19 DE ENERO DE 2026
Foto: Luz Iglesias
A Copa Galicia BTT Resistencia racha esta temporada o seu teito de probas. Por primeira vez o certame invernal conta con seis citas no seu calendario e ese crecemento débese á estrea dun evento. Con 250 participantes, un circuíto que agradou e un cadro de gañadores e gañadoras bastante diferente ao das anteriores xornadas, a 3H Armenteira e Punto celebrou este domingo a súa primeira edición no concello pontevedrés de Meis.
O pelotón biker que rodou no trazado do Campo de Golf rematou os 180 minutos de competición algo enlamado. O mellor rendemento individual no terceiro asalto da Copa Galicia asinouno o elite Rubén Deaño (Ourense Termal), completando sete voltas en 2 horas 37 minutos e 8 segundos. O ribadaviense sumou a súa primeira vitoria do ano ao adxudicarse o duelo con Daniel García (Xesteiras) por unha vantaxe de 1 minuto e 39 segundos. A terceira posición, tanto absoluta como no podio elite, correspondeu a Alejandro Silva (Gallardo Armenteira), a 7:10 do vencedor.

Manuel Souto (Xesteiras), líder da xeral júnior, fixo cuarto e o seu compañeiro de equipo Óscar Pino, primeiro entre os máster-30, pechou o top-5. Vicente Alló (Chantadino) comandou a táboa sub-23, Jorge Abeal (3AG) impúxose nos máster-40, mentres que nos máster-50 Jose Manuel Gómez Bestilleiro (Xesteiras) mantivo a súa condición de invicto e nos máster-60 dominou Manuel Bugallo (Biciosos-Rías Baixas).
O Club de Montaña Xesteiras, que recibiu o trofeo de mellor equipo, desfrutou do debut triunfal coas súa cores de Lara Lois. A grovense e a tamén elite Raquel Román (Extol-Zambora) foron as únicas corredoras que conseguiron dar seis voltas, cunha diferenza entre elas de 11:47. Cun xiro menos ao circuíto clasificouse terceira Rebeca Muñoz (Xesteiras) e o cuarto posto obtívoo Patricia González (Ribadumia), resultado que lle serviu para conservar o liderado da xeral elite.
Outra biker que marcha primeira na súa categoría, a máster-40 Tamara Santos (VK Bikes), concluíu quinta. O resto de vitorias individuais femininas acadáronas a júnior Alexandra Lorenzo (Xesteiras), a sub-23 Andrea Varela (Gallardo Armenteira), a máster-30 Amira Simón (Tríatlon Atlántico) e a máster-50 Mónica Campagna (Ancares Bike).
PARELLAS
Ao máis alto do caixón nas competicións de 3 horas por parellas subiron dous dúos que elixiron Meis para entrar en acción na Copa Galicia BTT Resistencia 2026. Nos tándems masculinos, Anxo Carril e Aron Gómez (Coruxo) acumularon oito voltas, unha máis que Jorge Rodríguez e Miguel García (Atlético Aguzo) e Darío Tubío e Antonio Mato (Toxo), segundos e terceiros respectivamentes. A categoría mixta destacou pola súa emoción con Ainoa Posada (AXPO) e Bernardo Pereira batendo por 48" a Nerea Sánchez e Víctor Riveira (Xesteiras) e por 2:52 a Iris Santana e Alejandro Souto (Coruxo) despois de seis parciais.
En canto ás parellas cadetes, categoría que se disputa a 2 horas, rexistrouse case un pleno do Cambre. María Vázquez e Ramón Iglesias marcaron a pauta na categoría mixta, Izan Fernández e Pedro Seoane na masculina, e a representante do conxunto cambrés Lara Fernández venceu na carreira feminina xunto a Carla Hermida (Náutico Narón).

Alcanzado o ecuador da Copa Galicia, as xerais do certame coordinado pola Federación Ciclismo Galego lidéranas Alexandra Lorenzo e Manuel Souto en Júnior, Andrea Varela e Vicente Alló en Sub-23, Patricia González e Ángel Maneiro (Toxo) en Elite, Amira Simón e Santiago García (Armenteira e Punto) en Máster-30, Tamara Santos e Jorge Abeal en Máster-40, Mónica Campagna e José Manuel Gómez Bestilleiro en Máster-50, Óscar Lorenzo (Bici Verde) en Máster-60, Nerea Sánchez e Víctor Riveira nas parellas mixtas, Darío Tubío e Antonio Mato nas masculinas, Lara Fernández e Carla Hermida nos dúos cadetes femininos, María Vázquez e Ramón Iglesias nos cadetes mixtos, e Pedro Seoane e Izan Fernández (Cambre) nos cadetes masculinos.

A cuarta xornada puntuable chegará este vindeiro domingo, día 25, en Muros. Toda a información sobre a Copa Galicia BTT Resistencia podes atopala na súa sección dentro desta mesma páxina web e nas redes sociais a través do cancelo #CopaGaliciaRST26
BTT
BTT
BTT
BTT
AVISOS
BTT
R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es