Facebook Twitter Youtube Instagram Español

Vilagarcía acollerá a Copa Galicia 3h Resistencia e aspira ao Campionato no 2026

28 DE ENERO DE 2025

O monte Xiabre será o escenario o 9 de febreiro da terceira proba puntuable para o certame autonómico

Vilagarcia-acollera-a-Copa-Galicia-3h-Resistencia-e-aspira-ao-Campionato-en-2026

Foto: Concello de Vilagarcía

Despois da suspensión da cita de Noia, a Copa Galicia 3h Resistencia reactívase este domingo en Camariñas e o 9 de febreiro celebrará a súa terceira xornada en Vilagarcía. O circuíto arousán terá un percorrido 6 km polo entorno de Xiabre-Castroagudín e conta cun desnivel duns 180 metros. Trátase dunha proba moi dura pero nun entorno inmellorable, en palabras do presidente da Federación Ciclismo Galego (FCG), Juan Carlos Muñiz. "As expectativas están moi altas. O ano pasado a proba de Vilagarcía foi a que máis afluencia de público tivo, de feito, houbo que abrir un segundo prazo de inscrición", explicou Muñiz durante o acto de presentación que tivo lugar este luns no Concello. De feito, o número de prazas crece este 2025 das 250 ás 300, para poder dar cabida a toda a demanda que se espera.

O responsable do Club Arousa Bike, David Janza, destacou que se trata dunha boa oportunidade para participar nunha proba do máis alto nivel nun espazo que paga moito a pena. Ademais, engadiu que as condicións do circuíto son as mais adecuadas para garantir a seguridade dos participantes, xa que non hai que temer a formación de barro que poida facer esbarrar os ciclistas.

imagen

A boa acollida da proba, a idoneidade do entorno no que se celebra e a relevancia de Vilagarcía a nivel deportivo fan que a FCG estea estudando a posibilidade de que a vila acolla o ano que vén a celebración do Campionato de Galicia 3h Resistencia, que este 2025 disputarase en Muros.

Unha noticia que foi celebrada polo alcalde Vilagarcía, Alberto Varela, que destacou "o bo momento que está a vivir a localidade, que non para de crecer e consolidarse como un referente en todos os niveis, tamén no deportivo". Neste sentido, felicitou expresamente a gran actividade do Club Arousa Bike, malia súa xuventude.

Fins solidarios

Este evento ten, ademais, un marcado carácter solidario, xa que os cartos recadados irán destinados á Asociación Española contra o Cancro (AECC). "Non só estamos falando dun evento moi importante a nivel deportivo, senón que Vilagarcía demostra unha vez máis o seu carácter solidario", destacou o alcalde.

"Cos fondos recadados neste tipo de eventos os pacientes de cancro están cada vez mais preto de cumprir co noso obxectivo: que no 2030 o 70% dos doentes teñan unha mellor calidade de vida", rematou Loli Crespo, a representante da AECC.

Fai click nesta ligazón para inscribirte. O prazo remata o 5 de febreiro. 

Toda a información sobre a Copa Galicia 3h Resistencia podes atopala na súa páxina web e nas redes sociais a través do cancelo #CopaGaliciaRST25

Fonte: Concello de Vilagarcía

 

R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es