07 DE FEBRERO DE 2026
Un ano máis, e van cinco, O Gran Camiño seguirá descubrindo a pedaladas ante o mundo novos e espectaculares recunchos de Galicia, un camiño xacobeo ciclista que porá o foco internacional nun terreo espectacularmente infinito e que traerá o mellor deste deporte ata esta esquina da europa atlántica baixo a premisa de que isto "non é unha proba deportiva máis", se non "historia de Galicia", tal e como a define o seu director, Ezequiel Mosquera.
O Campus Tecnolóxico de Cortizo, en Padrón (A Coruña), acolleu na tarde deste venres a presentación da quinta edición de O Gran Camiño, que este ano volverá encher de espectación, deporte e territorio as catro provincias galegas, aínda que coa novidade dun cambio de data, dado que se celebrará por primeira vez na primavera.
Será entre o 14 e o 18 de febreiro, con inicio na Torre de Hércules e un final que promete ser espectacular no alto do Monte Trega. Unha edición que, en palabras do embaixador de OGC,o exciclista Óscar Pereiro, servirá para "consagrar unha carreira que é patrimonio de todos" e que homenaxea "aos que levan tantos anos traballando polo ciclismo" en Galicia.
A proba arrincará cunha crono na Coruña, que repetirá a que hai dous anos se viu condicionada polo vento, para facer xustiza a un dos elementos patrimoniais simbólicos da Comunidade.

A continuación, percorrerá a provincia de Lugo, desde o interior, en Vilalba, ata a costa da Mariña. "Era unha débeda que tiñamos e que vai quedar máis que saldada", dixo, no acto, o vicepresidente da Deputación de Lugo, Efrén Castro, que eloxiou a espectacularidade das paisaxes desta etapa, que concluirá fronte ao mar, na Praia de Coto, en Barreiros.
A terceira etapa unirá dúas localidades que "levan o ciclismo no ADN", tal e como comentou o responsable de Deportes da Deputación da Coruña, Antonio Leira, que prometeu unha saída, desde Carballo, decisiva, e un final, en Padrón "con últimos quilómetros moi interesantes" e que "poden dar moito xogo".
Desde aí, o pelotón saltará Ourense, etapa raiña, unha xornada intensa de montaña entre Xinzo de Limia e Xunqueira de Espadanedo, que o vicepresidente da Deputación de Ourense, César Fernández, definiu como "épica" para "mostrar a fermosura das paisaxes" da provincia.
Para concluír, a meta este ano será para Pontevedra, a "provincia do deporte", como a definiu a responsable de Deporte da Deputación, Xisela Aranda, que recoñeceu que toda a provincia é "un estadio natural". A quinta etapa, desde As Neves, manterá a emoción ata o último minuto, no alto do Monte Trega.
A falta aínda de pechar a nómina de equipos e grandes corredores que estarán en Galicia, a organización xa confirmou que estarán na Comunidade os dous mellores equipos do mundo, o Visma Lease a Bike e o UAE Team.
HISTORIA DE GALICIA
"Esta non é unha proba deportiva máis", así comezou a súa intervención ante un aditorio ateigado de xente o director de O Gran Camiño e CEO de EME Sports, Ezequiel Mosquera, que reivindicou a narrativa histórica, cultural e etnográfica dunha proba na que se coida "ata o úlltimo detalle".
Con iso, engadiu Mosquera, OGC busca promocionar o deporte, ofrecer espectáculo ciclista, pero tamén "poñer en valor o territorio e o patrimonio", un "activo impresionante" de Galicia, en todo o mundo.
"Ir a outros países, iso é o que nos permite o Camiño", destacou o responsable dunha proba que basea a súa narrativa na ruta xacobea. "Isto é unha historia, isto é historia de Galicia. É contar a nosa historia desde o Camiño máis antigo do mundo", resolveu.
O GRAN ESCAPARATE INTERNACIONAL DE GALICIA
No acto de presentación participou tamén o conselleiro de Presidencia, Diego Calvo, que augurou que OGC seguirá sendo, un ano máis, o "gran escaparate internacional" de Galicia e servirá para "proxectar a marca Galicia Calidade ao mundo a través do ciclismo".
Así, Calvo destacou o "impacto mediático" das retransmisións televisivas da proba en distintos países, o que supón "unha ferramenta clave para a promoción turística de Galicia". O responsable de Deportes tamén puxo en valor que con esta proba "queda acreditado como a unión entre o deporte e o turismo contribúe a xerar importantes beneficios económicos nos concellos polos que discorre, actuando como motor para a dinamización tanto económica como turística da comunidade".
A maiores, Diego Calvo incidiu en que o seguimento das etapas permite, ademais de gozar deste deporte, "dar a coñecer en todo o mundo as paisaxes, o patrimonio e a identidade cultural de Galicia a milleiros de espectadores". Ademais, O Gran Camiño "tamén demostra cada ano que Galicia é un territorio privilexiado para a práctica deportiva e un destino idóneo para o ciclismo, tendo en conta que se trata dunha proba profesional de alto nivel consolidada no calendario europeo do ciclismo e coa participación de grandes equipos internacionais".
PERCORRIDO DETALLADO
A quinta edición de O Gran Camiño arrincará o 14 de abril cunha CRI na cidade da Coruña. Serán 14,8 quilómetros de crono chaira con inicio e meta na emblemática Torre de Hércules.
Ao día seguinte será a quenda da provincia de Lugo, na que a gran rolda profesional galega explorará dous novos territorios: A Terra Chá e A Mariña.
En concreto, serán algo máis de 158 quilómetros con arranque en Vilalba e meta en Barreiros, nos que o pelotón afrontará un desnivel de 2.130 metros e subirá dous altos de terceira categoría: A Gañidoira e Noceda, pasando polos municipios de Muras, Ourol, Viveiro, Xove, Burela, Foz e Ribadeo.

