02 DE FEBRERO DE 2026
Fotos: Luz Iglesias
O interminable tren de borrascas que cruza a nosa comunidade concedeu unha tregua para a celebración da V Resistencia BTT Cidade de Narón. Despois do adiamento a fin de semana pasada da cita en Muros por mor do mal tempo, o certame que abre o calendario autonómico do 2026 recuperou este domingo o seu golpe de pedal. Co elite Alberto Rivas (As Pontes) e a elite Patricia González (Ribadumia) por primeira vez dominando a nivel absoluto na competición individual de 3 horas de duración, ata catro categorías cambiaron de líderes na cuarta xornada puntuable.
O trazado deseñado polo Club Ciclista Narón coleccionou eloxios e, da nómina de 145 bikers que se inscribiron para percorrer o circuíto da Pombiña, dous irmáns foron os que rodaron máis rápido. Os Rivas Prado marcaron a pauta. Alberto impúxose a nivel absoluto con nove voltas e máis de 2 minutos de vantaxe respecto a Alain, o gañador en Máster-30. O líder máster-40 Jorge Abeal (3AG) fixo terceiro, a 3:10 do mellor rexistro e cunha vintena de segundos de marxe sobre Manuel Souto (Xesteiras), portador do dorsal amarelo Júnior. O top-5, tamén con nove parciais, completouno o máster-40 Gustavo Pérez (Salvaterra de Miño). Nas outras clasificacións masculinas subiron ao máis alto do podio o sub-23 Brais Vázquez (Cambre), o máster-50 Aurelio Campos (Toxo) e o máster-60 Manuel Rodríguez (Atlético Aguzo).

A líder elite da Copa Galicia reforzou a súa privilexiada posición abrindo a súa conta de triunfos absolutos. Patricia González sumou sete voltas, as mesmas que Sara Jordán (Atlético Aguza), a quen bateu por 4'. Unha volta menos que as dúas elites realizou a máster-30 Amira Simón (Tríatlon Atlántico) por diante doutras tres vencedoras nas súas respectivas categorías: a máster-50 Mónica Champagna (Ancares Bike), a júnior Alexandra Lorenzo (Xesteiras) e a máster-40 Elisabeth Iglesias (Gallardo Armenteira), cuarta, quinta e sexta, respectivamente. O trofeo de primeira sub-23 recibiuno Nerea Suárez (Carballo) e a táboa por equipos, no cómputo global dos resultados individuais femininos e masculinos, encabezouna o Toxo.
PARELLAS
A carreira de dúos masculinos por remudas estivo do máis disputada. Miguel Pena e Jorge Rodríguez conseguiron a súa primeira vitoria do ano con nove voltas e unha diferenza de 1:16 en relación a Cristian Lapido (Vigués) e Pablo Rodríguez (Os Esfola Arrós). A tercera praza que obtiveron Darío Tubío e Antonio Mato (Toxo), a 7:10 dos gañadores, permítelles manterse á fronte da xeral. En canto ás parellas mixtas, Nerea Sánchez e Víctor Riveira (Xesteiras) reecontráronse co triunfo, superando en 11 minutos a Carla Vilouta e Samuel Tomé (Toxo) logo de oito pasos pola liña de meta. Alba Rivera e Ginés López (Team Oiense) ocuparon o terceiro chanzo do podio.

Ao máis alto do caixón na proba cadete, na que o reto é de 2 horas, subiron Úrsula Borrageros e Pablo Cebreiros (Caimanes Betanzos) na competición mixta, Lara Fernández (Cambre) e Carla Hermida (Náutico Narón) na feminina, e Xoel Lourenzo e Juan Criado (Esmelle) na masculina.
LÍDERES
Os puntos repartidos en Narón provocaron un póker de novidades na listaxe de líderes. Nerea Suárez e Brais Vázquez toman o mando nas categorías Sub-23, Laureano Blanco (Toxo) en Máster-60, e Lara Fernández e Carla Hermida nas parellas cadetes femininas. Os primeiros postos dos seus rankings consérvanos a júnior Alexandra Lorenzo, o júnior Manuel Souto, a elite Patricia González, o elite Ángel Maneiro (Toxo), a máster-30 Amira Simón, o máster-30 Santiago García (Armenteira e Punto), a máster-40 Tamara Santos (VK Bikes), o máster-40 Jorge Abeal, a máster-50 Mónica Campagna, o máster-50 José Manuel Gómez Bestilleiro (Xesteiras), Nerea Sánchez e Víctor Riveira nas parellas mixtas, Darío Tubío e Antonio Mato nas masculinas, María Vázquez e Ramón Iglesias (Cambre) nos dúos cadetes mixtos, e Pedro Seoane e Izan Fernández (Cambre) nos cadetes masculinos.
A Copa Galicia de BTT Resistencia continuará o vindeiro domingo en Camariñas co seu penúltimo evento e rematará o 22 de febreiro en Muros, unha semana despois do Campionato de Galicia desta especialidade que terá lugar o 15 de febreiro en Vilagarcía de Arousa. Toda a información sobre este certame podes atopala na súa sección dentro desta mesma páxina web e nas redes sociais a través do cancelo #CopaGaliciaRST26

BTT
BTT
BTT
BTT
BTT
BTT
R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es