09 DE FEBRERO DE 2024
O mes de abril é o das grandes clásicas do calendario ciclista e dende este ano os amantes da bicicleta poderán desfrutar nesas datas en Galicia dun percorrido que recorda ao das históricas carreiras da primavera. Despois do éxito acadado na súa estrea o pasado verán, a Manzaneda Gran Fondo trasládase a abril e pedaleará o domingo 28 polas comarcas ourensás de Terras de Trives e Caldelas. Non agardes máis e inscríbete para rodar, explorar e desfrutar.
A marcha cicloturista organizada pola Federación Ciclismo Galego (FCG) volve ofrecer dúas opcións, o Gran Fondo e o Medio Fondo, pero a súa segunda edición chega cargada de novidades. O seu itinerario varía nun 60% respecto ao do ano pasado para buscar novos desafíos. Deste xeito ascenderanse dous portos de montaña inéditos, o Alto de Valisco e o de Pena de Lebre.
O que non varía é o seu espectacular final. Os participantes poderán comprobar o seu estado de forma no coloso da xornada, a Estación de Montaña de Manzaneda. Este mítico porto, que no mes de agosto exercerá de final dunha etapa na Vuelta a España, afrontarase tanto no Medio como no Gran Fondo, pero por diferentes variantes. No caso da ruta longa, as ramplas arrancan na central eléctrica, acumulándose dende a vila de Manzaneda 18 km a un desnivel medio do 6%. Algo menos esixente é a última subida do Medio Fondo, por Chandrexa de Queixa cunha pendente media do 3,4% nunha ascensión de 16,8 km de lonxitude.
Os dous trazados, adaptados ao nivel e á motivación de cada ciclista, transcorren por un total de cinco concellos da provincia de Ourense: Manzaneda, Pobra de Trives, Castro Caldelas, Montederrano e Chandrexa de Queixa. Trátase dun percorrido por incribles paisaxes naturais. Unha proposta deportiva e de lecer que no Gran Fondo alcanza os 125 km cun desnivel positivo acumulado de 3.000 metros mentres que no Medio Fondo rexístranse 1.800 metros de desnivel en 80 km.
INSCRICIÓNS
O prazo para reservar dorsal e estar presente na liña de saída da Estación de Montaña de Manzaneda, ás 09:30 horas, xa se abriu e comeza con descontos. As 100 primeiras inscricións poden aproveitar o prezo súper reducido de 15 euros, para as 100 seguintes a tarifa é de 20 euros e a partir da 200 queda fixada en 25 euros. No caso das e dos ciclistas non federados deberán abonar 10 euros máis.
CHALECO OFICIAL
Outra promoción en marcha tamén ten data límite. Ata o 29 de marzo existirá a opción de comprar o chaleco oficial, deseñado por OTTOBOSLEY, a un prezo de 22 euros.
OFERTA DE ALOXAMENTO
A Estación de Montaña de Manzaneda mantén os prezos especiais da primeira edición para aloxarse. Os participantes poden aproveitarse das seguintes tarifas:
Apartamento 2 Pax.....70 euros/noite
Apartamento 4 Pax.....120 euros/noite
Apartamento 7 Pax.....190 euros/noite
Opción en Media Pensión.....+20 euros
Esta oferta inclúe piscina ou spa durante unha hora e lavabicicletas. As reservas realízanse chamando ao númerto de teléfono 988 30 90 90.
O evento que responde aos desexos de calquera cicloturista non sería posible sen o apoio da Estación de Montaña Manzaneda, Turismo de Galicia, Xunta de Galicia, Deputación de Ourense, así como a colaboración de Joma, B the travel brand, Victory Endurance, Toyota Compostela Móvil, OTTOBOSLEY e Norinver.
En menos de tres meses volve a Manzaneda Gran Fondo. Agardámoste para rodar, explorar e desfrutar!
Máis información e inscricions
CICLOTURISMO
CICLOTURISMO
CICLOTURISMO
AVISOS
AVISOS
CICLOTURISMO
R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es