Facebook Twitter Youtube Instagram Español

O Campionato de Galicia CRI repite este domingo en Baños de Molgas

24 DE SEPTIEMBRE DE 2021

256 ciclistas irán tomando a saída de minuto en minuto dende as 10:00 horas

O-Campionato-de-Galicia-CRI-repite-este-domingo-en-Banos-de-Molgas

Por segundo ano consecutivo o municipio ourensán de Baños de Molgas será o escenario do Campionato de Galicia de Contra o Reloxo Individual (CRI). Se no outono do 2020 supuxo o regreso das grandes citas autonómicas do ciclismo despois do estalido da crise sanitaria, nesta ocasión baixará o pano do calendario de estrada na maioría das categorías. Unha festa de final de temporada que reunirá este domingo a 256 ciclistas no circuíto con saída e chegada no Santuario de Nosa Señora dos Milagres.

A posta en acción do primeiro dos participantes está fixada para as 10:01 horas. O encargado de abrir a competición será Alberto Abalde (Paraciclismogalicia), paraciclista da clase MC2. A partir dese intre irán comparecendo, de minuto en minuto, na rampla de inicio as corredoras e os corredores das outras dezaoito categorías. A orde será a seguinte: MH2, MH3, MH4, MH5, Máster-60, Máster-50, Máster-40 masculina, Máster-30 masculina, Cadete masculina, Cadete feminina, Máster-40 feminina, Máster-30 feminina, Júnior feminina, Sub23 feminina, Elite feminina, Júnior masculina, Sub23 masculina e Elite masculina. A última saída, ás 14:44 horas, vaina protagonizar o sub23 Borja Gómez (Ponteareas).

A distancia a percorrer alcanza os 19 quilómetros, un ida e volta no que a pasada campaña triunfaron nas categorías raíñas Aida Valiño (Lasal Cocinas-Louriña), que defenderá o seu título, e Samuel Blanco, que cederá a súa coroa ao pertencer este ano ao conxunto profesional portugués do Tavira. A entrega de premios está prevista para as 15:30 horas. 

Presentación

O Club Ciclista Ourensano, en colaboración co Grupo Depootivo ADO Moure-Pro Deporte e a Federación Ciclismo Galego (FCG), organiza esta proba que conta cos patrocinios da Deputación-Ourense Inorde, así como da Xunta de Galicia, Xacobeo-21-22, Deporte Galego e a colaboración de diferentes entidades empresariais.

O evento foi presentado este venres diante da estación ferroviarias de Baños de Molgas coa presenza do delegado de Deporte da Xunta de Galicia en Ourense, Manuel Pérez, acompañado por Xaime Iglesias, alcalde de Baños de Molgas; José Abalo, tecnico da Federación Ciclismo Galego; e Carlos Moure, presidente do G.D. ADO Moure-Pro Deporte.

 

R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es