16 DE JUNIO DE 2025
Fotos: Luz Iglesias
Tres intensos meses de calendario, con nove probas puntuables, chegaron á conclusión este sábado en Marín. A Copa Galicia de Cross Country Olímpico celebrou a súa última xornada e fíxoo formando parte da programación do XaxanBike, o evento que tamén incluíu un Mini BTT e un Mini DH, e reuniu a máis de 600 bikers. Das seis clasificacións que faltaban por resolver no certame de XCO só se rexistrou cambio de líder nunha e quen asaltou o primeiro posto foi a anfitrioa da fin de semana.
Irene Trabazo combinou a súa faceta de organizadora coa de corredora elite. O seu club, o XSM, preparou un circuíto con alicientes como un wallride e no que non se marcaron grandes diferenzas. O equipo local dominou a táboa por equipos e na proba raíña feminina asinou un dobrete. A sub-23 María Filgueiras venceu con 53 segundos de vantaxe respecto á súa compañeira Trabazo, gañadora elite e líder final da súa categoría ao desbancar do máis alto da xeral a Lara Lois (RG Bikes Scott), ausente nesta proba. O terceiro posto absoluto correspondeu á elite Raquel Román (Bici Verde), que rematou a 13" da marinense. A líder sub-23 Yaiza Vila (Creto Bikes) fixo quinta e outra sub-23, Nerea Martínez (Avanza-O Porriño), quinta.
Entre o resto de gañadoras no XaxanBike sobresaíu Lorena Patiño (Decathlon), a vixente campioa de España júnior, que non se perdeu a xornada da Copa Galicia na súa localidade natal. Iris Santana (Coruxo) impúxose nas cadetes, Carolina Díez (Creto Bikes) nas máster-30, Beatriz Vicente (Podium Team) nas máster-40 e Jimena Novo (Farto) defendeu con éxito a súa condición de líder infantil anotándose a vitoria na categoría das máis novas.
Sen o seu compañeiro de equipo e segundo clasificado na xeral Saúl López (Academia Postal-Maceda), Iván Feijoo presentouse na liña de saída cunha considerable vantaxe para adxudicarse o ranking elite. O corredor de Allariz púxolle a rúbrica ao seu título cun traballado triunfo. Superou por 38" a Jorge Aguín (Supermercados Froiz) na súa quinta vitoria da temporada. As outras catro obtívoas Saúl López. O terceiro posto absoluto ocupouno Martín Díaz, primeiro sub-23 e líder que tampouco tiña garantido matematicamente ser o vencedor final da xeral antes do XaxanBike. Entrou 4" por diante do elite Alberto Pedreira (Bici Verde) e o top-5 absoluto completouno o sub-23 Denis González (Avanza-O Porriño).
Do mesmo xeito, impoñéndese no trazado de Chan de Gagán, sentenciaron as xerais das súas categorías o cadete Guillermo García (Avanza- O Porriño) e o máster-50 Antonio Rodríguez (Ourense Termal). A carreira júnior dominouna Raúl Puelles (Supermercados Froiz), a infantil Mateo Hermida (Lynalfa-Ponteareas), a máster-30 Manuel Parada (Xesteiras), a máster-40 Constantino Muñoz (Grupeta Pan de Zarko) e a máster-60 Óscar Lorenzo (Bici Verde).
Unha vez entregados os premios da xornada, na cerimonia de podio realizouse a clasura da Copa Galicia XCO 2025. A nómina de 16 líderes finais compuxérona Jimena Novo e Mateo Hermida en Infantil, Iris Santana e Guillermo García en Cadete, Elba Hermida (Lynalfa-Ponteareas) e Marcos Rodríguez (Academia Postal-Maceda) en Júnior, Yaiza Vila e Martín Díaz en Sub-23, Irene Trabazo e Iván Feijoo en Elite, Carolina Díez e José Luis Pereira (Xesteiras) en Máster-30, Beatriz Vicente e Marcos López en Máster-40, Antonio Rodríguez en Máster-50 e Óscar Lorenzo (Bici Verde). O Cambre recibiu o premio como mellor equipo da temporada.
A seguinte cita no calendario autonómico da especialidade olímpica do BTT é o Campionato de Galicia deste sábado, 21 de xuño, en Ribadumia.
Toda a información sobre a Copa Galicia XCO podes atopala nas redes sociais a través do cancelo #CopaGaliciaXCO25 e na súa sección dentro da páxina web da FCG
BTT
FORMACIÓN
BTT
FORMACIÓN
BTT
BTT
R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es