Facebook Twitter Youtube Instagram Español

Presentación do Gran Premio Cidade de Pontevedra

21 DE MARZO DE 2023

A terceira proba da Copa de España feminina de estrada terá saída e chegada este domingo na Boa Vila

Presentacion-do-Gran-Premio-Cidade-de-Pontevedra-

Pontevedra volverá ser sinónimo de deporte de alto nivel esta fin de semana. O vindeiro domingo, 26 de marzo, a Boa Vila acollerá por terceiro ano consecutivo a celebración dunha proba pertencente ao calendario da Copa de España feminina Cofidis de ciclismo en estrada.

Así, preto de medio milleiro de corredoras participarán na saída desde As Corvaceiras para logo completar un percorrido de 99 quilómetros, pasando por Marín e ata chegar ao Alto da Porteliña, para logo regresar ao punto de partida onde estará instalada a meta.

O Gran Premio Cidade de Pontevedra, terceira cita da Copa de España feminina Cofidis 2023, traerá ata á Boa Vila á elite estatal do ciclismo feminino e mesmo internacional, pois está confirmada a presencia do pelotón nacional portugués, que competirá coas súas deportistas xuvenís e cadetes.

O percorrido traza seis voltas polo xa nomeado trazado e contempla tres categorías por idade: cadete, júnior e máster.

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, participou na presentación do evento esta mañá de martes, 21 de marzo, na Praza do Concello, onde tamén estiveron presentes representantes do ciclismo autonómico como o presidente da Federación Ciclismo Galego, Juan Carlos Muñiz, que fixo fincapé na «importancia que teñen estas probas para o ciclismo feminino galego».

«Coido que o deporte é sinónimo de calidade de vida, algo do que, humildemente, sabe Pontevedra. Esta cidade cada vez está máis especializada en acoller eventos deportivos de alto nivel e iso só pode ser un orgullo», indicou o rexedor. «Somos quen de promocionar todo tipo de deporte, incluíndo o deporte de base e o de elite. Somos capaces de competir a todos os niveis».

«Non sei como expresar a satisfacción que produce saber que hai xente que aposta por crear clubs aquí, galegos e pontevedreses. Podo dicirlles que sempre contarán co apoio do Concello de Pontevedra e da cidade», finalizou.

Fonte: Concello de Pontevedra

 

 

R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es