Facebook Twitter Youtube Instagram Español

Víctor Mariño asalta o trono do Descenso galego en Ponteareas

05 DE JULIO DE 2021

Uxía Álvarez impúxose na clasificación scratch feminina

Victor-Marino-asalta-o-trono-do-Descenso-galego-en-Ponteareas-

Cos ingredientes clásicos da especialidade máis vertixinosa do BTT, o Descenso regresou este domingo a territorio autonómico coa disputa do Campionato de Galicia 2021 en Ponteareas. O sub23 Víctor Mariño (X Bikes) foi o rider máis rápido no primeiro evento de DHI celebrado dende que comezou a pandemia. A Ultimate Downhill do Tea decidiuse por menos dun segundo, un desenlace emocionante nun circuíto técnico no que se repartiron dez títulos.

O Pontebike Team preparou un percorrido curto e intenso no Monte da Picaraña, con tramos comúns ao antigo circuíto. A sequidade do terreo e os remontes do sábado, que funcionaron á perfección, provocaron que os 1.400 metros de baixada estiveran moi rotos. Un escenario con varias zonas complicadas onde os pilotos que atesouran maior habilidade realizaron trazadas máis rápidas, pero ao mesmo tempo máis complicadas.

A quenda clasificatoria, para establecer a orde de saída na final, serviulle aos favoritos para tomar posicións. O mellor crono estableceuno o sub23 Marco Martínez (Corbelo) por diante de Víctor Mariño e co elite Manuel Martínez (Tribu del Ñu) ocupando a terceira praza.

Os dous riders que asinaron os rexistros máis destacados na primeira baixada volveron encabezar a clasificación absoluta na final, pero alterándose a orde. Víctor Mariño detivo o crono en 1:59,37, sendo o único dos 123 participantes capaz de baixar da barreira dos 2 minutos. O rider do X Bikes asaltou o trono autonómico superando por 993 milésimas a Marco Martínez e por algo máis dun segundo e medio (1,736) a Francisco Vilaboa (Máis Que Bicis)

O terceiro clasificado na táboa scratch proclamouse campión élite despois de sufrir unha caída na clasificatoria e competindo cunha bicicleta de Enduro nun circuíto moi específico de Descenso. Francisco Vilaboa estivo escoltado no podio da categoría raíña masculina por Manuel Martínez e Kevin Méndez (Rocasport Giant), cuarto e quinto na clasificación absoluta. Sexto concluíu Alejandro Paz (Bicis Oliveira), bronce nos sub23.

Entre os dez primeiros, na novena praza, tamén finalizou o gañador máster-30 Alejandro Vila (Xtrembike), que no seu grupo de idade bateu a Iván Mourelo (DH Galicia) e a Héctor Parada (+ Enduro), mentres que o Top-10 absoluto pechouno o júnior Roi Jorge (Ciclos Quintena). A segunda posición xuvenil correspondeu a Zoe del Río (XSM) e a terceira, a Marcos Abalo (Castrobikes).

No resto de categorías masculinas, Uxío Atrio (Academia Postal- Abanca) impúxose nos cadetes a André Martínez (Avanza-O Porriño) e a Xoel Pereira (Bici Verde). En canto aos máster-40, José Manuel López Vaqueiro (VK Bikes) logrou o título e no podio acompañárono Juan José Fernández (MR Bikes), segundo clasificado, e José Manuel Verdía (Ciclos Quintena), terceiro. Por último, José Ernesto Cameselle (Monteboi Bike) colgouse a medalla de ouro máster-50, a de prata foi para Moisés Aparicio (Tahume) e co bronce fíxose Manuel Paz (Compostelano).

Campioa Júnior

Unha rider en idade xuvenil anotouse o triunfo absoluto entre as mulleres. A júnior Uxía Álvarez (Coruxo) marcou o mellor crono na clasificatoria e repetiu na final cun rexistro de 2:57,035. A defensora da coroa galega bateu por 2 segundos á campioa elite Gemma Chapela (VK Bikes), quedando en terceira posición Lucía Piñeira (Pontebike), que se vestiu co maillot autonómico cadete.

Ao marxe do Campionato de Galicia, no Ultimate Downhill do Tea tamén houbo competición de Enduro con vitoria de Luis Miguel Carballo (Picaraña). Todos os triunfadores recibiron os seus premios nunha cerimonia de clausura na que estiveron presentes o concelleiro de Deportes de Ponteareas, Miguel Bouzó; o presidente da Federación Ciclismo Galego, Juan Carlos Muñiz; xunto a representantes do club organizador e da Comunidade de Montes de Arcos.

Clasificación

 

R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es