20 DE ENERO DE 2025
Fotos: Luz Iglesias
A primeira Copa Galicia do 2025 arrancou facendo honor ao seu nome. Lousame ofreceu tres horas de pura resistencia sobre a bicicleta este domingo nun circuíto enlamadísimo. Despois de cruzar a liña de meta cheos de barro ata as orellas, as gañadoras e os gañadores de dezasete categorías recibiron no podio unhas flamantes camisolas co novo deseño que distingue dende este ano aos líderes dos certames autonómicos.
A cuarta edición da Copa Galicia 3h Resistencia de BTT volve constar esta campaña de cinco probas puntuables e por terceira vez na súa aínda curta historia arrancou no evento organizado polo Club BTT O Treito. Cunha inscrición de 276 bikers, superando a cifra do ano anterior, o noiés Ángel Maneiro revalidou o seu triunfo absoluto. O elite do Supermercados Froiz completou nove voltas, o que só conseguiron outros dous participantes. O máster-30 Samuel Baña (Xesteiras) empregou 5 minutos máis para conseguilo e o elite Roberto Freire (Toxo) rematou a 10 minutos do gañador na súa categoría.
A pauta entre as mulleres marcouna a elite lalinense Tamara Seijas (RG Bikes), única corredora que deu sete voltas. Entre as seis que deron un xiro menos, a segunda praza feminina correspondeu á tamén elite Iria Nieto (Team Oiense) e a terceira, á júnior Noa Rodríguez (Creto Bikes).
O resto de maillots de líderes individuais obtivéronos Aitor Vázquez (Caimanes Betanzos) en Júnior, Yaiza Vila (Creto Bikes) e Adrián Caamaño (Extol-Zambora.es) en Sub-23, Amira Simón (Tríatlon Atlántico) en Máster-30, Paula Blanco (Monte Xalo) e Manuel Casuso (Xesteiras) en Máster-40, Manuel Castro (Barbanza) en Máster-50 e Óscar Lorenzo (Bici Verde) en Máster-60.
En canto ás parellas, nas masculinas Ángel Vilanova (Compostelano) e Darío Otero (Cambre) impuxéronse con oito voltas e 9:41 de vantaxe a Manuel Vila e David Rodríguez (Vigo Máster), que bateron por unicamente 6 segundos a Martín Agrasar e Jesús Martínez (Toxo). A competición mixta dominárona Óscar González e Fátima González (Máis Que Bicis) con oito xiros, un de marxe respecto aos dúos que os escoltaron no podio, Raquel Román e Raúl Cancelas (Bici Verde) -segundos- Carla Vilouta e Samuel Tomé (Toxo) -terceiros-. As vitorias nas carreiras de cadetes acadáronas Aroa Ferreño e Andrea Paz (Esmelle) no apartado feminino, Mateo García e Manuel Souto (Xesteiras) no masculino e Nerea Sánchez e Víctor Riveira (Xesteiras) no mixto.
O vindeiro domingo a Copa Galicia 3h Resistencia repetirá na mesma comarca, esta vez en Noia. Toda a información sobre este certame podes atopala na súa páxina web e nas redes sociais a través do cancelo #CopaGaliciaRST25
BTT
AVISOS
EVENTOS
BTT
BTT
BTT
R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es