Facebook Twitter Youtube Instagram Español

Os líderes da Copa Galicia Máster saen reforzados da Challenge As Rías Baixas

09 DE MAYO DE 2023

Samuel García (Norinver) impúxose en Mos, na etapa puntuable para o certame autonómico, e tamén na xeral da rolda organizada polo Máster da Louriña

Os-lideres-da-Copa-Galicia-Master-saen-reforzados-da-Challenge-As-Rias-Baixas

Máis dun mes despois da súa apertura no Memorial Fernando Abad, a Copa Galicia Máster regresou o pasado sábado na Challenge As Rías Baixas. A primeira etapa do evento organizado polo Máster da Louriña repartiu puntos para o certame autonómico na súa chegada a Mos. Nunha tirada que incluíu un treito de sterrato, venceu o máster-30 Samuel García (Norinver) e os outro dous líderes da xeral, o máster-40 Iago Alonso (Chantadino) e o máster-50 Juan Manuel Toribio (Aerodynamics), ampliaron as súas vantaxes á fronte dos rankings

O Gran Premio Concello de Mos ofreceu o sábado pola mañá un percorrido de 75 quilómetros propio dunha clásica. A subida ao Alto de Santiaguiño tiña como gran atracción os 800 metros de sterrato a un desnivel medio do 5% e a liña de meta estaba situada na zona adoquinada do Pazo de Mos. Lucindo a camisola de líder máster-30 da Copa Galicia, Samuel García presentouse en solitario nos metros finais e anotouse o triunfo con 6 segundos de marxe sobre o portugués Fabio Martins (Proteu). Outro corredor luso, o máster-40 Luis Lameira (Skoda), rematou terceiro a 19" do representante do Norinver. 

O grupo que pelexou polo cuarto posto entrou comandado polo cántabro Óscar Negrete (Unidos por un Reto-Mola), primeiro máster-50 da etapa, e entre os ciclistas que finalizaron a súa roda estivo Iago Alonso, facendo terceiro nos máster-40 por detrás de Iván Vidal (Lasal Cocinas-Louriña) e ratificando a condición de líder no seu grupo de idade. Tampouco cambiou de propietario o maillot máster-50 da Copa Galicia ao clasificarse segundo nesta categoría o asturiano Juan Manuel Toribio, que alcanzou a meta nun segundo grupo, e sumar 20 puntos máis que José María Tajes (Norinver), a súa principal ameaza na xeral. 

Nidia Arévalo, alcaldesa de Mos, participou na entrega de premios xunto a Juan José Álvarez, presidente do club organizador, e a Juan Carlos Muñiz, presidente da Federación Ciclismo Galego. O certame autonómico resolverase o 24 de xuño coa súa terceira e última cita, o Trofeo de Ciclismo Concello da Estrada. Toda a información sobre a Copa Galicia Máster podes atopala nas redes sociais a través do cancelo #CopaGaliciaMaster23 e na súa sección dentro da nosa páxina web

A sétima edición da Challenge As Rías Baixas continuou o sábado pola tarde en Ponteareas cunha contra o reloxo individual de 6 km na que repetiu triunfo Samuel García, mellorando en 4" o tempo de Fabio Martins e en 6" o do máster-40 asturiano José Ignacio Méndez (Aerodynamics).

A rolda que transitou polas estrada do sur da provincia de Pontevedra terminou o domingo no Porriño con vitoria parcial de Mikel Núñez (Lasal Cocinas-Louriña) tras 85 km de percorrido. O ciclista vasco da formación anfitrioa bateu ao esprint a Óscar Negrete e ao máster-40 Francisco Javier Iglesias (Cidade de Santiago), segundo e terceiro respectivamente. No máis alto da xeral non houbo cambios e Samuel García proclamouse vencedor absoluto.

Clasificacións

GALERÍA DE FOTOS

Os líderes da Copa Galicia Máster saen reforzados da Challenge As Rías Baixas
Os líderes da Copa Galicia Máster saen reforzados da Challenge As Rías Baixas
Os líderes da Copa Galicia Máster saen reforzados da Challenge As Rías Baixas
 

R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es