Facebook Twitter Youtube Instagram Español

Jesse Maris reina nas montañas da Mariña Lucense

13 DE SEPTIEMBRE DE 2025

O estadounidense do Technosylva bateu a Antonio González en Barreiros e o ucraíno Maksym Bilyi salvou unha xornada complicada como líder

Jesse-Maris-reina-nas-montanas-da-Marina-Lucense

Fotos: Asier Torrado

O portador da camisola amarela da Volta a Galicia Elite e Sub-23 defenderá este domingo unha renda de 9 segundos na clausura dos catro días de competición en Ferrol. O ucraíno Maksym Bilyi (Equipo Cortizo) non o tivo nada doado, pero mantívose como líder na etapa raíña. Nunha fermosa xornada de ciclismo percorrendo a costa e as montañas da Mariña Lucense, varios ataques puxeron en xaque ao primeiro clasificado na xeral e o corredor máis combativo, o estadounidense Jesse Maris (Technosylva), culminou a súa exhibición erguendo os brazos na liña de meta de Barreiros. 

A terceira e penúltima tirada presentábase como a máis longa, ao alcanzar os 147 quilómetros, e tamén a máis esixente, con catro portos puntuables e 2.500 metros de desnivel positivo acumulado, da 23ª edición da rolda organizada pola Federación Ciclismo Galego. O primeiro punto quente atopábase preto da saída, a Meta Volante de Ribadeo no km 13, onde impuxo a súa potencia José María Martín (Extremadura Pebetero) e Maksym Bilyi rabuñou 1 segundo de bonificación para ampliar o seu colchón como líder. 

imagen

Pola segunda Meta Volante, a da Pontenova no km 45, pasou primeiro Daniel Cepa (Caja Rural - Alea) e a continuación, nas ramplas iniciais da ascensión ao Marco de Álvare, formouse unha fuga de 12 corredores, entre eles o segundo clasificado na xeral José Autrán (Supermercados Froiz). A vantaxe superior aos 40" sobre o pelotón, a máxima da que desfrutou a escapada, convertía en líder virtual ao chileno. Desa ducia de aventureiros saltou Jesse Maris, que chegou a gozar dunha diferenza de 45" ao seu favor e pasaría en solitario polo cumio do alto. 

Ataques ao líder

O estadounidense, de 21 anos, marcouse un póker e puntuou primeiro nos catro portos da xornada, o primeiro de 3ª categoría e os outros tres de 2ª. O de Augaxosa subiuno de novo como integrante da escapada logo de ser alcanzado e o traballo no pelotón do Equipo Cortizo daba os seus froitos camiño do Alto de Fórnea, neutralizando a todas os fugados. A partir de aí pasou ao ataque o Caja Rural - Alea. O conxunto navarro lanzou a Pablo Lospitao e xunto ao estremeño marchouse Jesse Maris. O representante da escuadra berciana do Technosylva destacábase a pouco de coroar mentres que por detrás o propio líder Bilyi víase obrigado a responder aos ataques ao quedarse momentaneamente sen compañeiros. 

A carreira reagrupouse no descenso, antes dun paso intermedio pola meta de San Cosme con puntos para as Metas Volantes e segundos para a xeral en xogo. José María Martín dominou un vibrante esprint por diante do francés Darío Giuliano (Caja Rural - Alea), que grazas á bonificación de 2" se colocaba segundo na xeral, e de Bilyi. O ucraíno contou na aproximación á última ascensión co traballo dos seus gregarios Iban Gutiérrez e Óscar Fuentes para conducir ao reducido pelotón ata o Monte Comado. Nesa subida abriron oco Antonio González (Caja Rura-Alea) e -unha vez máis- Maris, que sufrira unha picada antes do porto. O tándem de cabeza comezou o descenso, a falta de 13 km, cunha vantaxe de 20 segundos. 

imagen

A diferenza achegouse ao medio minuto, o que situaba ao ciclista soriano como primeiro na xeral, pero do grupo perseguidor tiraron o Extremadura Pebetero e o Supermercados Froiz para buscar unha resolución ao esprint. O dúo de Maris e González resistiu, aínda que só por 5", unha marxe suficiente para que o estadounidense obtivera o triunfo de etapa en San Cosme, a capital do concello de Barreiros. O máis rápido na pugna polo terceiro posto foi o portugués João Silva (Porminho). 

Bilyi salvou o liderado e continúa comandando a xeral coa mesma renda coa que iniciou a tirada. O segundo posto corresponde a Dario Giuliano e o terceiro clasificado, José Autrán, está a 11" do ucraíno. O maillot da Montaña recibiuno no podio Maris; o das Metas Volantes, José María Martín; o de primeiro sub-23, Giuliano; e o de mellor galego, o noiés Ángel Maneiro (Supermercados Froiz). 

imagen

A Volta a Galicia que homenaxea a Samuel Blanco conclúe este domingo en Ferrol, con saída ás 10:30 dende a Praza de Armas e final ao redor das 13:30 h na Autoridade Portuaria. Os 130 km da derradeira tirada divídense en dúas partes. A primeira consistirá en circular por diferentes concellos de Ferrolterra, un itinerario que inclúe a Meta Volante de San Sadurniño (km 18) e o Alto de Moeche (km 23), de 3ª categoría. O primeiro paso pola liña de meta do peirao de Curuxeiras, no km 75, e o segundo, no km 102,7, exercerán de Metas Volantes e de inicio dun circuíto ao que se darán dúas voltas. Neste desenlace sobresae o Alto da Bailadora, de 3ª categoría. A segunda vez que se supere, só quedarán 8 km para o remate. 

Retransmisión da 3ª etapa

  

 

GALERÍA DE FOTOS

Jesse Maris reina nas montañas da Mariña Lucense
Jesse Maris reina nas montañas da Mariña Lucense
Jesse Maris reina nas montañas da Mariña Lucense
Jesse Maris reina nas montañas da Mariña Lucense
Jesse Maris reina nas montañas da Mariña Lucense
Jesse Maris reina nas montañas da Mariña Lucense
Jesse Maris reina nas montañas da Mariña Lucense
Jesse Maris reina nas montañas da Mariña Lucense
Jesse Maris reina nas montañas da Mariña Lucense
Jesse Maris reina nas montañas da Mariña Lucense
Jesse Maris reina nas montañas da Mariña Lucense
Jesse Maris reina nas montañas da Mariña Lucense
Jesse Maris reina nas montañas da Mariña Lucense
Jesse Maris reina nas montañas da Mariña Lucense
Jesse Maris reina nas montañas da Mariña Lucense
Jesse Maris reina nas montañas da Mariña Lucense
Jesse Maris reina nas montañas da Mariña Lucense
Jesse Maris reina nas montañas da Mariña Lucense
Jesse Maris reina nas montañas da Mariña Lucense

DOCUMENTOS ADJUNTOS

     
   

R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es