24 DE FEBRERO DE 2025
Fotos: Luz Iglesias
A especialidade invernal do BTT na nosa comunidade renovou a súa nómina de campioas e campións este domingo en Muros. O circuíto deseñado nas inmediacións do campo de fútbol Agra da Filgueira de Louro acolleu a cuarta edición do Campionato de Galicia 3h Resistencia, un evento que rexistrou 261 inscritos. Dous bikers que acumularon éxitos na Copa Galicia desta campaña, a elite Tamara Seijas (RG Bikes) e o máster-30 Samuel Baña (Xesteias), cumpriron co seu papel de favoritos ás vitorias absolutas nas competicións individuais. En total, repartíronse dezanove títulos.
O reto de sumar voltas durante as tres horas que dura a carreira volveu contar, do mesmo xeito que aconteceu na maioría de eventos desta temporada, coa dificultade engadida da lama. Nalgúns treitos acumulábase unha gran cantidade de barro, o que aumentou a esixencia dun trazado no que o Club Ciclista Muros coida ata o máis mínimo detalle. O gran traballo realizado pola entidade anfitrioa estivo á altura do man a man que se viviu polo primeiro posto absoluto entre os homes.
Samuel Baña, gañador o domingo anterior no peche da Copa Galicia en Narón, rodou xunto ao sub-23 Adrián Caamaño (Extol-Zambora.es) ata a oitava e última volta que completaron os dous primeiros clasificados. Nese xiro definitivo, o máster-30 do Xesteiras abriu un oco de 32 segundos que lle permitiu asinar un triunfo especial: o ciclista da parroquia de Serres impúxose no seu concello e por primeira vez logrou o primeiro posto absoluto no Campionato de Galicia 3h Resistencia.
A mesma cifra de pasos por meta acadárona sete corredores máis. Yago Fernández (Extol-Zambora.es), terceiro absoluto a 2 minutos e 13 segundos de Baña, conquistou o título elite. Cuarto finalizou o subcampión sub-23 Iago Carou (Lasal Cocinas-Craega); quinto fixo o segundo clasificado elite Esteban Sánchez (RG Bikes); a sexta praza outorgoulle a medalla de prata máster-30 a David Fernández; sétimo e terceiro sub-23 rematou Martín Díaz (XSM); oitavo concluíu Ignacio Casal (Extol-Zambora.es), terceiro entre os elites; e Diego Álvarez (Aerodynamics), noveno, revalidou a coroa máster-40.
Menos voltas necesitaron os outros tres campións de Galicia en categorías masculinas individuais. O júnior Xoel Cidrás (XSM) e o máster-50 Miguel Ángel Arias (Extol-Zambora.es) percorreron sete veces o circuíto e un xiro menos deu o vencedor máster-60 Óscar Lorenzo (Bici Verde).
Gran revelación esta temporada na Copa Galicia, con tres vitorias en catro xornadas, Tamara Seijas tivo que remontar ante a defensora do título elite. Raquel Román (Bici Verde) comezou a quinta volta comandando a competición feminina, pero nos dous últimos parciais chegou a reacción da corredora lalinense do RG Bikes. A súa primeira camisola de campioa autonómica de 3h Resistencia conseguiuna con 4 minutos e 21 segundos de vantaxe.
Media ducia de xiros ao trazado muradán tamén acumularon a terceira elite Iria Nieto (Team Oiense) e a gañadora júnior Lara Pita (Planet MTB), terceira e cuarta respectivamente na orde absoluta. Co mesmo número de voltas, seis, Rebeca Muñoz adxudicouse a clasificación máster-40. No resto de categorías femininas, María José Veiga (Quercus-Aper) dominou nas máster-30 con cinco parciais, os mesmos que a raíña máster-50 Susana López (Bikestrada) e un máis que a campioa sub-23 Yaiza Vila (Creto Bikes).
Parellas
Cinco dúos subiron ao máis alto de podio logo de competir por remudas. A parella masculina máis rápida formárona Manuel Armada e Darío Buceta (Cidade de Santiago-Supermercados Froiz), batendo despois de oito voltas por 3:27 a Marcos Mayo-Gabriel Castiñeira (BTT O Treito-Tríatlon Costa da Morte), que a súa vez protagonizaron un intenso duelo pola segunda praza resolto por menos de medio minuto con Juan José Chapela e Constantino Muñoz (Máster do Morrazo-Grupeta Pan de Zarko). O título mixto obtivérono Rebeca Fontela e Samuel González (Máis Que Bicis) con sete pasos por meta e 10 minutos de diferenza respecto aos seus compañeiros de equipo Fátima González e Óscar González. O terceiro chanzo do caixón ocupárono Carla Vilouta e Samuel Tomé (Toxo). En canto aos tándems femininos, as gañadoras Irene Trabazo e María Filgueiras (XSM) rexistraron seis xiros e unha vantaxe de 11:18 sobre Alba Gregores e Elba Hermida (Lynalfa-Ponteareas).
