Facebook Twitter Youtube Instagram Español

A Pobra do Brollón desfrutará por partida dobre do arranque da Volta a Galicia

11 DE SEPTIEMBRE DE 2023

O municipio lucense acollerá o prólogo e a primeira tirada en liña

A-Pobra-do-Brollon-desfrutara-por-partida-dobre-do-arranque-da-Volta-a-Galicia-

Todas as olladas do ciclismo español elite-sub23 estarán postas durante dous días nunha localidade na que se dan a man a Ribeira Sacra e O Courel. O xoves arranca a XXI Volta Ciclista a Galicia cun prólogo contra o reloxo en A Pobra do Brollón e este municipio lucense tamén acollerá o venres a saída e a chegada da primeira tirada en liña.

A presentación desta dobre cita celebrouse este luns na área recreativa de Samugueiros. O acto contou coa presenza de Xose Lois Maceda, alcalde de A Pobra do Brollón; Efrén Castro, vicepresidente da Deputación de Lugo e Deputado Provincial de Deportes; Javier Arias, delegado territorial da Xunta de Galicia na provincia de Lugo; Juan Carlos Muñiz, presidente da Federación Ciclismo Galego; Ricardo Rodicio, concelleiro de Deportes da Pobra do Brollón; Manuel Otero, Xefe de Servizo na Provincia de Lugo da Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia; Adolfo Rubio e Teddy López, representantes na corporación municipal do PSdeG-PSOE e do PP, respectivamente. 

Efrén Castro explicou que "desde a Vicepresidencia da Deputación de Lugo renovamos o apoio á proba, apostando de novo polo ciclismo como plataforma para amosar a riqueza natural e patrimonial do territorio e polo impulso do tecido deportivo afeccionado e profesional ao redor desta disciplina en Galiza" e remarcou que "este ano, máis que nunca, as estradas lucenses deixarán pegada na clasificación xeral ao acoller as dúas primeiras etapas, a crono que abrirá a Volta o xoves 14 e a segunda etapa, de 148 quilómetros, que percorrerá tamén os concellos de Bóveda, O Incio, Samos e Sarria".

Xose Lois Maceda valorou a oportunidade que a Volta a Galicia ofrece "como escaparate para amosar A Pobra do Brollón de cara ao exterior e para seguir dinamizando a economía local en torno ao turismo" e subliñou "a importancia da colaboración institucional para que este tipo de eventos se celebren en concellos rurais".

Pola súa banda, Javier Arias apuntou que se trata "dunha nova oportunidade para desfrutar a través do deporte da natureza e da oferta turística da provincia de Lugo".

Prólogo e montaña

A edición da Volta a Galicia dedicada a Gustavo César Veloso terá como primeiro líder ao gañador do prólogo que se porá en marcha o xoves ás 18:00 horas. Os 112 participantes medirán forzas nunha contra o reloxo individual con inicio e final na Avenida de Galicia. O percorrido de 6,7 km inclúe a subida á costa de A Pousa. 

imagen

Ao día seguinte, repetindo punto de saída e de chegada na vila guímara, disputarase dende as 12:00 h unha etapa en liña de 148 km e perfil montañoso. Os corredores terán que superar tres portos puntuables e a dificultade dos mesmos irá en aumento. No km 21 coroarase o Alto de Oural (3ª categoría), no km 103 o de A Casela (2ª categoría) e no km 120 a ascensión de 1ª categoría a Airapadrón. A resolución da tirada no centro de A Pobra do Brollón agárdase a partir das 15:30 h. 

imagen 

Toda a información sobre a XXI Volta a Galicia está dispoñible na súa páxina web oficial www.voltagalicia.com e pode atoparse nas redes sociais a través do cancelo #VoltaGalicia2023. 

 

 

R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es