Facebook Twitter Youtube Instagram Español

A beleza de Camariñas marca diferenzas na Copa Galicia de BTT Resistencia

09 DE FEBRERO DE 2026

Noa Rodríguez e o tándem do Toxo formado por Ángel Maneiro e Iago Carou dominaron cunha volta de vantaxe. Pola mesma marxe gañaron Sánchez-Riveira e Lapido-Rodríguez nas parellas

A-beleza-de-Camarinas-marca-diferenzas-na-Copa-Galicia-de-BTT-Resistencia

Fotos: Luz Iglesias

O circuíto da praia do Ariño ofreceu un ano máis postais únicas na Copa Galicia de BTT Resistencia. Tal e como acontecera a anterior fin de semana en Narón, o mal tempo indultou ao pelotón dun certame que na localidade coruñesa de Camariñas alcanzou este domingo a súa quinta e penúltima xornada. Pedaleando a carón do mar, os catro triunfos máis cobizados acadáronse por unha volta de vantaxe. 

Houbo beleza, diferenzas e unha inscrición de 176 bikers na 3 Horas Resistencia Concello de Camariñas, cita organizada pola Peña Ciclista Baikers de Vilán. A competición masculina dominárona con autoridade dous corredores do Toxo. O líder elite Ángel Maneiro e o sub-23 Iago Carou foron os únicos que na carreira individual cruzaron nove veces a liña de meta. O último parcial completárono xuntos e á par tamén remataron o elite Alejandro Silva (Gallardo Armenteira) e o vencedor máster-30 Darío Suárez (3AG), rubricando os dous mellores tempos entre os que deron oito voltas. Medio minuto despois concluíu Samuel Baña (Toxo), ocupando o quinto posto absoluto e como gañador máster-40 por 31 segundos de marxe respecto a Xan Lois Valiño (Xesteiras). As outras vitorias nas clasificacións de homes obtivéronas o júnior Manuel Souto (Xesteiras), o máster-50 José Manuel Gómez Bestilleiro (Xesteiras) e o máster-60 Manuel Rodríguez (Atlético Aguzo).

imagen

A sub-23 Noa Rodríguez foi por primeira vez a muller máis resistente na Copa Galicia desta especialidade. A ciclista do Creto Bikes finalizou sete xiros ao circuíto. Un menos sumou a líder elite Patricia González (Ribadumia), que se impuxo na súa categoría por 3 minutos á súa compañeira de equipo Andrea Escudeira e por 8' a Laura Abal (Xesteiras). O top-5  absoluto feminino pechouno a máster-40 Tamara Santos (VK Bikes), con cinco voltas. 

Amira Simón (Tríatlon Atlántico) nas máster-30, Mónica Campagna (Ancáres Bikes) nas máster-50 e a júnior Alexandra Lorenzo (Xesteiras) anotáronse o resto de vitorias. Por equipos, táboa na que se contabilizan os resultados individuais tanto dos homes como das mulleres, o Toxo superou por unicamente 7 puntos ao Xesteiras. 

PARELLAS

Axustaron ao máximo Pablo Rodríguez (Os Esfola Arrós) e Cristian Lapido (Vigués) para lograr nove voltas na proba de remudas por parellas. O corredor do club olívico terminou o último xiro cando o cronómetro marcaba 2 horas 59 minutos e 53 segundos. O triunfo en Camariñas e o asalto ao liderado xa tiñan asegurado, desbancando do máis alto da xeral a Darío Tubío e Antonio Mato (Toxo), que fixeron segundos con oito voltas. A tan só 22" dos representantes do club de Noia quedaron Ángel Vilanova (Compostelano) e Jesús Antonio Costa (Os Esfola Arrós), terceiros. Pola súa banda, Nerea Sánchez e Víctor Riveira (Xesteiras) con sete parciais volveron dobregar a Carla Vilouta e Samuel Tomé (Toxo), que asinaron un menos. 

imagen

A nómina de vencedoras e vencedores abriuse coa carreira de parellas cadetes, de 2 horas de duración. María Vázquez e Ramón Iglesias (Cambre) na categoría mixta, Lara Fernández (Cambre) e Carla Hermida (Náutico Narón) na feminina, e Teo Marques e Yago Millán (Ribadumia na masculina inscribiron os seus nomes no palmarés deste evento. 

LÍDERES

A falta da xornada que se celebrará o 22  de febreiro en Muros, a quinta edición da Copa Galicia de BTT Resistencia ten como líderes a Alexandra Lorenzo e Manuel Souto en Júnior, a Noa Rodríguez e Brais Vázquez (Cambre) en Sub-23, a Patricia González e Ángel Maneiro en Elite, a Amira Simón e Santiago García (Armenteira e Punto) en Máster-30, a Tamara Santos e Jorge Abeal (3AG) en Máster-40, a Cristina Romero (Ribadumia) e José Manuel Gómez Bestilleiro en Máster-50, a Laureano Blanco (Toxo) en Máster-60, a Nerea Sánchez e Víctor Riveira nos dúos mixtos, a Cristian Lapido e Pablo Rodríguez nos masculinos, a María Vázquez e Ramón Iglesias (Cambre) nas parellas cadetes mixtas, a Lara Fernández e Carla Hermida nas cadetes femininas, e a Pedro Seoane e Izan Fernández (Cambre) nas cadetes masculinas. 

imagen

Antes de que se resolva definitivamente a clasificación xeral deste certame, o vindeiro domingo disputarase en Vilagarcía o Campionato de Galicia desta especialidade.

Toda a información sobre a primeira Copa Galicia do 2026 podes atopala na súa sección dentro desta mesma páxina web e nas redes sociais a través do cancelo #CopaGaliciaRST26

Clasificación

 

GALERÍA DE FOTOS

A beleza de Camariñas marca diferenzas na Copa Galicia de BTT Resistencia
A beleza de Camariñas marca diferenzas na Copa Galicia de BTT Resistencia
A beleza de Camariñas marca diferenzas na Copa Galicia de BTT Resistencia
A beleza de Camariñas marca diferenzas na Copa Galicia de BTT Resistencia
A beleza de Camariñas marca diferenzas na Copa Galicia de BTT Resistencia
A beleza de Camariñas marca diferenzas na Copa Galicia de BTT Resistencia
A beleza de Camariñas marca diferenzas na Copa Galicia de BTT Resistencia
     
   

R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es