04 DE FEBRERO DE 2026
Foto: Concello de Vilagarcía
As ladeiras do monte Xiabre, na contorna do encoro do Con, acollerán o domingo 15 de febreiro o Campionato de Galicia BTT Resistencia, unha proba organizada polo club local Arousa Bike en colaboración coa Federación Ciclismo Galego e o Concello de Vilagarcía. Trescentos cincuenta deportistas federados poderán tomar parte na proba a través das vinte categorías establecidas (catorce individuais e seis de parellas). O evento converterase nunha gran festa ao aire libre que rematará cunha degustación gratuíta de callos con garavanzos.
Con esta xa van tres as probas de Resistencia BTT que realiza o club Arousa Bike en Xiabre, aínda que esta é a máis importante ao adquirir por primeira vez o rango de Campionato de Galicia. Como nas anteriores edicións, o evento conta con varios padriños, entre os que destacan ciclistas profesionais como Gustavo César Veloso, Andrés Taboada ou Óscar Fuentes, e outros como o actor e humorista David Amor, que ademais ten previsto participar na carreira, como xa o fixera o ano pasado.
Tres horas pedaleando nun duro circuíto polo monte
Como o seu propio nome indica, trátase dunha proba ciclista de resistencia, de tres horas de duración, que discorrerá por un circuíto de seis quilómetros polas pistas da contorna do encoro do Con. Un percorrido “duro e complicado”, segundo explicou o presidente do Arousa Bike, David Janza, “pero moi bonito de presenciar tanto polo esforzo dos ciclistas como pola beleza natural da contorna”.
O alcalde, Alberto Varela, aproveitou a presentación do evento para recoñecer “o gran traballo que está a realizar o Arousa Bike e a gran capacidade organizadora e de convocatoria que ten, como o levan demostrado con estas probas”.
Ademais, agradeceu a colaboración da Federación de Ciclismo e da Xunta de Galicia, así como os numerosos patrocinios de empresas da zona. Para finalizar, o rexedor dixo que “Vilagarcía é cidade do deporte”, como o evidencian a cantidade de clubs que existen na cidade e o número de disciplinas deportivas que se practican, “tanto das maioritarias como das chamadas minoritarias, ás que tamén prestamos atención e coidamos”.
O presidente Federación Ciclismo Galego, Juan Carlos Muñiz, apuntou que as probas de resistencia que se levan organizado en Vilagarcía son as que máis participantes rexistran de Galicia, éxito que atribuíu ao bo traballo do club anfitrión e á paraxe na que se celebran: “Os mellores estadios son os improvisados, e este de Xiabre é excelente”, sentenciou. Muñiz anunciou que o día 15 estrearase a malla que lucirán os líderes das probas ciclistas de Galicia durante toda a tempada.

Dende o club organizador animaron á veciñanza a presenciar a proba que, ademais do deportivo, ten outros atractivos, como a chocolatada con rosca que se ofrecerá de balde na saída na Praza da Fonte de Castrogudín, e as 300 racións de callos que se repartirán ao remate, a iso das 13:30 horas. Os cociñeiros Xoanqui Ameixeiras e Rubén García serán os encargados de elaboralos nas dependencias da antiga escola unitaria coas cazarolas e equipos prestados pola Confraría de Pescadores do Carril. Grazas ao patrocinio de firmas da contorna, o ágape incluirá tamén empanada, conservas e viño albariño.
O evento contará coa colaboración de Arousa Moza, que prestará o seu apoio sobre o terreo, e tamén volverá ter unha vertente solidaria. Neste caso, dando visibilidade ás persoas con discapacidade a través da asociación Con Eles, cuxos usuarios deseñaron o debuxo que se gravará en todas as camisetas oficiais coas que se agasallará aos participantes na cita de Xiabre.
O prazo para inscribirse remata o 11 de febreiro ás 23:59:59 horas. Fai click nesta ligazón para apuntarte
BTT
BTT
BTT
BTT
BTT
BTT
R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es