Facebook Twitter Youtube Instagram Español

Jonas Vingegaard impón a súa lei nos montes de Valdeorras

25 DE FEBRERO DE 2023

O Gran Camiño remata este domingo coa contra o reloxo con final na Praza do Obradoiro

Jonas-Vingegaard-imponse-con-rotundidade-nos-montes-de-Valdeorras

Fotos: Sprint Cycling Agency

O danés Jonas Vingegaard chegou a Ourense e volveuno a facer. Foi o máis forte da etapa raíña de O Gran Camiño e impúxose con rotundidade nas ramplas do Alto do Castelo, no municipio valdeorrés de Rubiá. Ademais de demostrar que é o máis forte da rolda galega, o vixente campión do Tour de Francia ampliou a súa diferenza na clasificación xeral, a 53''.

Arrincou a etapa máis determinante, entre Esgos e Rubiá (Alto do Castelo), cunha modificación do percorrido previsto, xa que a neve fixo de novo acto de presenza en O Gran Camiño. A decisión tomouse entre os organizadores, xuíces árbitros, directores de equipos e ciclistas. Tras unha reunión dunha hora, a etapa reduciuse a 127 quilómetros e elimináronse os dous pasos ao Alto de Santa Mariña, cuxo descenso expuña problemas para os corredores.

O frío xélido, e a neve, marcou a primeira hora de carreira, que roldou os 2-3 graos. A pesar disto, aos poucos fixéronse numerosos intentos de escapada. A primeira ascensión do día (Alto do Rodicio) chegouse co pelotón agrupado, e impúxose Igor Arrieta (EKP), seguido de Alex Molenaar (EHE) e Jose Herrada (COF).

O pelotón seguiu con numerosos intentos de fuga, pero o Team Jumbo Visma mantívose forte e reduciu todos. Con todo, fíxose unha fuga numerosa, cos seguintes corredores: Jorge Arcas (MOV), Rohan Dennis (TJV), Simone Velasco (AST), Jonathan Lastra (COF), Xabier Isasa (EUS), Igor Arrieta (EKP), Camilo Ardila (BBH), Mark Donovan (Q36), Nicolas Tivani (COR), Sebastian Schönberger (HPM), Alex Martin (EOK) e Tiago Antunes (EFL).

Con todo, a fuga só chegou a ter unha renda máxima de dous minutos, xa que Jumbo Visma controlou a carreira. A pesar disto, o propio Jonas Vingegaard recoñeceu que o seu equipo tivo unha “axuda inesperada”, cando Caja Rural - Seguros RGA tomou o liderado do pelotón e reduciu a diferenza.

No paso polo Alto da Hermida, Sebastian Schönberger (HPM) foi o máis rápido, seguido de Igor Arrieta (EKP) e Simone Velasco (AST). Tras un descenso vertixinoso no que a fuga mantivo algo as diferenzas, a carreira pasou polas localidades da Rúa e O Barco de Valdeorras, onde o grupo terminoulle por dar caza. O máis rápido no Sprint Verde da Rúa foi Sebastian Schönberger (HPM) ante Igor Arrieta (EKP) e Mark Donovan (Q36). Rapidamente chegouse ao novo Sprint Verde do Barco de Valdeorras, onde Sebastian Schönberger (HPM) continuou coa súa lei. A continuación pasaron Simone Velasco (AST) e Xabier Isasa (EUS).

A carreira reagrupouse a 14 quilómetros, onde a pelexa estivo en chegar o mellor colocado posible ao comezo do porto. Por tanto, a velocidade foi altísima. A carreira reduciuse a 4 homes a 3 quilómetros, Ruben Guerreiro (MOV), Jonas Vingegaard (TJV), Attila Valter (TJV) e Ion Izagirre (COF).

O que cambiou a velocidade nas ramplas máis duras do porto foi o vixente campión do Tour de Francia, Jonas Vingegaard (TJV), e marchouse en solitario á liña de meta. O corredor danés volveu gañar con autoridade, seguido de Rubén Guerreiro (MOV) e Attila Valter (TJV), tras avanzar polas duras ramplas de O Castelo.

Pola súa banda, Ion Izaguirre (COF), tivo unha caída no tramo final que lle obrigou a perder postos, pero conseguiu entrar en meta. Por tanto, o gran favorito á vitoria final, Jonas Vingegaard, ampliou as súas diferenzas a 53” para a contra o reloxo final en Santiago de Compostela, coa liña de meta situada na Praza do Obradoiro.

Clasificacións

Fonte: O Gran Camiño 

GALERÍA DE FOTOS

Jonas Vingegaard impón a súa lei nos montes de Valdeorras
Jonas Vingegaard impón a súa lei nos montes de Valdeorras
 

R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es