O xoves 16 de abril, a proba desprazarase á provincia da Coruña, cun percorrido de 173 quilómetros e 2.453 metros de desnivel acumulado entre Carballo e Padrón.
Os ciclistas rodarán, ademais de por estas dúas localidades, por Santa Comba e Outes, antes de achegarse á fachada atlantica por Noia, Porto do Son, Ribeira, A Pobra do Caramiñal, Boiro e Rianxo, desde onde seguirán a Rois para concluír en Padrón. Ao seu paso, subirán os altos de Campelo (3ª), A Muralla (2ª) e Formarís (3ª).

A etapa raíña nesta ocasión será para a provincia de Ourense, cunha durísima xornada entre Xinzo de Limia e Xunqueira de Espadanedo, que incluirá un ascenso ao Alto do Rodicio (3ª) e dúas subidas ao Alto de Meda, de primeira categoría, onde estará, ademais, a meta.
Polo camiño dos seus 155,5 quilómetros –con 3.103 metros de desnivel acumulado--, o pelotón pasará tamén por Allariz, Celanova, Ourense e Maceda.

O broche final da quinta edición de OGC poñerao a provincia de Pontevedra, cunha etapa de 170 quilómetros entre As Neves e A Guarda, cunha meta no alto que promete espectáculo ata o último minuto.
O pelotón pasará neste caso, ademais dos de saída e chegada, polos municipios de Arbo, Ponteareas, Salvaterra de Miño, Tui e Tomiño e realizará unha dobre subida ao Alto da Portela (2ª) para finalizar no Monte de Santa Trega (2ª).

O Gran Camiño evidénciase como un proxecto de país, xa que non sería posible sen a implicación da Xunta de Galicia e as catro deputacións provinciais, así como dos nosos colaboradores e patrocinadores privados, especialmente Cortizo, Zara Atlheticz, Cabo de Peñas e Fe Seguros, patrocinadores principais da proba.
Fonte: O Gran Camiño
CARRETERA
EVENTOS
CARRETERA
AVISOS
CARRETERA
PROBAS DEPORTIVAS
R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es