17 DE AGOSTO DE 2021
Fotos: Club Ciclista Betanzos
O Club Ciclista Betanzos pechou a súa semana grande, que comezara o domingo anterior co regreso da Vuelta Comarca Brigantina da categoría elite-sub23 masculina, coa celebración do V Trofeo Festas do San Roque. No circuíto do Pasatempo disputáronse este domingo probas de escolas e das Copas Galicia de Estrada Cadete e Júnior. Unha xornada que reuniu a máis de 200 ciclistas e que provocou dous cambios de líderes nos rankings dos certames autonómicos.
O gañador da carreira júnior masculina obtivo dobre premio. Juan José Prado (Cidade de Lugo - MyBike) bateu ao seu compañeiro de fuga Fabián Rodríguez (Cambre - Caeiro) e desbancou do primeiro posto da xeral a Javier López (Cambre - Caeiro). O portador da camisola de líder cruzou a liña de meta na quinta posición, formando parte dun pelotón que rematou a medio minuto dos dous primeiros e no que Rubén Fandiño (Bathco) fíxose coa terceira praza do podio.
A Copa Galicia Júnior Feminina tamén viviu en Betanzos a súa segunda xornada. Valeria Torrado (Barbanza), que finalizou terceira, colocouse á fronte do ranking xuvenil. Claudia García (Farto - BTC), gañadora cunha ampla marxe, entrou da man da segunda clasificada Laura Teniente (Lasal Cocinas - Louriña) nun fermoso xesto deportivo das dúas corredoras.
Os maillots do certame autonómico que non cambian de propietarios son os de cadetes. Alejandro Crende (Cidade de Lugo - My Bike) aumentou a súa vantaxe de puntos na cuarta cita da competición masculina grazas ao segundo posto asinado nunha carreira que se adxudicou en solitario Mauro Amor (Cambre - Caeiro). A 10 segundos do vencedor concluíu un grupo no que o líder superou ao esprint a Rodrigo Alonso (Llopis).
Con máis tempo para festexar o seu triunfo presentouse na recta final María Filgueiras. Despois de coroarse o domingo anterior mellor neocadete da Vuelta a Cantabria, a do Caimanes Betanzos impúxose por algo máis dun minuto e medio de diferenza na segunda xornada da Copa. Lara Fuentes (Cambre - Caeiro) foi a máis rápida entre as súas perseguidoras por diante de Vania Gregores (Ponteareas), dando tempo a un grupo no que Lucía Ballester (Betanzos) logrou conservar a camisola de líder no evento organizado polo seu club.
O palmarés da quinta edición deste trofeo completárono Lorena Patiño (Farto) e Diego López (Compostelano) en infantís; Xiana Seijo (Caimanes Betanzos) e Aarón Rodríguez (Ponteareas) en alevíns; Alba Ruiz (Betanzos) e Guillerme Santos (Teis) en Principiantes; e Noa Amado (Cambre) e Leo Santomé (Betanzos) en Promesas.
O calendario do pelotón galego de estrada continuará esta fin de semana co XLVII Gran Premio Ciclista Cidade de Vigo.
CARRETERA
AVISOS
CARRETERA
PROBAS DEPORTIVAS
SELECCIÓNS
CARRETERA
R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es