valenciana anulouno Trabazo á conclusión da primeira volta grazas a unha poderosa reacción. A elite da selección dirixida por Alberto del Río non tardou en soltar a súa acompañante e pouco despois foi alcanzada por outra valenciana, Sofía Rodríguez (Nesta-MMR). A partir de aí, a corredora de Marín non perdeu de vista á segunda clasificada ata que se descolgou definitivamente a piques de concluír a penúltima das catro voltas, co bronce xa no peto.

Trabazo obtivo o seu primeiro podio como elite no Campionato de España cruzando a liña de meta a 45” de Sofía Rodríguez e a 1’34 de Lucía González. O cuarto posto correspondeu á vencedora sub-23 Marta Cano (Catalunya), a 2’53 da gañadora absoluta, quinta terminou Alba Teruel e sexta a viguesa Carla Fernández (QuéBici-Marcisport) pechando o top-5 da súa categoría.

imagen

A elite navarra Ainara Elbusto (Huesca La Magia) clasificouse sétima e por detrás dela decidiuse a prata sub-23 cunha galega regresando ao podio da gran cita estatal do inverno. Laura Mira, campioa de España Cadete e subcampioa júnior en dúas ocasións, estreou a súa conta de medallas sub-23 no seu segundo ano na categoría. A porriñesa liderou o seu grupo de idade na primeira volta xunto a Marta Cano e, unha vez que catalá se marchou, soubo administrar as forzas para non ser atrapada por Ainara Albert (Massi). A valenciana apertouna ata os últimos xiros, pero a representante da Selección de Galicia -oitava na táboa absoluta- avantaxouna en 9" na liña de meta. As cores do combinado da FCG nesta carreira tamén as defendeu Sarela Conde, undécima sub-23 e vixésima na xeral.

imagen

As dúas probas masculinas da xornada de clausura resolvéronse con postos de honra para o ciclocrós galego. O ponteareán Miguel Rodríguez (Supermercados Froiz), terceiro ao inicio da penúltima volta, non puido manter o posto de podio e tivo que conformarse co quinto na competición sub-23 que dominou Raúl Mira (Comunitat Valenciana). Outra praza entre os dez primeiros, a novena, correspondeu a Anxo Carril (Galicia) e como representante da Selección de Breogán tamén participou Borja Gómez, o pioneiro do ciclocrós inclusivo.

O Campionato de España despediuse de Amurrio coa competición dos homes elite. Gañou por sexta vez na súa carreira o valenciano Felipe Orts (La Vila Joiosa) e o único corredor da Selección de Galicia rubricou un notable resultado. Samuel González logrou a décima posición. En total, o ciclocrós da nosa comunidade sumou nos tres días en terras alavesas 21 postos de top-10. O vindeiro ano este evento terá como escenario a localidade coruñesa de As Pontes. 

Máis información e clasificacións

Retransmisión

GALERÍA DE FOTOS

R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es