Facebook Twitter Youtube Instagram Español

O DH A Fracha volveu coa forza da xuventude

18 DE SEPTIEMBRE DE 2023

O júnior Héctor Quinteiro (Pontebike) e a cadete Arantxa Gómez (Osdosacho) firmaron os rexistros scratch na terceira cita da Copa Galicia

O-DH-A-Fracha-

Os amantes do Descenso gozaron o pasado sábado dun regreso que levaban moito tempo desexando. Despois de 14 anos volveu o DH A Fracha, da man da Peña Ciclista Moto Bike, e exercendo de terceira e penúltima xornada puntuable da Copa Galicia DHI. Dous riders que eran moi cativos a última vez que se celebrara este evento, a cadete Arantxa Gómez (Osdosacho) e o júnior Héctor Quinteiro (Pontebike), foron os máis rápidos no circuíto pontevedrés. 

Grazas ao esforzo e á ilusión do club organizador, o calendario autonómico recuperou unha cita histórica. Esta iniciativa contou co apoio do Concello de Pontevedra, orgulloso duha competición que pon en valor os recursos naturias da Boa Vila. O Descenso autonómico ten ao parque forestal de A Fracha como unha das súas catedrais e preto dun centenar de riders lanzáronse para abaixo nunha espectacular baixada. 

A xuventude pediu paso na proba da Copa Galicia que retomou o calendario do certame coordinado pola Federación Ciclismo Galego (FCg) despois de catro meses de paréntese. O júnior Héctor Quinteiro detivo o cronómetro en 2:11,519 na final. O piloto do Pontebike encabezou a táboa scratch por diante de catro corredores elite. Cristian Novo (VK Bikes) quedou a  739 milésimas do rider xuvenil e apuntouse unha axustadísima vitoria na categoría raíña, batendo por 39 milésimas a Sergio Peleteiro (Moto Bike), por 285 milésimas a Mauro González (Salvarterra) e por case 1 segundo e medio a Toni Ferreiro (Coruxo).

Sexto e sétimo, respectivamente, clasificáronse os juniors Gael Ferro (Bici Verde) e Hugo Rosendo (Cerdedo-Cotobade), a oitava praza ocupouna Javier Fernández (Bicicletas Chinquena) -novo líder elite-, a novena correspondeu ao vencedor máster-30 Héctor Parada (+Enduro MTB) e a décima a Jose Montenegro (Moto Bike), que conseguiu a vitoria máster-40 para o club organizador. Zoe del Río (XSM), primeiro sub23, rematou undécimo e o cadro de gañadores masculinos dos seus grupos de idade completárono o cadete Yerai Peláez (Coruxo) e o máster-50 Ricardo Escudero (Poio Bike).

Scratch cadete

Cos resultados da clasificatoria na man, a máster-40 Juana Vidal (Moto Bike) partía como clara favorita para anotarse o scratch feminino, pero na final o tempo da rider do conxunto anfitrión escapóuselle 14" por riba do protagonizado na primeira baixada. Unha actuación máis regular asinou a cadete Arantxa Gómez. Nas dúas quendas inverteu 3'09" e co seu rexistro da final rebaixou en 3" o de Vidal. A elite Gemma Chapela (VK Bikes) fixo terceira absoluta por diante doutra corredora da súa mesma categoría, de Desiree Fernández (Ribadumia). 

Ao marxe da Copa Galicia disputouse a competición de Enduro, dominada por Jorge Pérez (Pontebike), e a Infantil, na que subiu ao máis alto do podio Mario Barreiro (VK Bikes). Na cerimonia de entrega de premios participaron Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra; Jacobo Alfonso Fontán, do Moto Bike e alma máter do circuíto; e David Carrillo, secretario da FCG. 

Cinco novos líderes

A falta dun evento, o VII DH Kamikazes do 22 de outubro, as xerais do certame autonómico contan con cinco novo líderes: Héctor Quinteiro nos juniors, Javier Fernández nos elites, Manuel Baños (Bicicletas Chinquena) nos máster-30, Juana Vidal nas máster-40 e Jose Montenegro nos máster-40. O resto dos rankings continúan comandados por Rubén Temprano (Komanche) e Alexia Santervas (A Forna) en cadetes, Uxía Álvarez (Coruxo) e Zoe del Río en Sub23, Gemma Chapela nas elites, Lorena Castro (VigoEnduro) nas máster-30 e Ricardo Escudero nos máster-50. 

Toda a información sobre o circuíto galego de Descenso podes atopala na súa sección dentro desta mesma páxina web e nas redes sociais a través do cancelo #CopaGaliciaDHI23. 

Clasificacións

     
   

R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es