24 DE JUNIO DE 2024
Fotos: RFEC / Lalín Bike Race
Este domingo, Lalín celebrou o Campionato de España de Cross Country Maratón, regresando tres anos despois á capital da comarca do Deza a cita máis importante no calendario estatal do XCM. Na espectacular Lalín Bike Race, baixo a organización do Extol MTB Team e o Club Montes do Deza, participaron máis de 430 fondistas do BTT, que tiveron que facer fronte a un esixente percorrido de 95 kilómetros con máis 2.800 metros de desnivel para a categoría masculina e 86 km e 2.600 metros de desnivel para as mulleres. Os elites José María Sánchez (Scott) e Tessa Kortekaas (Cannondale) fixéronse coas vitorias absolutas, e os masters galegos sumaron seis medallas, dúas delas de ouro.
Ás 9:30 horas, tomábase a saída desde a Praza de Galicia, cun gran ambiente, e unha gran igualdade dos corredores que se fixo palpable desde o inicio. José María Sánchez, Pablo Rodríguez, Sergio Mantecón, Luis Francisco Pérez, Roberto Bou, Víctor Manuel Fernández e Marcos García tomaron a iniciativa nos primeiros compases da proba. Precisamente, Marcos García, campión en Lalín en 2021, probou fortuna e saltou do grupo e no segundo pasou intermedio rodaba cunha vantaxe de 50 segundos sobre os seus perseguidores. O macedao Pablo Rodríguez iniciou a remontada, alcanzou ao de San Martín de Valdeiglesias e liderou a proba, perseguido a 40 segundos por un grupo formado José María Sánchez, Roberto Bou, Marcos García e Miguel Muñoz.
Con todo, o galego do Buff Megamo, a pesar da súa gran actitude, foi superado nos últimos quilómetros polo grupo tirado polo aragonés Bou, quen xunto co andaluz José María Sánchez disputou o esprint na liña de meta, caendo ao lado deste último. En terceira posición chegou Marcos García a 42 segundos da cabeza. Rodríguez rematou sexto e entre os elites da nosa comunidade concluíron entre os 30 primeiros Brandán Márquez (Selección de Galicia) na décimo novena posición, Yago Fernández (Selección de Galicia) na 27ª e Diego Marnotes (Extol-Zambora.es) na 29ª.
Entre as mulleres, Tessa Kortekaas dominou de principio a fin a proba ante Natalia Fischer, que non tirou a toalla ata o final. A neerlandesa asentada en Canarias entrou na liña de meta cun tempo de 4:34:03, concluíndo a andaluza Fischer a un minuto de vantaxe. O duelo máis igualado chegou pola terceira praza, con Sofía Rodríguez batendo por escasos tres segundos a María Pilar Fernández. Catro galegas acadaron postos de top-10 nas elites: Raquel Román (Selección de Galicia) terminou sexta, Eva Ortega (Extol-Zambora.es) sétima e Andrea Escudeiro (Ribadumia) décima.
A Selección de Galicia presentou a sete bikers e nos grupos de idade máster pisou dúas veces o podio. Daniel García Castaño logrou o título 30A, grupo de idade que encabezou Diego Álvarez antes de abandonar, e Manuel Ángel Parada colgouse o bronce 30B ao cruzar a meta 10 segundos antes que o seu compañeiro no combinado autonómico Manuel Casuso, cuarto nos 30B.
Defendendo as cores dos seus equipos, catro masters galegos elevaron a seis a colleita de metais para a nosa comunidade. Francisco Xavier López Cedrón (Milagrosa) proclamouse campión 50B; Antonio Rodríguez (Ourense Termal) conseguiu a prata nos 50A; o mesmo metal adxudicouse Rebeca Muñoz (Xesteiras) nas 40B; e Constantino Arias (ADO Moure) subiu ao terceiro chanzo do caixón nos 60B.
BTT
BTT
BTT
BTT
BMX
BMX
R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es