Facebook Twitter Youtube Instagram Español

Muros resiste e clausura a Copa Galicia

23 DE FEBRERO DE 2026

Samuel Baña, Noa Rodríguez, Riveira-Sánchez e Lapido-Rodríguez protagonizaron os mellores rendementos absolutos no peche do primeiro certame autonómico do ano

Muros-resiste-e-clausura-a-Copa-Galicia-

As adversas condicións meteorolóxicas obrigaron en xaneiro a suspender a 3H Resistencia Concello de Muros. O club organizador non tirou a toalla e apostou por organizar o seu evento un mes máis tarde, pasando a exercer de sexta e última xornada da Copa Galicia de BTT Resistencia. O cambio saíu ben e este domingo o pelotón do primeiro certame autonómico do ano pedaleou con bo tempo no circuíto de Louro. 

Unha semana despois do Campionato de Galicia desta especialidade en Vilagarcía, ao redor de 170 bikers aceptaron o desafío proposto polo Club Ciclista Muros. No formato das 3 horas, só completou 10 voltas o máster-40 Samuel Baña (Toxo), que cruzou por última vez a liña de meta cando restaban 2 minutos para que se cumprira o tempo límite. Cun parcial menos, a segunda posición absoluta acadouna o sub-23 Vicente Alló (Chantadino), que rematou 7 segundos antes que o elite Alberto Rivas (As Pontes). Ambos asaltaron os liderados das súa categoría grazas aos 150 puntos sumados nesta cita. 

No top-5 da xornada tamén se meteron o gañador máster-50 José Manuel Gómez (Xesteiras) e o máster-40 Xan Lois Valiño (Xesteiras). O resto de triunfos masculinos asináronos Lois Piñeiro (Ribadumia) en Júnior, Santiago García (Armenteira e Punto) en Máster-30 e José Manuel Pérez (Aerodynamics) en Máster-60. 

Por segunda xornada consecutiva, a máis resistente entre as mulleres foi a sub-23 Noa Rodríguez (Creto Bikes). A dominadora dúas semanas antes en Camariñas acumulou esta vez oito voltas, unha máis que Patricia González (Ribadumia), primeiras nas elites. A máster-40 Tamara Santos (VK Bikes) fixo terceira absoluta con seis pasos pola meta, os mesmos que as elites Andrea Escudeiro (Ribadumia) e Gemma Martínez (Gallardo Armenteira), cuarta e quinta respectivamente.

Ao chanzo máis alto do podio subiron nas outras categorías femininas a júnior Sara Comesaña (THC Bike), a máster-30 Amira Simón (Tríatlon Atlántico) e a máster-50 Mónica Campagna (Ancares Bike). A vitoria por equipos, clasificación na que se contabilizan os resultados individuais de ambos sexos, obtívoa o Club Ciclista Ribadumia. 

PARELLAS

Os dous dúos que chegaron a Muros como líderes nas xerais de 3 horas por parellas impuxéronse no trazado de Louro. Nas remudas mixtas, Nerea Sánchez e Víctor Riveira (Xesteiras) bateron tras oito voltas a Carla Vilouta e Samuel Tomé (Toxo) por case 12 minutos e medio de marxe. O primeiro posto na carreira masculina non se lles escapou a Pablo Rodríguez (Os Esfola Arrós) e a Cristian Lapido (Vigués), que percorreron o circuíto nove veces de principio a fin. A 5:37 dos vencedores concluíron Jesús Antonio Costa (Os Esfola Arrós) e Ángel Vilanova (Compostelano), mentres que a terceira praza correspondeu aos representantes locais Santiago Caamaño e Isaac Maceiras (Muros), a 10:20 do tándem máis forte. 

A nómina de gañadoras e gañadores da xornada abriuse coa proba a 2 horas reservada a parellas cadetes. María Vázquez e Ramón Iglesias (Cambre) na competición mixta, Yago Millán e Teo Marques (Ribadumia) na masculina, e Carla Hermida (Náutico Narón) e Lara Fernández (Cambre) inscribiron os seus nomes no palmarés deste evento.  

LÍDERES FINAIS

O calendario máis longo na historia desta Copa Galicia arrancou o 4 de xaneiro en Lousame e, logo de que o espectáculo da BTT Resistencia tamén chegara a Noia, Meis, Narón e Camariñas, clausurouse en territorio muradán. As camisolas de líderes finais entregáronse en 18 categorías e recibíronas: Alexandra Lorenzo (Xesteiras) e Manuel Souto (Xesteiras) en Júnior, Noa Rodríguez e Vicente Alló en Sub-23, Patricia González e Alberto Rivas en Elite, Amira Simón e Santiago García (Armenteira e Punto) en Máster-30, Tamara Santos e Jorge Abeal (3AG) en Máster-40, Cristina Romero (Ribadumia) e José Manuel Gómez en Máster-50, Laureano Blanco (Toxo) en Máster-60, Nerea Sánchez e Víctor Riveira nas parellas mixtas, Cristian Lapido e Pablo Rodríguez nas masculinas, María Vázquez e Ramón Iglesias nos dúos cadetes mixtos, Lara Fernández e Carla Hermida nos cadetes femininos, e Pedro Seoane e Izan Fernández (Cambre) nos cadetes masculinos. 

Toda a información sobre este certame coordinado pola Federación Ciclismo Galego podes atopala na súa sección dentro desta mesma páxina web e nas redes sociais a través do cancelo #CopaGaliciaRST26

Clasificación

     
   

R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es