Facebook Twitter Youtube Instagram Español

Laura Mira e Samuel González seguen camiños diferentes para vencer na Copa Galicia de Santiago

27 DE NOVIEMBRE DE 2023

A sub23 do Farto dominou con autoridade e o elite do Máis Que Bicis asinou unha remonta chea de avarías

Laura-Mira-e-Samuel-Gonzalez-seguen-caminos-diferentes-para-vencer-na-Copa-Galicia-de-Santiago

Fotos: Luz Iglesias

A Copa Galicia de Ciclocrós 2023 atravesou o seu ecuador este domingo na capital autonómica coa celebración da quinta das súas nove xornadas puntuables. Unha clásica do calendario como o Trofeo Cidade de Santiago alcanzou a súa XXII edición e nas carreiras raíñas impuxéronse os vixentes campións absolutos da nosa comunidade. A sub-23 Laura Mira (Farto) e o elite Samuel González (Máis Que Bicis) seguiron camiños moi diferentes para subir ao máis alto do podio en Compostela. 

Despois dunha fin de semana de paréntese, o certame que coordina a Federación Ciclismo Galego (FCG) cambiou a lama das dúas anteriores probas por un terreo seco. Non foi o único factor que variou. O Club Ciclista Compostela - Muebles Compostela reformou algúns treitos do circuíto a carón do Estadio Verónica Boquete, modificacións que agradaron aos 300 participantes. 

Nun día frío, a carreira Elite-Sub23 masculina ferveu dende o arranque polo ritmo de Anxo Carril (Coruxo) e polas avarías que sufriu Samuel González. O elite do Máis Que Bicis tivo que sobrepoñerse a unha chea de contratempos mecánicos para manter a súa condición de invicto na Copa Galicia desta campaña. Ao punto de ebulición deste duelo chegouse na pénultima volta, cando o vigués deu caza ao nigranés, unha remonta que o líder da xeral culminou no derradeiro parcial marchándose en solitario. 

imagen

Samuel González cruzou a liña de meta cun rexistro de 58 minutos e 35 segundos, superando en 38" a Anxo Carril, vencedor entre os Sub-23. A máis de 3' do gañador, a batalla pola terceira praza absoluta decantouse a prol de Luis Fernández Oliveira (Avanza-O Porriño), dobregando aos tamén elites Xavier Meizoso (Narón) e Miguel Porto (Lynalfa-Ponteareas), cuarto e quinto respectivamente. 

O repóker de triunfos asinado polo líder elite resistiuselle ao portador da camisola júnior da Copa Galicia. O cinco de cinco de Martín Díaz impediuno Antonio Casal (Cambre) batendo por 25" ao corredor do Caimanes Betanzos. Un desenlace aínda máis axustado deuse nos cadetes e por segunda xornada consecutiva o líder Xian Alvariño (Lynalfa-Ponteareas) venceu nos metros finais, esta vez por diante Lucas Blanco (Cambre). En canto aos masters, estrearon a súa conta de vitorias desta temporada no circuíto de probas galego o máster-30 Jorge Pérez (Os Esfola Arrós) e o máster-40 Moisés Leboso (G.D. 10), mentres que vestidos de líderes ergueron os brazos o máster-50 portugués Antonio Passos (Rompe Trilhos) -con só 6" de vantaxe sobre Eloy Otero (In Situ)- e o máster-60 Manuel Bugallo (Biciosos Rías Baixas).

imagen

A xeira da líder elite Carla Fernández (QuéBici-Marcisport), triunfadora nas tres últimas xornadas, topouse en Santiago cunha intratable Laura Mira. A sub-23 do Farto dominou de principio a fin para anotarse no circuíto compostelán o seu primeiro éxito absoluto na Copa Galicia 2023. A porriñesa, cun tempo de 43:45, distanciouse en 2' da viguesa. A terceira praza obtívoa Uxía Soto (Supermercados Froiz), ciclocrosista sub-23 ao igual que Sofía Álvarez (Cambre) -cuarta-, a líder deste grupo de idade Sarela Conde (Academia Postal - Maceda) -quinta- e Vania Gregores (Lynalfa Ponteareas) -sexta-. 

A única xeral na que se rexistrou un cambio no máis alto foi na júnior. Iris Fernández (Academia Postal - Maceda) asaltou o primeiro posto do ranking xuvenil grazas a súa vitoria vitoria no trazado compostelán, onde ocupou a sétima praza absoluta. A líder cadete Xiana Seijo (Caimanes Betanzos) e máster-40 Montse Constenla (San Lázaro) completaron a nómina de gañadoras. Os premios encargáronse de entregalos no podio Pilar Lueiro, concelleira de Deportes de Santiago; Abel Gómez, presidente do Club Ciclista Compostelano; José Fernández, xerente de Muebles Compostela; e Juan Carlos Muñiz, presidente da FCG. 

imagen 

Ao seu mes definitivo, ao de decembro, a Copa Galicia chega cos seguintes trece líderes: Xiana Seijo e Xian Alvariño en Cadete, Iris Fernández e Martín Díaz en Júnior, Sarela Conde e Brais Fernández (Academia Postal - Maceda) en Sub23, Carla Fernández e Samuel González en Elite, Augusto Midao (Rompe Trilhos) en Máster-30, Rocío Blanco (A Forna) e Rogerio Matos (Rompe Trilhos) en Máster-40, Antonio Passos en Máster-50 e Manuel Bugallo en Máster-60. 

A seguinte cita deste certame disputarase o vindeiro domingo, día 3, en Ponteareas. Toda a información sobre a Copa Galicia de Ciclocrós podes atopala na súa sección dentro desta mesma páxina web e nas redes sociais a través do cancelo #CopaGaliciaCX23.

Clasificacións

 

GALERÍA DE FOTOS

Laura Mira e Samuel González seguen camiños diferentes para vencer na Copa Galicia de Santiago
Laura Mira e Samuel González seguen camiños diferentes para vencer na Copa Galicia de Santiago
Laura Mira e Samuel González seguen camiños diferentes para vencer na Copa Galicia de Santiago
Laura Mira e Samuel González seguen camiños diferentes para vencer na Copa Galicia de Santiago
Laura Mira e Samuel González seguen camiños diferentes para vencer na Copa Galicia de Santiago
Laura Mira e Samuel González seguen camiños diferentes para vencer na Copa Galicia de Santiago
 

R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es