Facebook Twitter Youtube Instagram Español

Barbadás estréase na Copa Galicia con festa ourensá

20 DE NOVIEMBRE DE 2022

O elite Iván Feijoo e a júnior Sarela Conde déronlle un dobre triunfo ao Academia Postal-Maceda nas carreiras raíñas do I Ciclocrós Apersa Audi

Barbadas-estrease-na-Copa-Galicia-con-festa-ourensa

Fotos: Luz Iglesias

Debut redondo de Barbadás no calendario da Copa Galicia de Ciclocrós. O Club Ciclista Ourense Termal celebrou este sábado a primeira edición dun evento no que o éxito organizativo se mesturou coa dureza dun circuíto técnico, a lama e os triunfos da provincia anfitrioa. O elite alaricano Iván Feijoo e a júnior macedá Sarela Conde outorgáronlle ao Academia Postal-Maceda as vitorias nas carreiras raíñas dunha xornada histórica para o ciclismo ourensán. 

O I Ciclocross Apersa Audi Concello de Barbadás deu a coñecer un escenario chamado a consolidarse no mapa do ciclocrós. O polideportivo municipal exerceu de centro de operacións dun trazado de 2,7 quilómetros de lonxitude que non ofrecía descanso. A chuvia, ademais de xerar moito barro, provocou que aumentara a dificultade para xestionar unha ladeira na que os especialistas marcaron diferenzas. Unhas escaleiras duns 30 chanzos e unha ponte artificial foron outros elementos que aportaron espectáculo a unha cita que na súa estrea agradou moito tanto aos participantes como ás autoridades. 

A sexta proba da Copa Galicia 2022 brindou unha carreira Elite-Sub23 de alto nivel. Competindo na súa provincia, Iván Feijoo colleitou a súa segunda vitoria desta campaña no certame autonómico. Gañador a finais de outubro en Santiago de Compostela, o de Allariz impúxose en Barbadás por 1 minuto exacto de vantaxe respecto ao líder elite Samuel González (Máis Que Bicis), que a súa vez superou por 24" ao vencedor sub23 e líder do seu grupo de idade Ricardo Buba (Gsport).

Outro duelo vibrante tivo como protagonistas ao elite Saúl López (Academia Postal-Maceda) e ao sub23 Anxo Carril (Coruxo), decantándose a cuarta praza absoluta a prol do representante da estrutura ourensá por 24" de vantaxe. Na mesma quenda, o líder júnior André Martínez (Avanza-O Porriño) bateu nun axustado final a Héctor García (Poio Bike) e sumou o seu terceiro triunfo consecutivo no calendario galego. 

Unha vitoria máis, catro, leva Sarela Conde esta campaña na proba estrela do programa feminino. A xuvenil do Academia Postal-Maceda volveu dominar con claridade a carreira Elite-Sub23-Júnior. Cruzou a liña de meta 1'14" antes de que o fixera María Jesús Barros (Team Oiense), que na batalla polo primeiro posto elite dobregou por 21" á líder Eva Ortega (Extol). A júnior Vania Gregores (Ponteareas) e a elite Rebeca Fontela (Máis Que Bicis) acadaron a cuarta e a quinta posición, respectivamente. Sonia Domínguez (Farto), sexta na táboa absoluta, subiu ao chanzo máis alto do podio na categoría sub23. 

O cadro de vencedoras e vencedores en Barbanzás completárono Iris Fernández (Academia Postal-Maceda) e Xián Alvariño (Ponteareas) en cadetes, Ana Nieto (Compostelano) e Jorge Pérez (Os Esfola Arrós) en máster-30, Andrés Calvete (Monte Xalo) e a campioa estatal Marina González (Illas Cíes) en máster-40, José Manuel Gómez (Xesteiras) nos máster-50 e 'Tucho' González (Salvaterra) nos máster-60. 

Os resultados en territorio ourensán provocaron tres cambios de líderes nos quince rankings da Copa. Xián Alvariño encabeza agora a xeral cadete, Andrés Calvete adiantou na máster-40 a Constantino Muñoz (Grupeta Pan de Zarko) e 'Tucho' González sitúase como primeiro máster-60. No resto de categorías continuarán lucindo as camisolas do certame galego Iris Fernández nas cadetes, Sarela Conde e André Martínez en juniors, Zaira Vila (Coruxo) e Ricardo Buba en sub23, Eva Ortega e Samuel González en elites, Ana Nieto e Miguel Porto (Ponteareas) en máster-30, Paula Blanco (Monte Xalo) nas máster-40, e María del Carmen Armada (Farto) e o portugués Antonio Sousa en máster-50. 

A entrega de premios coa que se baixou o pano en Barbadás contou coa presenza do alcalde Xosé Carlos Valcárcel. A Copa Galicia regresará a vindeira fin de semana cunha dobre entrega: o sábado no Porriño e o domingo en Maceda. 

Clasificacións 

Páxina da Copa Galicia

GALERÍA DE FOTOS

Barbadás estréase na Copa Galicia con festa ourensá
Barbadás estréase na Copa Galicia con festa ourensá
Barbadás estréase na Copa Galicia con festa ourensá
Barbadás estréase na Copa Galicia con festa ourensá
Barbadás estréase na Copa Galicia con festa ourensá
Barbadás estréase na Copa Galicia con festa ourensá
Barbadás estréase na Copa Galicia con festa ourensá
Barbadás estréase na Copa Galicia con festa ourensá
 

R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es