Facebook Twitter Youtube Instagram Español

O Academia Postal - Maceda asalta Taboada na Copa Galicia de Ciclocrós

27 DE OCTUBRE DE 2025

O elite Iván Feijoo, a sub-23 Sarela Conde e o júnior Marcos Rodríguez asinaron a tripla do equipo ourensán na terceira xornada puntuable

O-Academia-Postal---Maceda-asalta-Taboada-na-Copa-Galicia-de-Ciclocros

Fotos: Luz Iglesias

Ata un semáforo na saída instalou a organización do II CX Concello de Taboada para que este municipio da Ribeira Sacra lucense emulara este domingo ás localidades de Bélxica e Países Baixos onde se celebran as principais probas de ciclocrós a nivel mundial. O Club Ciclista Chantadino coidou ao máximo todos os detalles para que preto de 300 participantes desfrutaran dun fermoso circuíto no corazón da vila con novidades respecto á primeira edición deste evento. Un trazado esixente e técnico que o Academia Postal - Maceda aproveitou ao máximo na terceira xornada puntuable da Copa Galicia. 

O equipo ourensán asinou unha tripla que incluíu as dúas vitorias nas carreiras raíñas. Do mesmo xeito que na anterior cita do certame autonómico, a disputada en Betanzos, a sub-23 Sarela Conde impúxose con autoridade. Desta vez a corredora macedá tampouco atopou barro nin a ningunha outra competidora que fose quen de seguir a súa roda dende a primeira das seis voltas. O seu segundo triunfo da temporada acadouno nun día solleiro por diante da elite Iria Nieto (Team Oiense). A vencedora absoluta en Taboada no 2024, a sub-23 Uxía Soto (Extol-Zambora.es), completou a proba na terceira posición.  

imagen

Os brazos na liña de meta tamén os ergueron na quenda feminina como gañadoras das súas categorías a júnior Xiana Seijo (Caimanes Betanzos), a cadete Nerea Soto (Lynalfa-Ponteareas), a infantil Uxía Giráldez (Avanza-O Porriño), a máster-40 Marina González (Illas Cíes) e a máster-30 Carolina Palomanes (Sport Bike Verín).

Débeda saldada

Co ciclocrós de Taboada tiña unha conta pendente Iván Feijoo. O elite do Academia Postal - Maceda dominaba en solitario o ano pasado cando unha dobre avaría na penúltima volta afastouno da vitoria. Esa débeda saldouna o ciclista de Allariz na súa estrea na Copa Galicia 2025-2026. O seu monólogo á fronte da carreira iniciouno no primeiro dos nove xiros ao circuíto e prolongouno ata o final. A medida que se ían acumulando pasos polas escaleiras, a zona de area ou no rodeo a unha árbore que pon a proba o equilibrio enriba da bicicleta, na segunda praza consolidouse Anxo Carril (Coruxo), decantando ao seu favor o pulso con Luis Fernández Oliveira (Avanza-O Porriño). A cuarta praza absoluta obtívoa Fabián Rodríguez (Cambre) e a quinta, Denis González (Avanza-O Porriño), primeiro sub-23. 

O júnior Marcos Rodríguez aportou o seu triunfo á conta do Academia Postal - Maceda e no resto de categorías masculinas subiron ao máis alto do podio o cadete Guillermo García (Avanza-O Porriño), o infantil Carlos Aguilar (Cambre), o máster-30 Mauro González, o máster-40 Constantino Muñoz (Grupeta Pan de Zarko), o máster-50 Eloy Otero (In Situ) e o máster-60 Marcelino Huerdo (Casa Suncia). 

imagen

imagen

Catro camisolas de líderes da Copa Galicia de Ciclocrós cambiaron de mans. Uxía Giráldez situouse ao mando da xeral infantil, Pedro Cidrás (XSM) da cadete, Denis González da sub-23 e Constantino Muñoz da máster-40. No primeiro posto dos seus rankings mantéñense o infantil Sergio Villaverde (Avanza-O Porriño), a cadete Marta Utrera (Armenteira e Punto), a júnior Xiana Seijo, o júnior Jorge Lorenzo (Lynalfa-Ponteareas), a sub-23 Sara Peón (XSM), a elite María Jesús Barros (Supermercados Froiz), o elite Luis Fernández Oliveira, a máster-30 Carolina Palomanes, o máster-30 Jonathan Sousa (In Situ), a máster-40 Beatriz Vicente (Podium Team), o máster-50 Eloy Otero e o máster-60 Manuel Bugallo (Biciosos-Rías Baixas).

O Avanza-O Porriño recibiu o premio de mellor equipo da xornada, último dos trofeos que entregaron as autoridades presentes neste evento: Manuel Diéguez, concelleiro de Deportes de Taboada; José Portela, tenente alcalde; Roi Rigueira, alcalde; Antón Ledo, en nome da Vicepresidencia da Deputación de Lugo; Carlos Caamaño, presidente do Club Ciclista Chantadino; e Juan Carlos Muñiz, presidente da Federación Ciclismo Galego. 

imagen

A Copa Galicia descansa a vindeira fin de semana e regresará cunha dobre cita, o 8 de novembro no Rosal e o 9 no Porriño. Toda a información sobre este certame está dispoñible na súa sección dentro desta mesma páxina web e tamén podes atopala nas redes sociais a través do cancelo #CopaGaliciaCX

 

 

 

 

 

GALERÍA DE FOTOS

O Academia Postal - Maceda asalta Taboada na Copa Galicia de Ciclocrós
O Academia Postal - Maceda asalta Taboada na Copa Galicia de Ciclocrós
O Academia Postal - Maceda asalta Taboada na Copa Galicia de Ciclocrós
O Academia Postal - Maceda asalta Taboada na Copa Galicia de Ciclocrós
O Academia Postal - Maceda asalta Taboada na Copa Galicia de Ciclocrós
     
   

R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es