Facebook Twitter Youtube Instagram Español

A júnior María Filgueiras asina en Beasain o seu primeiro triunfo na Copa de España de estrada

20 DE MARZO DE 2023

Lorena Patiño e Alejandra Neira rozaron o podio na carreira cadete

A-junior-Maria-Filgueiras-asina-en-Beasain-o-seu-primeiro-triunfo-na-Copa-de-Espana-de-estrada

A Copa de España feminina Cofidis de estrada chegará a vindeira fin de semana a Pontevedra, pero non houbo que esperar á cita galega para que as corredoras da nosa comunidade demostraran o seu talento. A júnior María Filgueiras (XSM) ergueu os brazos este domingo na localidade guipuscoana de Beasain. A ciclista de Miño acadou o seu primeiro triunfo neste certame e a un paso de subir ao podio quedaron as cadetes Lorena Patiño, cuarta, e Alejandra Neira, quinta. 

O III Gran Premio Igartza, segunda xornada da Copa neste 2023, comezou coa proba xuvenil. As ciclistas afrontaron un percorrido de 55 quilómetros con catro porto de montaña. A carreira partiuse no primeiro ascenso a Liernia e foi no segundo paso por Olaberria, a 8 km para o final, cando comezaron as hostilidades entre as nove corredoras que marchaban no grupo de cabeza. Á fronte da proba quedaron María Filgueiras, quen correu cunha bicicleta de ciclocrós por problemas na de estrada, a manchega Adriana Alguacil (FDM Pina) e a vasca Ayala Serrano (Zu-K), formando o trío que se xogou a vitoria en Beasain.

A punta de velocidade da galega foi superior á das súas rivais na recta de meta, obtendo deste xeito a súa primeira vitoria no calendario júnior de estrada e, ao mesmo tempo, estreando a súa conta de triunfos na Copa de España feminina Cofidis. Segunda rematou Ayala Serrano, nova líder do certame con once puntos de vantaxe sobre Filgueiras, que ascendeu ao terceiro posto da xeral. 

Na categoría cadete, as miradas apuntaban á líder Paula Ostiz. A navarra partía como gran favorita para sumar outra vitoria e non defraudou. Aínda que, a corredora do Nafarroa-Ermitagaña tivo unha maior competencia, xa que non foi ata o treito final dos 28,2 quilómetros de percorrido onde soltou ás súas perseguidoras entre as que se atopaban as galegas Lorena Patiño e Alejandra Neira.

A do XSM e a do Cambre esprintaron xunto a outras tres ciclistas, concluíndo cuarta e quinta, respectivamente. Por diante delas terminaron a valenciana Leyre Almena (Teika), segunda, e a castelaleonesa Lidia Castro (Rio Miera). A madrileña Irene Moreno (Río Miera) completou o quinteto que concluíu a medio minuto da gañadora Ostiz. Os puntos sumados en Beasain permiten a Alejandra Neira ascender ata a cuarta praza da xeral e a Lorena Patiño, á novena.

Máis información

 

R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es