Facebook Twitter Youtube Instagram Español

Kminek ratifica en Betanzos o dominio do Padronés Cortizo na Copa Galicia de Estrada Elite-Sub23

08 DE MAYO DE 2023

O checo bateu ao chileno Autrán (Froiz) no espectacular desenlace da Volta Comarca Brigantina. Sinuhé Fernández e Martín Rey, ambos do conxunto de Padrón, mantiveron as camisolas de líderes.

Kminek-ratifica-en-Betanzos-o-dominio-do-Padrones-Cortizo-na-Copa-Galicia-de-Estrada-Elite-Sub23

A Volta Comarca Brigantina é unha clásica en constante renovación. Na súa 27ª edición, a carreira organizada polo Club Ciclista Betanzos ofreceu este domingo un novidoso percorrido de 168 quilómetros para exercer de segunda xornada da Copa Galicia de Estrada Elite-Sub23. Ao igual que acontecera na apertura do certame autonómico, venceu o Padronés Cortizo, esta vez por medio do checo Vojtech Kmikek na espectacular chegada á Praza da Constitución. 

Un dos Imprescindibles do ciclismo galego, José García Varela 'Ventosa', encargouse como presidente de honra do Club Ciclista Betanzos do corte da cinta Praza García Irmáns e o pelotón comezou a rodar encabezado polos dous corredores do Padronés Cortizo que defendían as camisolas da Copa: o elite asturiano Sinuhé Fernández e o sub23 arousán Martín Rey. Con catro portos de montaña por diante e circulando por doce concellos, un compañeiro dos líderes, o castelanleonés Carlos Gutiérrez, participou na escapada máis longa da xornada e pasou primeiro por todos os altos puntuables. Os seus socios nesta aventura foron Manuel Castilla (High Level-Gsport-Grupo Innova Tormo) e Álvaro Sagrado (Brocar-Alé).

Os tres fuxidos puxeron terra de por medio na subida a Taboada, co seu cumio no km 42, e ascenderon xuntos San Cosme. Despois dun paso intermedio por Betanzos, afrontouse o porto do Sanatorio de Cesuras, onde Castilla perdeu contacto. O último alto, o da Queimada, aínda o coroaron á fronte da proba Gutiérrez e Sagrado, pero o reducido pelotón botóuselles enriba a continuación.

O 'muro' da Condomiña

Restaba un longo descenso e a vitoría íase decidir nas rúas de Betanzos, un final trepidante con sorpresa incluída, a do 'muro' da Condomiña. A curta e explosiva costa dentro dos últimos 2,5 km destrozou o grupo cabeceiro. A partir de aí xa non houbo tregua. O chileno José Autrán (Supermercados Froiz) lanzou a chegada e na rampla de pouco máis de 100 metros da Praza da Constitución superouno Kmikek. O checo venceu cun tempo de 4 hora e 6 segundos.

Completou o podio absoluto Sinuhé Fernández, conservando a camisola de líder elite, e cuarto fixo Vicente Rojas (Supermercados Froiz), primeiro sub23. Alejandro Paz (Padronés Cortizo) entrou décimo terceiro como mellor galego, a 20" do gañador, xusto por diante de Martín Rey, que continúa comandando a xeral do seu grupo de idade. 

A Copa Galicia celebrará a súa terceira e penúltima xornada o 4 de xuño na primeira edición da Volta Baixo Miño. Os seus maillots e os da Volta Comarca Brigantina entregáronse na cerimonia de podio que tivo lugar no atrio da igrexa de Santo Domingo, un acto no que participaron a alcaldesa María Barral; o concelleiro de Deportes, Andrés Hermida; o concelleiro de Paderne, Sergio Platas; o presidente do Club Ciclista Betanzos, Alberto Ballester; Jacobo Ucha, técnico da Federación Ciclismo Galego; e 'Ventosa'. 

Toda a informacón sobre a Copa Galicia de Estrada Elite-Sub23 podes atopala nas redes sociais a través do hashtag #CopaGaliciaEstrada23 e na súa sección dentro da nosa páxina web

Clasificación

 

R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es