27 DE NOVIEMBRE DE 2022
Fotos: Luz Iglesias
Por mor da coincidencia con probas Copa de España e por ter contado con catro ciclocrosistas no Campionato de Europa, o Supermercados Froiz levaba dende a primeira fin de semana de competición da Copa Galicia sen participar co seu bloque no certame autonómico. Na sétima xornada, na cita do Porriño, a formación alimenticia regresou ao calendario da galego e fíxoo cun dobre triunfo. A júnior Aroa Otero e o sub23 Miguel Rodríguez apuntáronse este sábado as vitorias absolutas no circuíto de Chenlo.
Auga e barro nun día solleiro. Puro ciclocrós no novo escenario do Trofeo Ciclocross Avanza Concello do Porriño, un trazado no que se atrevesa un regato nun dos seus puntos máis espectaculares. Na quinta edición deste evento a Escola de Ciclismo Avanza brillou unha vez máis como organizadora e unha corredora con pasado no club anfitrión impúxose por primeira vez nunha carreira Elite-Sub23-Júnior. A porriñesa Aroa Otero venceu na quenda raíña feminina con 17 segundos de vantaxe respecto á elite Irene Trabazo (XSM). Por detrás das dúas protagonistas da axustada pugna pola primeira posición rematou a júnior Uxía Soto, a 55" da súa compañeira de equipo e gañadora. O Supermercados Froiz anotouse outro éxito nesta quenda ao concluír cuarta e como mellor sub23 a tamén porriñesa Laura Mira e na quinta posición cruzou a liña de meta Sarela Conde (Academia Postal-Maceda), líder júnior da Copa Galicia.
A esixencia do percorrido non a desaproveitou Miguel Rodríguez para asinar o seu primeiro triunfo desta campaña no certame autonómico. O ponteareán do Supermercados Froiz, o mellor sub23 español a principios de mes no Campionato de Europa, bateu por 1'25" de diferenza ao líder elite Samuel González (Máis Que Bicis). A emoción na carreira estrela do programa masculino centrouse na batalla pola terceia praza, co líder sub23 Ricardo Buba (Gsport) terminando 15" por diante do elite e anfitrión Luis Fernández Oliveira (Avanza). O top-5 completouno o elite Brais Sendín (Academia Postal-Maceda). Entre os juniors o líder André Martínez (Avanza) corría na casa e dominou de xeito incontestable.
En canto á categoría cadete, Iris Fernández (Academia Postal-Maceda) e Xián Alvariño (Ponteareas) festexaron as súas vitorias vestindo as camisolas de líderes da Copa. Tamén sumaron os 150 puntos que lles corresponden aos gañadores e ampliaron as súas vantaxes á fronte dos rankings dos seus grupos de idade Iria Nieto (Compostelano) e Miguel Porto (Ponteareas) en máster-30, e Paula Blanco e Andrés Calvete, ambos do Monte Xalo, en máster-40. José Manuel Comesaña (Monteferro) e Manuel González Ojea (Bici O Con) subiron ao máis alto do podio nos máster-50 e nos 60, respectivamente. A entrega de premios contou coa presenza do alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo.
O certame autonómico continúa este domingo en Maceda e á oitava xornada chegan no máis alto das clasificacións xerais Iris Fernández e Xián Alvariño en cadetes, Sarela Conde e André Martínez en juniors, Zaira Vila (Coruxo) e Ricardo Buba en Sub23, Eva Ortega (Extol) e Samuel González en elite, Iria Nieto e Miguel Porto en máster-30, Paula Blanco e Andrés Calvete en máster-40, María del Carmen Armada (Farto) e Antonio Sousa en máster-50 e Tucho González (Salvaterra) nos máster-60.
FORMACIÓN
CICLOCROSS
SELECCIÓNS
SELECCIÓNS
SELECCIÓNS
SELECCIÓNS
R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es