Facebook Twitter Youtube Instagram Español

O local Fandiño acaricia o triunfo na coroación do novo rei portugués do Albariño en Cambados

13 DE JUNIO DE 2021

Samuel Fernández (MMR) superou ao galego do Bathco nunha chegada ao esprint e Morgado (Bairrada) certificou o seu éxito na xeral da Ruta

O-local-Fandino-acaricia-o-triunfo-na-coroacion-do-novo-rei-portugues-do-Albarino-en-Cambados

Fotos: Miguel Borrás

A Ruta do Albariño-Memorial Modesto Sánchez Alba ‘Teto’ segue falando portugués. No regreso desta competición para corredores juniors e sub21, despois da paréntese do 2020 por mor da pandemia, a formación lusa do Bairrada colleitou a súa cuarta vitoria nas últimas cinco edicións. O júnior de primeiro ano Antonio Morgado certificou este domingo en Cambados o seu éxito na xeral tras unha última etapa na que o público local quedouse co mel nos beizos.

O cambadés Rubén Fandiño rematou segundo no sprint co que se resolveron os 92 quilómetros de percorrido con inicio e final na capital do Salnés. O ciclista galego do conxunto cántabro do Bathco acariciou a vitoria, pero no último golpe ril de arrebatoulla Samuel Fernández Heres (MMR Academy) obtendo un triunfo que premiou ao equipo más combativo desta segunda e última xornada da Ruta.

Nas catro voltas que se deron a un circuíto de 23 km, ascendendo en cada xiro o alto de 3ª categoría de  Padrenda, os corredores do MMR asturiano non pararon de atacar. A estrutura dirixida polo campión olímpico Samuel Sánchez tiña ao segundo e terceiro clasificado da xeral e buscou desgastar ao equipo do líder, pero o Bairrada portugués contaba coa tranquilidade de gozar dunha renda de 14 segundos e non se desintegrou ante a ofensiva do equipo do Principado.

Dende a primeira fuga, na que se filtrou Hugo Traviesa xunto a Pedro Pinto (Seissa) e Breogán Diz (Aluminios Cortizo), o MMR estivo representado en case todas as escapadas. O Bairrada non permitiu que ningún deses intentos se fora máis alá do minuto de diferencia. Tampouco superou esa barreira o movemento táctico do Supermercados Froiz na última volta ao circuíto, lanzando aos seus dous ciclistas sub21 Manuel Rodríguez e Ángel Monje.

A alta velocidade á que circularon os corredores de principio a fin, cunha media superior aos 40 km/h, e as ramplas de Padrenda, deixaron ao pelotón reducido a menos de 40 unidades despois da derradeira subida. Dende a pancarta do Premio de Montaña ata a recta de meta da Avenida de Galicia restaban 7 km e o triunfo de etapa decidiuse nunha ‘volatta’. O esprint lanzouno o cambadés Rubén Fandiño, pero nos metros finais remontoulle Samuel Fernández Heres. O portugués Kawah David (Seissa-KTM) entrou terceiro.

Premios e homenaxe

A etapa de Cambados non provocou cambios na xeral da Ruta do Albariño. Morgado adxudicouse a camisola amarela con 13 segundos de vantaxe sobre Iván Romeo (MMR) e 14 respecto a Samuel Fernández García (MMR). Tampouco houbo variacións no resto das clasificacións individuais. Sergio Lorenzo (Cidade de Lugo) levouse o maillot de primeiro galego ao finalizar quinto na xeral, Ángel Monje foi o mellor sub21 e Ángel Molina (Entrenamiento Ciclismo) apuntouse a Montaña e as Metas Volantes. Por equipos gañou o MMR.

A entrega de premios para pechar este evento organizado pola Federación Ciclismo Galego (FCG) e o Club Ciclista Cambados contou coa presenza de Cruz Leiro, Concelleira de Deportes de Cambados; Carlos Viéitez, alcalde de Meaño; María Estévez, concelleira de Deportes de Meaño; Ernesto Falcón, presidente do Club Ciclista Cambados; e Jose Manuel Abalo, director técnico da FCG.

Como é habitual, os responsables da Ruta renderon tributo a ‘Teto’, figura histórica do ciclismo galego e do Salnés. A súa filla Cristina Sánchez subiu ao máis alto do podio para recibir un ramo de flores das mans de Ernesto Falcón, o inseparable amigo do seu pai. Unha homenaxe que se levou a ovación máis grande da oitava edición desta volta.

Clasificacións 

GALERÍA DE FOTOS

O local Fandiño acaricia o triunfo na coroación do novo rei portugués do Albariño en Cambados
O local Fandiño acaricia o triunfo na coroación do novo rei portugués do Albariño en Cambados
O local Fandiño acaricia o triunfo na coroación do novo rei portugués do Albariño en Cambados
 

R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es