19 DE ENERO DE 2025
Foto: Difusión ProSport
A Cidade da Cultura de Galicia, en Santiago, acolleu este sábado a presentación do percorrido completo de O Gran Camiño, a proba ciclista máis importante de Galicia, que este ano crece ata as cinco etapas e que comeza en Portugal para concluír, paso previo polas catro provincias, en Compostela.
A proba será os días 26, 27 e 28 de febreiro e 1 e 2 de marzo, e reunirá a grandes protagonistas do deporte das dúas rodas e equipos internacionais que atraerán cara a Galicia todas as miradas.
Como novidade, este ano O Gran Camiño sairá de Galicia para vivir a súa primeira etapa internacional, a de arranque, que trasladará ao pelotón ao norte de Portugal, un lugar moi especial para os ciclistas galegos, que durante décadas tiveron neste país a súa primeira ocasión para ser profesionais, tal e como lembrou durante a presentación o exciclista Óscar Pereiro, asesor de O Gran Camiño.
O director da proba e CEO de EME Sports, Ezequiel Mosquera, arrincou a súa intervención agradecendo a todos os patrocinadores e colaboradores o seu apoio constante a un evento que “superou nosas mellores expectativas” e que creceu a niveis insospeitados en só tres edicións.
Este 2025, proseguiu, será unha edición “moi ilusionante”, aínda que, recoñeceu, “moi complexa”. “Este ano é un ano complexo e difícil, o ano organizativamente máis duro”, dixo Ezequiel Mosquera, lembrando que o desafío máis importante ao que se enfronta agora OCG é o sistema de puntos, que funciona por trienios e que, por tanto, será revisado para 2026. “Crecemos moi rápido, pero a categoría é a que é”, engadiu, apuntando, con todo: “A adversidade motívanos”.
Por iso, confiou en que os cambios para o próximo ano permitan crecer aínda máis a proba e, con iso, planificar cambios. “Esperamos que esta sexa a última edición nesta categoría que, con toda a humildade, creo que se nos queda pequena, e esperamos que sexa a última edición en febreiro, que queda épico pero como organización sufrímolo”, engadiu.
Mentres tanto, en 2025 O Gran Camiño “vai seguir transitando” por lugares espectaculares da nosa xeografía para “demostrar que é moito máis que un evento deportivo”: “É deporte, é ciclismo, pero tamén é territorio, é patrimonio, é cultura e, sobre todo, é historia”, resolveu.
UN DÍA MÁiS E SALTO INTERNACIONAL
Este 2025, O Gran Camiño continúa crecendo e chega á súa cuarta edición rompendo dúas barreiras: a da duración e a das fronteiras. Así, a gran rolda profesional galega logrou incrementar un día ao seu calendario, co que durará un total de cinco xornadas.
Aproveitando esta situación, crece máis aló de Galicia coa primeira etapa internacional, que renderá homenaxe aos vínculos galegos con Portugal, aos lazos do ciclismo aos dous lados do Miño e aos camiños portugueses a Santiago, os máis percorridos despois do roteiro francés.
En concreto, o 26 de febreiro o pelotón trasladarase ao Distrito do Porto para vivir a primeira etapa internacional de OGC, cun percorrido de 190,6 quilómetros entre Maia e Matosinhos. O roteiro, con 1.900 metros de desnivel acumulado, percorrerá parte do territorio norte portugués, pasando polos municipios de Trofa, Vila Nova de Famalicao, Barcelos, Ponte de Lima, Esposende, Povoa de Varzim e Vila do Conde e subindo o alto de Feitos e o monte de Sao Felix, ambos de terceira categoría.
ETAPAS GALEGAS
De aí, OGC desprazarase á provincia de Pontevedra, cunha etapa que arrincará en Marín, aos pés das Rías Baixas, e penetrará no interior ata a meta na Estrada, pasando por tramos do Camiño Portugués e do Camiño de Inverno. Serán 144,8 quilómetros de percorrido con máis de 2.500 metros de desnivel e tres portos de primeira categoría.
O roteiro pasará por Pontevedra e Campo Lameiro antes de subir o alto de San Antoniño, desde onde se dirixirá a Moraña, Caldas de Reis, Valga e Cuntis para entrar no Concello da Estrada, onde subirá dúas veces o alto de San Vicenzo..
