Facebook Twitter Youtube Instagram Español

Presentación do 52 Gran Premio do Albariño - Memorial Ernesto Falcón Padín

06 DE JULIO DE 2022

Este sábado a partir das 18:30 horas en Cambados

Presentacion-do-52-Gran-Premio-do-Albarino---Memorial-Ernesto-Falcon-Padin-

Foto: La Voz de Galicia

Este sábado o ciclismo galego recuperará unha das súas probas sobranceiras. Tras dous anos de parón por culpa da pandemia, o Gran Premio do Albariño regresa para vivir no casco urbano de Cambados a súa 52.ª edición. Faráo sen cambios na forma, cun circuíto polas rúas da vila arousá de 1,1 quilómetros e saídas para todas as categorías de formación do deporte das dúas rodas, desde promesas a xuvenil, pasando por principiantes, alevín, infantil e cadete, cuxos corredores deberán cubrir diferente número de voltas.

No fondo, o GP do Albariño regresa anovado. Anovado polo espírito do home que o xestou, o alimentou e o mimou durante os seus primeiros 51 anos, coa conciencia de que coidar das novas camadas permitiríalle ao ciclismo galego vivir mil primaveras máis. E por iso, de común acordo entre o Club Ciclista Cultural Cambados, a Federación Ciclismo Galego e o Concello, a proba pasa a ser desde este ano o Gran Premio do Albariño-Memorial Ernesto Falcón Padín.

O salón nobre do consistorio cambadés serviu onte de escenario para a presentación da carreira, na que os seus organizadores prevén a presenza de entre 150 e 200 ciclistas, sen descartar mesmo a participación dalgún conxunto portugués. O horario adiouse das tradicionais 17 horas ás 18.30, coa fin de esquivar o calor e tamén de animar as familias dos corredores a quedar a cear en Cambados.

O alcalde, Samuel Lago, e o seu concelleiro de Deportes, Fernando Patricio, quixeron agradecerlles o seu traballo á Federación Ciclismo Galego e ao CCC Cambados, encabezado polo seu novo presidente, Tito Fariña. Pero sobre todo, á figura de Ernesto Falcón Padín, representada no acto pola súa viúva, Rosa, e polo seu fillo pequeno, Óscar.

Fonte: La Voz de Galicia 

 

R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es