Facebook Twitter Youtube Instagram Español

Lorena Patiño, imparable na UCI XCO Junior Series de Melgaço

04 DE MARZO DE 2025

Alejandro García pisou o podio sub-23 en Portugal. As cadetes Nerea Soto e Iris Santana obteñen os mellores resultados galegos na apertura da Copa de España

Lorena-Patino-imparable-na-UCI-XCO-Junior-Series-de-Melgaco

Fotos: Federaçao Portuguesa de Ciclismo

Os especialistas da nosa comunidade en Cross Country Olímpico dividíronse durante a fin de semana en dúas citas do calendario UCI (Unión Ciclista Internacional). Zaragoza acolleu o primeiro evento da Copa de España Cofidis e Melgaço, a apertura da Taça de Portugal. Na fronteira lusa con Galicia, no circuíto onde o vindeiro mes de xullo se vai celebrar o Campionato de Europa, as dúas principais referencias do noso XCO na actualidade subiron ao podio. 

Terceira en Chelva e segunda en Banyoles, por terceira semana consecutiva Lorena Patiño brillou nas UCI XCO Junior Series e nesta ocasión conseguiu a súa primeira vitoria da temporada. A marinense do Decathlon Misser Project amosouse imparable no percorrido polo Centro de Estágios de Melgacó. A vixente campioa de España xuvenil venceu cunha marxe de 2 minutos e 31 segundos sobre a francesa Lison Desprez (Evron Coetmieux) e logrou 1 minuto máis de vantaxe respecto á terceira clasificada, a rioxana Mónica Estrada (BH Coloma). A segunda galega nesta carreira, Lara Pita (RFEC), fixo sétima. 

A proba elite e sub-23 masculina contou con dous bikers da nosa comunidade no top-10. O carballiñés Alejandro García (Mondraker) anotouse a quinta posición absoluta e a terceira sub-23. O ourensán rematou a 2:48 do gañador en ambas clasificacións, do francés Alix Gallis (Sunn Factory). A décima praza obtívoa o elite monfortino Saúl López (Academia Postal - Maceda).

imagen

Dobre presenza autonómica tamén se rexistrou entre os dez primeiros na categoría júnior masculina. Mauro Vega (Coruxo) concluíu sétimo e Marcos Rodríguez (RFEC), noveno. Pola súa banda, a cadete Ainoa Posada (AXPO) ocupou o sexto posto. En canto aos grupos de idade máster, Manuel Bugallo (Biciosos-Rías Baixas) e Óscar Lorenzo (Bici Verde), segundo e terceiro respectivamente, escoltaron no caixón máster-60 ao portugués Fernando Gonçalves (SAERTEX).

COPA DE ESPAÑA COFIDIS

O certame de XCO da Real Federación Española de Ciclismo arrancou co Gran Premio Zaragoza XCO. As cadetes Nerea Soto (Lynalfa Ponteareas), cuarta, e Iris Santana (Coruxo), quinta, encabezaron os resultados galegos. O máster-30 Manuel Parada (Xesteiras), sétimo, e o cadete Guillermo García (Avanza-O Porriño), undécimo, tamén asinaron posicións sobranceiras. A Copa de España Cofidis continuará este domingo en Valladolid. 

 

Clasificacións Melgaço

Clasificacións Zaragoza

GALERÍA DE FOTOS

Lorena Patiño, imparable na UCI XCO Junior Series de Melgaço
 

R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es