10 DE NOVIEMBRE DE 2025
Fotos: Luz Iglesias
A Copa Galicia de Ciclocrós alcanzou este domingo o ecuador do seu calendario de dez probas. O Trofeo Grupeta Pan de Zarko-Vila do Porriño, quinta xornada puntuable da temporada, estreou circuíto na súa cuarta edición e no Polígono Industrial de Cataboi a nómina de gañadoras e gañadores pouco tivo que ver coa da véspera no Rosal. Só cinco repetiron vitoria para pechar unha fin de semana na que a lama xa fixo das súas.

Ao barro do certame autonómico lanzáronse por primeira vez esta campaña Miguel Rodríguez e Irene Trabazo, dous dos principais especialistas do noso CX durante os últimos anos. O ponteareán do Supermercados Froiz, campión de España sub-23 a comezos deste ano, sumou no trazado porriñés o seu primeiro triunfo absoluto como elite. Acadanouno con 42 segundos de marxe sobre Samuel González (Máis Que Bicis), vencedor o día anterior entre os viñedos da adega Terras Gauda. A 2 minutos e medio de Rodríguez, o líder sub-23 Ricardo Buba foi o primeiro clasificado da súa categoría, ao igual que no Rosal. O elite Anxo Carril (Coruxo) -cuarto- e o sub-23 Néstor Frías (Ribadumia) -quinto-, completaron o top-5, mentres que o líder elite Luis Fernández Oliveira (Avanza-O Porriño) rematou sexto.
O evento organizado polo club Grupeta Pan de Zarko, cunha inscrición de 257 participantes, rexistrou un dobre éxito do Team Bike Outeiro de Rei. O conxunto lucense impúxose nos júniores por medio de Samuel Gascón e o seu irmán Marco tamén abriu a súa conta de vitorias nos cadetes. Nas outras carreiras masculinas unicamente colleitou o seu segundo triunfo da fin de semana o máster-40 Alejandro Mesías (Ciclos Quintena) e no resto de categorías subiron ao máis alto do caixón Sergio Villaverde (Avanza-O Porriño) en Infantil, Mauro González (Salvaterra de Miño) en Máster-30, Manuel Armada (Cidade de Santiago) en Máster-50 e Marcial Rodríguez (QuéBici-Marcisport) en Máster-60.

Logo dunha temporada en branco no calendario de ciclocrós, Irene Trabazo regresou a escena. Medalla de bronce elite no Campionato de España do 2024, a marinense do XSM dominou a proba raíña feminina. Avantaxou en 1 minuto e 13 segundos a Iria Nieto (Team Oiense), segunda absoluta por terceira cita consecutiva, que finalizou con pouco máis de 10" de diferenza en relación ao tándem do Supermercados Froiz formado por María Jesús Barros e Tamara Seijas, terceira e cuarta, respectivamente. Sarela Conde (Academia Postal-Maceda) non puido prolongar a súa xeira de tres vitorias absolutas seguidas, pero como quinta clasificada volveu ser a primeira sub-23.
A cadete Lara Fernández (Cambre), a júnior Xiana Seijo (Caimanes Betanzos) e a máster-40 Marina González (Illas Cíes) selaron no Porriño unha fin de semana de primeiros postos. Os brazos na liña de meta ergueunos entre as infantís Aroa García (Cambre) e o seu club recibiu o premio como mellor equipo da xornada.
Líderes
A xeral da Copa Galicia de Ciclocrós cambiou de líder en dúas categorías. Marta Utrera (Armenteira e Punto) recuperou o mando nas cadetes e Alejandro Mesías asaltou o primeiro posto máster-40. Á fronte dos seus rankings mantéñense Uxía Giráldez (Avanza-O Porriño) e Sergio Villaverde en Infantil, o cadete Mateo Hermida (Lynalfa-Ponteareas), Xiana Seijo e Jorge Lorenzo (Lynalfa-Ponteareas) en Júnior, Sarela Conde e Ricardo Buba en Sub-23, María Jesús Barros e Luis Fernández Oliveira en Elite, Carolina Palomanes (Sport Bike Verín) e Jonathan Araújo (In Situ) en Máster-30, a máster-40 Marina González, María Andia Nogueras (Ser e Parecer) e Eloy Otero (In Situ) en Máster-50 e Manuel Bugallo (Biciosos-Rías Baixas) en Máster-60.


A competición coordinada pola Federación Ciclismo Galego descansa ata a última fin de semana de novembro, cando celebrará unha dobre entrega: o sábado 29 en Nigrán e o domingo 30 en Ponteareas. Toda a información sobre a Copa Galicia de Ciclocrós está dispoñible na súa sección dentro desta mesma páxina web e tamén podes atopala nas redes sociais a través do cancelo #CopaGaliciaCX
CICLOCROSS
CICLOCROSS
CICLOCROSS
CICLOCROSS
FORMACIÓN
CICLOCROSS
R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es