03 DE MARZO DE 2026
Fotos: Concello de Ames
Este pasado domingo, 1 de marzo, o concello de Ames inaugurou o circuíto de BTT-Maratón máis importante do noroeste español. A Transgalaica Ames 2026 foi a primeira das cinco probas que percorren a xeografía galega este ano. Con 10 anos de historia consecutiva (salvo a paréntese de 2021 por mor da situación epidemiolóxica provocada pola Covid), esta cita é xa un emblema pola súa beleza paisaxística. O Pazo da Peregrina e o icónico Monte San Marcos volveron a ser algúns dos lugares por onde discorreu esta proba de ciclismo de montaña.
A Transgalaica Ames 2026 estivo organizada polo club ciclista amesán Os Esfola Arrós e a empresa Team Relay, e, ademais, contou coa colaboración da Concellaría de Deportes do Concello de Ames. Este ano o circuíto de bicicleta de montaña Transgalaica ofrece cinco probas: a primeira celebrouse en Ames, e seguiranlle o 15 de marzo a proba de Silleda, o 29 de marzo a de Cerdedo-Cotobade, o 26 de abril a proba de Friol e o 10 de maio pecharase o calendario na Estación de Manzaneda.
Percorrido
Nesta edición participaron 341 ciclistas. O circuíto discorreu por diferentes lugares de Ames e tiña unha distancia de 32 quilómetros. Os/as ciclistas tiñan que dar dúas voltas a dito circuíto completando un percorrido de 64 quilómetros e que contou cun desnivel de 1.600 metros. A saída e chegada estivo instalada diante do Pazo da Peregrina de Bertamiráns.
O percorrido desta edición foi moi semellante ao da pasada. Os/as ciclistas tiveron que completar un circuíto que discorreu polas inmediacións de Aldea Nova, Covas, Augapesada, seguindo por Lamas, ata chegar ás instalacións do Real Aeroclub de Santiago en Piñeiro.
A continuación pasouse polo alto do Monte Liñaredo, arredores do Monte San Marcos e Ventosa. Dende aí volveuse cara Bertamiráns pola emblemática baixada da alta tensión do monte que está preto de Aldea Nova. Na segunda volta, non se subiu á zona de Aldea Nova e os participantes foron directamente polo sendeiro fluvial Rego dos Pasos.
Podios
Na categoría masculina os tres primeiros ciclistas en chegar á liña de meta foron: Ángel Maneiro Rodríguez, do Club Peña Ciclista Toxo, cun tempo de 2:42:11 (da categoría Elite); Daniel García Castaño, do Club de Montaña Xesteiras, cun tempo de 2:44:20 (da categoría Elite); e Rubén Deaño Cajide, do Club Ciclista Ourense Termal, cun tempo de 2:44:55 (da categoría Elite).
Por outra banda, na categoría feminina a primeira ciclista en cruzar a liña de meta foi Tamara Seijas Fernández, do Club de Montaña Xesteiras, cun tempo de 3:14:49 (da categoría Elite). A segunda en chegar á meta foi Mar Delgado González, tamén do Club de Montaña Xesteiras, cun tempo de 3:32:44 (da categoría Elite); mentres que a terceira en completar o percorrido foi Raquel Román Sarmiento, do Club Extol MTB Team, cun tempo de 3:34:59 (da categoría Elite).
Na Transgalaica do futuro o primeiro clasificado foi Xurxo Piñeiro Yáñez, do Club Ciclista terra Cha Vilalba, cun tempo de 1:41:29; segundo clasificado foi Víctor Manuel Lastra Fernández, do Club Ciclista Farto, cun tempo de 1:43:30; e en terceira posición quedou Samuel Tomé Fernández, do Club Peña Ciclista Toxo, cun tempo de 1:44:13.
A táboa por equipos encabezouna a P.C. Toxo por diante do CDM Xesteiras, segundo clasificado, e do Extol MTB Team, terceiro.

Fonte: Concello de Ames
FEDERACIÓN
BTT
BTT
BTT
BTT
BTT
R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es