A terceira xornada, o 28 de feberero, será a quenda da contrarreloxo individual, que partirá da Ponte Romana de Ourense, na Vía da Prata, para finalizar en Pereiro de Aguiar tras percorrer 15,5 quilómetros. Á metade de percorrido, os ciclistas afrontarán o Alto de Sabadelle, de terceira.
A alta montaña chegará o sábado, na etapa reina de OGC 25, que terá lugar nesta ocasión na provincia de Lugo. Coa vista posta nas inclemencias propias do inverno galego, a etapa arrincará da Pobra do Brollón, por onde pasa o Camiño de Inverno, e percorrerá 142 quilómetros ata Pedrafita do Cebreiro, entrada a Galicia do Camiño Francés, cun desnivel acumulado de 3.121 metros.
Polo camiño, o pelotón pasará por Monforte de Lemos, Bóveda, O Incio, Sarria, O Páramo, Láncara, Baralla, Becerreá, Cervantes, As Nogais e Vega de Valcarce, e terá que facer fronte ao Alto de Campo do Arbe --terceira--, ao Alto de Catro Ventos, de segunda categoría, á Pitinidoira –de primeira-- e a subida a final a O Cebreiro –de segunda--.
Finalmente, a última etapa de O Gran Camiño 2025 percorrerá a provincia da Coruña, desde o mar, en Betanzos, ata o final por excelencia de todos os camiños, dado que a meta estará en Santiago de Compostela. Serán 165,3 quilómetros con algo máis de 2.800 metros de desnivel.
Tras a saída, os corredores pasarán polos municipios de Abegondo, Carral, Mesía, Ordes, Oroso, Ames, Brión, Rois, Padrón e Teo. Os ascensos do día protagonizaraos o Alto de Lampai, que o pelotón subirá en dúas ocasións, seguido dun dobre paso por tres tramos de sterrato en dirección a O Milladoiro, continuando despois ata Santiago de Compostela.
APOIOS
A posta en marcha de O Gran Camiño, organizada e deseñada por EME Sports, co seu CEO, Ezequiel Mosquera, á cabeza, é posible grazas á importante implicación de distintas administracións galegas, así como de patrocinadores e colaboradores privados que apostan polo deporte e a difusión do territorio ao máis alto nivel.
Así, O Gran Camiño vai da man do apoio da Xunta de Galicia, e das catro deputacións provinciais galegas, institucións ás que este ano se suman as cámaras municipais de Matosinhos e Maia e o organismo Turismo Porto e Norte de Portugal.
Os nosos principais patrocinadores privados son Cortizo e Zara Atheticz, que confecciona os maillots oficiais, aos que se suman, como patrocinadores oficiais, Eidosela Adegas Atlánticas, Darlim, Apersa e Cabo de Peñas. Ademais, OGC conta coa colaboración de gregarios como Scientific Nutrition, Grúas Estación, Be Energy, Shimano, Moonoff, Torre de Núñez, Super Bock, Vitalis, Pedras e Café Fortaleza.
No acto de presentación deste sábado participaron representantes de todos os concellos de saída e de chegada das diferentes etapas, así como das restantes institucións implicadas.
Así, estivo o presidente da Federación Portuguesa de Ciclismo, Cándido Barbosa, e o responsable de Turismo Porto e Norte, Luis Pedro Martíns, ademais de Artur Lópes, presidente do comité olímpico portugués.
Tamén estiveron a deputada de cooperación local da Deputación de Pontevedra, María Ramallo, o vicepresidente segundo da deputación de Ourense, César Fernández, o vicepresidente da Deputación de Lugo, Efrén Castro, e o deputado de Deportes da Deputación da Coruña, Antonio Leira.
O encargado de pechar o acto foi o vicepresidente da Xunta e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, que aplaudiu a evolución dunha proba que une ao deporte o turismo e que permite “mostrarlle a 200 países o que temos, un territorio espectacular”.
Calvo aplaudiu que esta edición de OGC vaia a “seguir estreitando” os lazos de Galicia con Portugal e a continuar “promocionando Galicia” en case 200 países, unha “parte fundamental da proba”.
Fonte: O Gran Camiño
EVENTOS
CARRETERA
SELECCIÓNS
SELECCIÓNS
CARRETERA
CARRETERA
R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es