Facebook Twitter Youtube Instagram Español

Lorena Patiño racha en Benidorm o seu teito na Copa do Mundo de Ciclocrós

20 DE ENERO DE 2025

A júnior marinense conseguiu a oitava posición. Miguel Rodríguez fixo 29º nos sub-23 e Raúl Puelles, 31º nos júnior

Lorena-Patino-racha-en-Benidorm-o-seu-teito-na-Copa-do-Mundo-de-Ciclocros

Fotos: RFEC

Tripla representación galega na cita española da Copa do Mundo de Ciclocrós. A júnior Lorena Patiño, o júnior Raúl Puelles e o sub-23 Miguel Rodríguez defenderon as cores de España este domingo en Benidorm diante de 16.000 espectadores. O resultado máis sobranceiro asinouno a corredora marinense, ao lograr o seu primeiro top-10 no certame da Unión Ciclista Internacional (UCI). 

Logo de sumar a súa terceira coroa estatal a fin de semana anterior nas Pontes, a ciclista do XSM ratificou unha vez máis que é a gran esperanza do ciclocrós feminino en España. O teito de Lorena Patiño na Copa do Mundo estaba na duodécima posición, acadada tanto o ano pasado en Benidorm como esta campaña en Dublín, e rachouno meténdose entre as dez primeiras no circuíto alacantino. Indo de menos a máis, a júnior de Marín remontou ata a oitava praza nunha formidable carreira. Cruzou a liña de meta a 2" da sétima clasificada Zélie Lambert (Francia) e co mesmo tempo que Alyssa Sarkisov (Estados Unidos). A vitoria obtívoa Lise Revol (Francia).

 imagen

O maillot de campión de España tamén o luciu o sub-23 Miguel Rodríguez. As características do trazado de Benidorm non son as ideais para o ponteareán do Supermercados Froiz, que viña de ofrecer un recital no lameiro das Pontes. Nesta ocasión concluíu 29º, a 3 minutos e 14 segundos do vencedor Tibor del Grosso (Países Baixos), nun escenario no que ten como mellor posto o 18º no 2023. 

imagen

O seu debut nesta proba fíxoo o júnior Raúl Puelles, medalla de bronce sete días antes no Campionato de España. O betanceiro do Caimanes finalizou 31º, a 2:53 do gañador Mattia Agostinacchio (Italia). Deste xeito, na súa terceira participación nun evento da Copa do Mundo rubricou a súa actuación máis destacada neste certame. 

Para juniores e sub-23, a última parada desta competición chegará o vindeiro domingo no circuíto neerlandés de Hoogerheide. A seguinte fin de semana, a primeira de febreiro, disputarase o Campionato do Mundo na cidade francesa de Liévin. 

Clasificacións

 

R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es