Facebook Twitter Youtube Instagram Español

O Enduro galego reloce no innovador Endurrazo 2022

10 DE MAYO DE 2022

O segundo evento da Copa de España comezou cun treito nocturno e os riders galegos acumularon dezanove podios

O-Enduro-galego-reloce-no-innovador-Endurrazo-2022

Toni Ferreiro, gañador absoluto masculino, encabezou o festival dos riders galegos no Endurrazo 2022. Dezanove podios, sete vitorias e sete camisolas de líderes foi o balance da 'armada autonómica' na segunda proba da Copa de España. O evento organizado polo THC Bike en Moaña resultou innovador por ter comezado na noite do sábado cun treito nocturno, o nunca visto ata o momento.

Coa iluminación que proporcionaban máis de 1.000 bombilllas, ás 22:30 horas deu inicio a competición nos montes da comarca do Morrazo. Esta espectacular posta en escena, na que houbo que lamentar unha caída con traslado en ambulancia, serviu de aperitivo para os cinco tramos cronometrados do domingo e estableceu as primeiras diferenzas. Nun parcial curto e moi coñecido en Paralaia pola afección endureira, Toni Ferreiro (Coruxo) marcou o mellor rexistro na noite de Moaña. O elite vigués bateu por 5 segundos ao canario Édgar Carballo (Vadebicis). 

O pulso entre o rider olívico e o vixente campión de España elite continuou ao día seguinte. Carballo foi o máis rápido no TC1, o parcial máis empinado, con moito po e no que as curvas non dan tregua. Un sector para non fallar. Ferreiro mantívose á fronte da táboa absoluta e reforzou o seu primeiro posto facendo scratch no TC2, un tramo longo e físico que se prestaba para marcar diferenzas. 

Características similares reunía o TC3, con algunha modificación respecto ao clásico do DH Paralaia. Carballo aproveitou a esixencia do terreo para poñerse por diante de Ferreiro, pero o do Coruxo reaccionou de contado. No cuarto e penúltimo treito, semellante ao primeiro parcial con zonas de pedras aínda que más completo e co chimpo final do concurso de saltos, o vigués recuperaba o mando por un segundo e medio de vantaxe. 

A vitoria absoluta masculina quedaba pendente do quinto e último sector cronometrado, o mesmo tramo que o da noite do sábado. Carballo impúxose no sector, pero Ferreiro salvou o primeiro posto. O do Coruxo, cun rexistro global de 18:02.224, venceu por 642 milésimas de diferenza. O terceiro posto scratch correspondeu ao elite Francisco Vilaboa (Singletrack), a 31 segundos do gañador.

No top-10 remataron cinco galegos máis: o gañador sub23 Nicolás Carrera (Team Justbikes) clasificouse cuarto; o elite Marco Veiga (CiclosQuintena), quinto; outro elite, Mauro González (Salvaterra), sexto; o primeiro máster-30, Santos Lemos (Grupeta Pan de Zarko), oitavo; e o vencedor máster-40, José Manuel López Vaqueiro (X Bikes), décimo). A nómina de vitorias autonómicas masculinas ampliouna o júnior André Martínez (Avanza-O Porriño), 19º scratch.

Houbo dúas categorías con podios acaparados ao 100% por representantes do noso Enduro: David Fernández (Avanza-O Porriño) e Cristian Novo (VK Bikes) escoltaron a Carrera no sub23, ocupando o segundo e o terceiro chanzo respectivamente, e nos máster-40 dous riders do VK Bikes compartiron o caixón con López Vaqueiro posto que Xacobe Melón obtivo a segunda praza e Alejandro Juncal, a terceira. 

Os outros bikers galegos que se meteron entres os tres primeiros dos seus grupos de idade foron Iván Zurita (Kamikazes), terceiro cadete; Marcos Estévez (Pontebike), terceiro júnior; José María Romero (Pontebike), terceiro máster-30; e Adolfo Gallego (Singletrack), terceiro máster-50. 

Duarte, primeira elite

A sub23 zamorana Sara Yusto (Lácteas Cobreros), tras un intenso duelo coa júnior asturiana Cristina Menéndez (Cuetos Bike), anotouse o triunfo scratch feminino. Terceira na clasificación absoluta concluíu a ponteareá Desirée Duarte (Condado Bike), a 35" da gañadora. A actual campioa de Galicia tamén recolleu o trofeo de primeira elite, categoría na que Gemma Chapela (VK Bikes), oitava na xeral, conseguiu o terceiro posto. 

Entre as dez mellores mulleres do Endurrazo metéronse, ademais, a sub23 Alba Arias (CiclosQuintena), segunda na súa categoría e cuarta na absoluta, e Yuli Paola Rey (Kamikazes), cuarta elite e novena scratch. En canto ás cadetes, Arantxa Gómez (O Rosal) finalizou segunda. 

Fóra da Copa de España disputouse a competición de e-bikes, con dobre vitoria galega. José Antonio de la Torre (Kamikazes) dominou no apartado masculino e Juana María Vidal (Corbelo), no feminino. 

Sete líderes

O certame estatal continuará en Galicia o 29 de maio coa Montefaro Enduro Race. Nesa terceira e penúltima xornada o Enduro da nosa comunidade defenderá sete camisolas de líderes: Mauro González encabeza as táboas elite e absoluta; Alba Arias e Nicolás Carrera; as sub23; André Martínez, a júnior; Santos Lemos, a máster-30; e López Vaqueiro, a máster-40. 

Máis información e clasificacións 

 

GALERÍA DE FOTOS

O Enduro galego reloce no innovador Endurrazo 2022
O Enduro galego reloce no innovador Endurrazo 2022
O Enduro galego reloce no innovador Endurrazo 2022
O Enduro galego reloce no innovador Endurrazo 2022
O Enduro galego reloce no innovador Endurrazo 2022
O Enduro galego reloce no innovador Endurrazo 2022
O Enduro galego reloce no innovador Endurrazo 2022
O Enduro galego reloce no innovador Endurrazo 2022
 

R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es