12 DE FEBRERO DE 2024
Fotos: Luz Iglesias
Coa mellor cifra de participación da temporada, a Copa Galicia BTT 3h Resistencia pechou o seu calendario 2024 en Vilagarcía. No quinto domingo consecutivo de competición, a cidade arousá estreou por todo o alto un evento que reuniu a 310 bikers e no que se repartiron as camisolas finais de líder do primeiro certame coordinado pola Federación Ciclismo Galego (FCG) deste ano. A maioría das dezaseis categorías chegaron resoltas a unha última xornada na que o Xesteiras dominou por partida dobre nas táboas absolutas coa máster-40 Rebeca Muñoz e o máster-30 Manuel Ángel Parada.
O Club Arousa Bike BTT encargouse desta fin de festa e fíxoo ao grande. A expectación que xerou a estrea da 3H BTT Vilagarcía quedou de manifesto co tamaño do pelotón que se reuniu na liña de saída do circuíto deseñado ao pé do encoro do Con, no lugar de Castroagudín. A chuvia tampouco se quixo perder esta cita preparada con tanta ilusión.
Ao igual que acontecera nas dúas anteriores xornadas, en Muros e en Camariñas, o corredor máis forte foi Manuel Parada. O líder máster-30 asinou nesta ocasión once voltas, unha cifra que só acadou o representante do Xesteiras e o seu compañeiro de equipo Daniel García, tamén máster-30, a quen bateu por unha diferenza de 27 segundos. O conxunto de Cuntis encabezou cun póker a táboa absoluta. O líder elite Iván Pereira fixo terceiro e o máster-30 Samuel Baña cuarto, ambos con dez pasos pola liña de meta.
A quinta praza correspondeu a un mito do deporte galego como Iván Raña (Tambre Bike), un dos convidados de luxo a esta carreira e que subiu ao segundo chanzo do podio elite. O líder máster-40 Alejandro Paleo (Extol-Zambora.es) fixo sexto e o portador da camisola júnior, Adrián Caamaño (Caimanes Betazos), clasificouse sétimo sendo un dos dez participantes individuais que sumou unha decena de voltas. No resto de categorías masculinas anotáronse os triunfos Carlos Carregal (ArmenteiraePunto) nos sub-23, Yago Fernández (Bici Verde) nos máster-50 e Óscar Lorenzo (Bici Verde) nos máster-60.
Por primeira vez esta campaña, ninguén resistiu máis que Rebeca Muñoz entre as mulleres. Só a máster-40 do Xesteiras acumulou oito voltas na competición feminina que tivo como cabeza de carreira a Lara Lois (RG Bikes) ata que a actual campioa de España elite de Cross Country Olímpico abandonou despois de rematar o quinto parcial. A líder elite Desiree Fernández (RSBike) conseguiu a segunda posición absoluta con sete pasos pola meta e tres minutos de marxe respecto a súa rival de categoría Andrea Escudeiro (Ribadumia Bikescola). Pola cuarta praza e polo título máster-40 pugnaron Sofía da Silva (Extol-Zambora.es) e Marta Fernández (Poio Bike), decantando o pulso ao seu favor a corredora da formación do Deza, o que lle permitiu recuperar e adxudicarse a camisola da Copa.
Xunto á biker do equipo de Poio concluíu a líder máster-30 Mónica Álvarez (Toxo). O cadro de vencedoras individuais completáróno a júnior Nerea Suárez (Becani) e máster-50 Mónica Campagna (Ancares Bike), que debutou nesta proba e o seu triunfo outorgoulle o primeiro posto na xeral do seu grupo de idade.
Por parellas puxeron o broche ás súas xeiras vitoriosas os líderes masculinos e da competición mixta. Samuel Varela e Fabián Rodríguez (Cambre) marcaron a pauta por cuarta xornada consecutiva e distanciáronse en 8'30 de Juan Rey e Diego Novo (As Pontes). O outro dúo que deu dez voltas formárono Antonio Mato e Álvaro Novo (Toxo). O pleno de triunfos nesta terceira edición da Copa Galicia colleitárono Iria Nieto e Ángel Vilanova (Oiense - Compostelano) con nove xiros ao circuíto e unha vantaxe de 11'09 en relación a Raquel Román e Raúl Cancelas (Bici Verde). Jana Buba e Martin Buba (Coruxo), cun parcial menos, apuntáronse a terceira posición. En canto á carreira de remudas feminina, Yaiza Vila e Raquel Saqués (Outeiro de Rei - Creto) leváronse os trofeos de gañadoras na súa primeira experiencia como tándem neste certame.
En Vilagarcía non faltou a carreira de promoción cadete, disputada a dúas horas no formato de parellas. Xiana Coira e Alejandra Neira (Cambre), Alba Gregores e Lucas Lozano (Lynalfa - XSM), e Breixo Cochón e Breogán Fraga (Poio Bike) pisaron o chanzo máis alto do caixón.
Maillots finais
A concorrida entrega de premios en Vilagarcía, coa presenza entre outros de Carlos Coira -concelleiro de Deportes-, Gustavo César Veloso -director do conxunto profesional de estrada Tavfer-, o humorista David Amor e Óscar Sánchez -directivo da FCG-, serviu tamén para coroar ás gañadoras e gañadores das xerais finais da Copa Galicia BTT 3h Resistencia. As camisolas conmemorativas do Campionato de Europa de Ciclocrós 2024 que terá lugar en Pontevedra recibíronas Nerea Suárez e Adrián Caamaño en Júnior, Sofía Ferreiro (Esmelle) e Danny Buba (Coruxo) en Sub-23, Desiree Fernández e Iván Pereira en Elite, Mónica Álvarez e Manuel Parada en Máster-30, Sofía da Silva e Alejandro Paleo en Máster-40, Mónica Campagna e Juan Iglesias (Ferrol) en Máster-50, Manuel Bugallo (Biciosos-Rías Baixas) en Máster-60, Uxía Conde e Sara Peón (Poio Bike - XSM) nas parellas femininas, Iria Nieto e Ángel Vilanova nas mixtas e Samuel Varela e Fabián Rodríguez nas masculinas. O Xesteiras recolleu o trofeo de mellor equipo.
A vindeira cita no calendario FCG de Resistencia será o Campionato autonómico, o 3 de marzo en Narón.
Toda a información sobre a Copa Galicia BTT 3h Resistencia podes atopala na súa páxina web e nas redes sociais a través do cancelo #CopaGaliciaR24
BTT
BTT
BTT
BTT
BTT
BTT
R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es