Facebook Twitter Youtube Instagram Español

Jorge Punzón e Irene Trabazo revalidan no Carballiño os títulos do Campionato de Galicia Eliminator

23 DE ABRIL DE 2023

A localidade ourensá vibrou co espectáculo ofrecido polos bikers no circuíto que percorreu o seu centro urbano

Jorge-Punzon-e-Irene-Trabazo-revalidan-no-Carballino-os-titulos-do-Campionato-de-Galicia-Eliminator

Fotos: Luz Iglesias

Este sábado pola tarde rexistráronse fortes descargas de adrenalina no corazón do Carballiño. As rúas centrais desta localidade ourensá transformáronse no circuíto da cuarta edición do Campionato de Galicia de Cross Country Eliminator (XCE). O porriñés Jorge Punzón (Cosmos) e a marinense Irene Trabazo (XSM) renovaron as súas coroas absolutas nun evento tan espectacular como vibrante. 

Baixo a organización do Club Ciclista Carballiño puxéronse en xogo dous títulos da Federación Ciclismo Galego (FCG) seguindo o formato habitual desta puxante especialidade do BTT. As competicións de Eliminator comezan cunha contra o reloxo individual que serve para confeccionar os cadros antes da disputa das eliminatorias, carreiras con catro participantes nas que se reparten dous billetes para a seguinte rolda.

Jorge Punzón, vixente campión de España e dúas veces de Galicia, comezou o camiño cara o seu terceiro ouro consecutivo a nivel autonómico sendo o máis rápido na 'crono' do Campionato de Galicia XCE - XCE Urbano Concello do Carballiño / Copa Deputación de Ourense. No vertixinoso percorrido polo casco urbano, no que ademais de descender escaleiras as corredoras e os corredores tiveron que xestionar obstáculos como un salto sobre táboas de madeira, o representante do Cosmos asinou na quenda individual un rexistro de 51 segundos, batendo por 2" a catro bikers: Alberto Pedreira (Bici Verde), Hugo Álvarez (Academia Postal-Maceda), Anxo Carril (Coruxo) e Danny Buba (Coruxo).

As roldas eliminatorias non depararon grandes sorpresas e catro dos cinco máis rápidos na contra o reloxo chegaron ata a final. A carreira polas medallas dominouna o elite Punzón, cruzando a liña de meta por diante do elite Pedreira e do sub23 Carril. A cuarta praza correspondeu ao sub23 Álvarez.

A final feminina protagonízano Irene Trabazo e a cadete Xiana Coira, quen non competía pola coroa absoluta debido a que a categoría mínima para optar ao título é a júnior. A corredora do Cambre recibiu o trofeo como vencedora da proba de promoción e a do XSM proclamouse campioa de Galicia de XCE por segundo ano seguido. O club de Marín tamén subiu ao máis alto do podio na promoción masculina por medio do cadete Santiago Otero. Outro cadete, Raúl Puelles (Caimanes Betanzos), segundo clasificado, e Lucas Lozano (Farto), terceiro, escoltárono no caixón. 

Os premios na cerimonia de clausura encargáronse de entregalos Silvia Baranda, concelleira de Deportes do Concello do Carballiño; Roberto Rodríguez, presidente do Club Ciclista Carballiño; Manuel Pérez, xefe provincial do Servizo de Deportes da Xunta de Galicia na provincia de Ourense; e Juan Carlos Muñiz, presidente da FCG. 

A fin de semana na que O Carballiño exerce de capital galega do BTT remata este domingo co VI Mini BTT Concello do Carballiño e coa Copa XCO Concello do Carballiño, cuarta xornada do certame autonómico de Cross Country Olímpico. 

 

GALERÍA DE FOTOS

Jorge Punzón e Irene Trabazo revalidan no Carballiño os títulos do Campionato de Galicia Eliminator
Jorge Punzón e Irene Trabazo revalidan no Carballiño os títulos do Campionato de Galicia Eliminator
Jorge Punzón e Irene Trabazo revalidan no Carballiño os títulos do Campionato de Galicia Eliminator
Jorge Punzón e Irene Trabazo revalidan no Carballiño os títulos do Campionato de Galicia Eliminator
Jorge Punzón e Irene Trabazo revalidan no Carballiño os títulos do Campionato de Galicia Eliminator
Jorge Punzón e Irene Trabazo revalidan no Carballiño os títulos do Campionato de Galicia Eliminator
Jorge Punzón e Irene Trabazo revalidan no Carballiño os títulos do Campionato de Galicia Eliminator
 

R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es