25 DE MARZO DE 2026
Gañar en solitario e cunha diferenza de 2 minutos e 24 segundos, nun percorrido de 48 quilómetros, fala ben ás claras da exhibición ofrecida por Alejandra Neira (Baqué-Movistar) este domingo no Gran Premio Igartza. A corredora santiaguesa acadou na localidade guipuscoana de Beasain a súa segunda vitoria como júnior na Copa de España e a primeira desta temporada. Un triunfo incontestable que a reafirma como a gran referencia estatal da categoría xuvenil.
Ausente a fin de semana anterior na apertura da Copa ao atoparse coa selección española en Italia, onde se adxudicou a Montaña no Piccolo Trofeo Binda, a compostelá rachou a carreira vasca a falta de 30 quilómetros para a conclusión. Nun primeiro momento puideron seguir a súa roda catro ciclistas, pero pouco despois Alejandra Neira soltou a todas as súas acompañantes. Neste recital a vantaxe na liña de meta respecto á segunda clasificada, a súa compañeira de equipo Lluna Jiménez, rozou os 2 minutos e medio. Inés Santalla (Río Miera), a segunda mellor galega entre as júniores, obtivo o duodécimo posto.

O outro resultado destacado do noso ciclismo chegou na proba raíña, de 74 km con seis portos. A elite Tamara Seijas, no seu debut na Copa de España de Estrada, asinou un top-10 . Coas cores do Eneicat-Becall, a lalinense fixo oitava logo de esprintar pola terceira praza nun grupo de 11 unidades. O mellor equipo da xornada foi o Team Farto-Kiroot e a nova líder da xeral elite e sub-23 é a casaquistaní Yelizaveta Sklyarova (ODL). En canto á categoría cadete, Vega Aldrey (Cambre) encabezou a actuación galega clasificándose 33ª.
As dúas seguintes citas da Copa de España feminina terán como escenario a nosa comunidade na mesma fin de semana: Betanzos e Pontevedra, o 11 e o 12 de abril.
SELECCIÓNS
SELECCIÓNS
CARRETERA
CARRETERA
CARRETERA
SELECCIÓNS
R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es