Facebook Twitter Youtube Instagram Español

A contra o reloxo de Ribadumia lanza a Volta Galicia

10 DE SEPTIEMBRE DE 2025

A primeira das catro xornadas ofrece este xoves un percorrido de 7,2 quilómetros ideal para os especialistas nas ‘cronos’

A-contra-o-reloxo-de-Ribadumia-lanza-a-Volta-Galicia

Oito equipos galegos, cinco doutras comunidades autónomas de España, dous italianos e dous portugueses forman dende este xoves o pelotón da 23ª Volta a Galicia para corredores Elite e Sub-23. A edición que homenaxea a Samuel Blanco, o ciclista de Chapela que se retirou como profesional ao remate do ano pasado, consta de catro xornadas e arranca cunha contra o reloxo individual na localidade pontevedresa de Ribadumia. Nun rápido trazado de 7,2 quilómetros ponse en xogo, a partir das 18:00 horas, a primeira camisola amarela da rolda organizada pola Federación Ciclismo Galego. 

Os especialistas nas ‘cronos’ atoparán un percorrido a súa medida, ideal para mover 'wattios' no municipio do Salnés que lanza a Volta. Con saída e chegada na Avenida de Ribadumia, trátase dunha contra o reloxo practicamente chaira. Os escaladores intentarán ceder o mínimo tempo posible antes de que o venres xa chegue o seu terreo. 

imagen

As seguintes tres xornadas estarán marcadas polos portos de montaña. Caldas de Reis collerá o testemuño de Ribadumia cun itinerario de 138 km con catro ascensións puntuables de 3ª categoría, dúas delas dentro dos últimos 20 km. Nese treito final os ciclistas subirán primeiro Lobeira e despois O Pousadoiro, que se coroará a 7 km para a conclusión. 

O sábado a Volta trasladarase dende a provincia de Pontevedra ata a Mariña Lucense. Nos 147 km con epicentro en Barreiros acumularanse máis de 2500 metros de desnivel, a maioría na parte final. Os altos de 2ª categoría de Augaxosa, Fórnea e Monte Comado, con paso previo pola liña de meta, deixarán case decidida a loita pola camisola amarela. A coroación do vencedor da xeral terá lugar o domingo en Ferrol, nun fermoso fin de festa con chegada ao carón do mar. O trazado de 130 km inclúe dous pasos intermedios pola cidade e nese circuíto final ascenderase o alto da Bailadora, que marcará o desenlace da carreira no Porto de Ferrol. 

Catro equipos estranxeiros

A formación a bater entre o total de 17 escuadras participantes é unha galega. O Equipo Cortizo adxudicouse as dúas últimas edicións, no 2023 co vilagarcián Martín Rey e o ano pasado por medio do murciano José Luis Faura. A comunidade anfitrioa é a máis representada con outros sete conxuntos: Vigo-Rias Baixas, Supermercados Froiz, High Level-Gsport, Lasal Cocinas ODL, Maxge Ambilamp, Club Ciclista Vigués e Team Oiense.

Dende outros puntos de España chegan o Extremadura Pebetero, os aragoneses do Torres Sobato, os leoneses do Technosylva Maglia Rower Bembibre e dúas estruturas navarras, o Telco ON Clima Osés o Caja Rural-Alea. Ademais, catro equipos outórganlle á proba un considerable nivel internacional. Representando ao ciclismo portugués estarán o Maia Earth Consulters e o Porminho, mentres que os italianos do Campana Imballagi e da Ciclistica Rostese farán o seu debut nesta rolda.

Os 117 inscritos pugnarán pola camisola amarela Xunta de Galicia que lucirá o líder da xeral. No resto de clasificacións, o maillot branco a puntos vermellos é o da montaña; o azul, o de mellor galego; o verde, o das Metas Volantes; e o azul e branco, o de primeiro Sub-23.

Retransmisión en directo

As catro etapas poderán seguirse en directo a través da canle de YouTube da Federación Ciclismo Galego. Mantendo a tradición de dedicar cada edición a un corredor sobranceiro do ciclismo autonómico, este ano a Volta a Galicia recoñece a traxectoria de Samuel Blanco. Gañador da xeral desta carreira no 2016 e campión de España Elite no 2020, o redondelán defendeu no campo profesional as cores dos equipos portugueses Aluminos Metalusa e Tavira.

Toda a información sobre a Volta a Galicia podes atopala na súa páxina web oficial www.voltagalicia.com e nas redes sociais a través do cancelo #VoltaGalicia2025

DOCUMENTOS ADJUNTOS

     
   

R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es