Por primeira vez a carreira de parellas cadetes, de dúas horas de duración, concedeu títulos do Campionato de Galicia. Andrea Paz e Aroa Ferreño (Esmelle) nas rapazas, Iris Santana e Lucas Carrizo (Coruxo) na categoría mixta e Mateo Ledo e José Manuel Pintos (Lynalfa-Ponteareas) nos rapaces colgáronse as medallas de ouro.
PODIOS DO CAMPIONATO DE GALICIA
ELITE F
1. Tamara Seijas (RG Bikes)
2. Raquel Román (Bici Verde)
3. Iria Nieto (Team Oiense)
ELITE M
1. Yago Fernández (Extol-Zambora.es)
2. Esteban Sánchez (RG Bikes)
3. Ignacio Casal (Extol-Zambora.es)
SUB-23 F
1. Yaiza Vila (Creto Bikes)
SUB-23 M
1. Adrián Caamaño (Extol-Zambora.es)
2. Iago Carou (Lasal Cocinas-Craega)
3. Martín Díaz (XSM)
JÚNIOR F
1. Lara Pita (Planet MTB)
2. Noa Rodríguez (Creto Bikes)
3. Nerea Suárez (Carballo)
JÚNIOR M
1. Xoel Cidrás (XSM)
2. Brais Vázquez (Cambre-Sibuscascoche)
3. Aitor Vázquez (Caimanes
MÁSTER-30 F
1. María José Veiga (Quercus-Aper)
2. Amira Simón (Tríatlon Atlántico)
MÁSTER-30 M
1. Samuel Baña (Xesteiras)
2. David Fernández (Narón)
3. Darío Suárez (3AG)
MÁSTER-40 F
1. Rebeca Muñoz (Xesteiras)
2. Beatriz Vicente (Podium)
3. Tamara Santos (VK Bikes)
MÁSTER-40 M
1. Diego Álvarez (Aerodynamics)
2. Xan Valiño (Xesteiras)
3. Santiago Barreiro (Creto Bikes)
MÁSTER-50 F
1. Susana López (Bikestrada)
2. Mónica Campagna (Ancares Bike)
MÁSTER-50 M
1. Miguel Ángel Arias (Extol-Zambora.es)
2. Roberto Fontán (Norinver)
3. Juan Carlos Muñiz (Norinver)
MÁSTER-60 M
1. Óscar Lorenzo (Bici Verde)
2. José Ramón López (Cambre)
3. José Manuel González (Maceda)
PARELLAS F
1. Irene Trabazo-María Filgueiras (XSM)
2. Alba Gregores-Elba Hermida (Lynalfa-Ponteareas)
PARELLAS MIXTAS
1. Rebeca Fontela-Samuel González (Máis Que Bicis)
2. Fátima González-Óscar González (Máis Que Bicis)
3. Carla Vilouta-Samuel Tomé (Toxo)
PARELLAS M
1. Manuel Armada-Darío Buceta (Cidade de Santiago-Supermercados Froiz)
2. Marcos Mayo-Gabriel Castiñeira (BTT O Treito-Tríatlon Costa da Morte)
3. Juan José Chapela-Constantino Muñoz (Máster do Morrazo-Grupeta Pan de Zarko)
PARELLAS CADETES F
1. Andrea Paz-Aroa Ferreño (Esmelle)
PARELLAS CADETES MIXTAS
1. Iris Santana-Lucas Carrizo (Coruxo)
2. Leire García-Martiño Rama (Lynalfa-Ponteareas)
3. Lía Rodríguez-Lucas Seijo (Creto Bikes-Sanomedio)
PARELLAS CADETES M
1. Mateo Ledo-José Manuel Pintos (Lynalfa-Ponteareas)
2. Jorge Lorenzo-Aarón Rodríguez (Lynalfa-Ponteareas)
3. Alejandro Rodríguez-Iker Pena (Avanza O Porriño-Creto Bikes)
BTT
FORMACIÓN
BTT
BTT
FORMACIÓN
BTT
R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es