Facebook Twitter Youtube Instagram Español

Triunfo incontestable de Alejandra Neira na súa primeira aparición do ano na Copa de España

25 DE MARZO DE 2026

Tamara Seijas debutou no certame estatal de Estrada cun oitavo posto entre as elite e sub-23 en Beasain

Triunfo-incontestable-de-Alejandra-Neira-na-sua-primeira-aparicion-do-ano-na-Copa-de-Espana-

Gañar en solitario e cunha diferenza de 2 minutos e 24 segundos, nun percorrido de 48 quilómetros, fala ben ás claras da exhibición ofrecida por Alejandra Neira (Baqué-Movistar) este domingo no Gran Premio Igartza. A corredora santiaguesa acadou na localidade guipuscoana de Beasain a súa segunda vitoria como júnior na Copa de España e a primeira desta temporada. Un triunfo incontestable que a reafirma como a gran referencia estatal da categoría xuvenil.

Ausente a fin de semana anterior na apertura da Copa ao atoparse coa selección española en Italia, onde se adxudicou a Montaña no Piccolo Trofeo Binda, a compostelá rachou a carreira vasca a falta de 30 quilómetros para a conclusión. Nun primeiro momento puideron seguir a súa roda catro ciclistas, pero pouco despois Alejandra Neira soltou a todas as súas acompañantes. Neste recital a vantaxe na liña de meta respecto á segunda clasificada, a súa compañeira de equipo Lluna Jiménez, rozou os 2 minutos e medio. Inés Santalla (Río Miera), a segunda mellor galega entre as júniores, obtivo o duodécimo posto. 

imagen

O outro resultado destacado do noso ciclismo chegou na proba raíña, de 74 km con seis portos. A elite Tamara Seijas, no seu debut na Copa de España de Estrada, asinou un top-10 . Coas cores do Eneicat-Becall, a lalinense fixo oitava logo de esprintar pola terceira praza nun grupo de 11 unidades. O mellor equipo da xornada foi o Team Farto-Kiroot e a nova líder da xeral elite e sub-23 é a casaquistaní Yelizaveta Sklyarova (ODL). En canto á categoría cadete, Vega Aldrey (Cambre) encabezou a actuación galega clasificándose 33ª. 

As dúas seguintes citas da Copa de España feminina terán como escenario a nosa comunidade na mesma fin de semana: Betanzos e Pontevedra, o 11 e o 12 de abril. 

Máis información

     
   

R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es