Facebook Twitter Youtube Instagram Español

Mauro González conserva en Budiño a coroa de campión de Galicia de Enduro

26 DE JUNIO DE 2023

Once riders fixéronse con títulos autonómicos na proba porriñesa

Mauro-Gonzalez-conserva-en-Budino-a-coroa-de-campion-de-Galicia-de-Enduro

Se no 2022 o Campionato de Galicia de Enduro estivo marcado pola chuvia e a lama, as condicións foron totalmente diferentes na súa edición deste ano. A intensa calor acompañou este domingo aos riders que pugnaron polos títulos autonómicos na parroquia porriñesa de Budiño. A ese cambio drástico de escenario soubo adaptarse o elite Mauro González (Salvaterra de Miño) para reter a coroa e comandar a nómina dos once títulos da Federación Ciclismo Galego (FCG) que se repartiron baixo un sol de xustiza.

O Enduro Faro de Budiño, organizado pola Asociación Deportiva A Forna, reuniu na súa cuarta edición a 128 participantes e propuxo un percorrido de 30 quilómetros con case 1.300 metros de desnivel positivo acumulado. Dos seus seis treitos cronometrados, Mauro González apuntouse cinco. O defensor do trono elite só deixou de asinar o rexistro scratch no terceiro parcial, onde o mellor tempo correspondeu ao gañador máster-30 Santos Lemos (Grupeta Pan de Zarko), segundo na clasificación absoluta. A diferenza final entre ambos situouse en 22 segundos.

A menos dun segundo de Santos Lemos terminou o triunfador sub23 David Fernández (Avanza – O Porriño) e a cuarta praza obtívoa o seu compañeiro de equipo André Martínez, impoñéndose entre os juniors. Os dous representantes do conxunto porriñés revalidaron os títulos das súas categorías. O top-5 do Enduro Faro do Budiño completouno un representante do equipo anfitrión, Raúl Romero (A Forna), facéndose co subcampionato xuvenil.

Todos os riders que concluíron entre os dez primeiros colgáronse unha medalla nas súas categorías. A sexta praza de Kevin Méndez (Rocasport Giant) serviulle para quedar segundo nos elites, a sétima de Hugo Rosendo (Cerdedo-Cotobade) outorgoulle o bronce júnior, a oitava de Alejandro Pérez (Tripamp Ourense) concedeulle o terceiro posto elite, a novena posición ocupouna o máster-40 José Manuel López Vaqueiro (Cerdedo Cotobade) repetindo título no seu grupo de idade e décimo meteuse o subcampión sub23 Ismael Ucha (Pontebike).

Os outros tres podios masculinos do Campionato de Galicia tiveron no seu chanzo máis alto a Jose Misa (Raposo) nos máster-50, a Francisco Javier Acevedo (Bici Verde) nos máster-60 e a Rubén Temprano (Komanche) nos cadetes. Esta última categoría constou de catro treitos cronometrados e o vencedor estivo escoltado no caixón por Yerái Peláez (Coruxo) e o seu compañeiro de club Mauro Vega, segundo e terceiro respectivamente.

En canto á competición feminina, a nova campioa elite Desiree Fernández (Ribadumia) superou á gañadora máster-30 Lorena Castro (VigoEnduro), mentres que Arantxa Gómez (OsdoSacho) conquistou o título cadete. Ao marxe do Campionato de Galicia disputáronse tres categorías: por parellas dominou o dúo do THC Bike formado por Diego Pérez e Gabriel Suárez, nas bicicletas eléctricas masculinas triunfou David Pazos (Rocasport Giant) e no apartado feminino de ebikes Juana Vidal (Moto Bike).

 Á entrega de premios en Budiño asistiu Alejandro Lorenzo, alcalde do Porriño, acompañado por Carlos Martínez, concelleiro de Industria, Contratación e Patrimonio. Xunto a eles encargouse de entregar os trofeos Germán Lorenzo, responsable da sección de ciclismo da A.D. A Forna, e Eva Castro, seleccionadora galega de DHI e Enduro, impuxo as camisolas de campioas e campións da FCG. 

PODIOS CAMPIONATO

 

Elite F

1. Desiree Fernández (Ribadumia)

 

Elite M

1. Mauro González (Salvaterra de Miño)

2. Kevin Méndez (Rocasport Giant)

3. Alejandro Pérez (Tripamp Ourense)

 

Sub23 M

1. David Fernández (Avanza - O Porriño)

2. Ismael Ucha (Pontebike)

3. Marcos Estévez (Pontebike)

 

Júnior M

1. André Martínez (Avanza - O Porriño)

2. Raúl Romero (A Forna)

3. Hugo Rosendo (Cerdedo-Cotobade)

 

Máster-30 F

1. Lorena Castro (VigoEnduro)

 

Máster-30 M

1. Santos Lemos (Grupeta Pan de Zarko)

2. Carlos Núñez (Kamikazes)

3. José María Romero (Pontebike)

 

Máster-40 M

1. José Manuel López Vaqueiro  (Cerdedo Cotobade)

2. Iván Freira (VK Bikes)

3. Hugo Fernández (THC Bike)

 

Máster-50 M

1. Jose Misa (Raposo)

2. Marcos Araújo (MR Bikes)

3. Ricardo Escudero (Poio Bike)

 

Máster-60 M

1. Francisco Javier Acevedo (Bici Verde)

 

Cadete F

1. Arantxa Gómez (OsDoSacho)

 

Cadete M

1. Rubén Temprano (Komanche)

2. Yerái Peláez (Coruxo)

3. Mauro Vega (Coruxo)

 

Clasificacións 

Foto 2: Alejandro Lorenzo

 

R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es