30 DE SEPTIEMBRE DE 2025
Fotos: RFEC
Un Mundial dos máis esixentes da historia confirmou que o ciclismo galego pode presumir de ter a dúas das principais bazas de futuro da selección española. Carlos Canal, na súa primeira experiencia mundialista como Elite, e a júnior Alejandra Neira, no seu debut nun gran evento internacional co combinado estatal, asinaron grandes actuacións nas proba de fondo en Kigali. Tanto o limiao como a santiaguesa traballaron para os seus líderes e foron os segundos mellores clasificados de España en Ruanda.
A carreira de 267,5 quilómetros, con 5.475 metros de desnivel positivo acumulado, dominada a través dunha exhibición marca da casa polo esloveno Tadej Pogacar só a finalizaron 30 corredores. Un deles foi Carlos Canal, que cruzou a liña de meta na 20ª posición a 10 minutos e 12 segundos do gañador en solitario. No seu primeiro Mundial na máxima categoría, o ciclista ourensán do Movistar amosou un sobresaínte nivel e o seu resultado só o mellorou Juan Ayuso, que fixo oitavo, entre os oito representantes da selección española.
Na mesma liña comportárase Alejandra Neira a véspera na proba júnior. A compostelá estivo ao longo dos 74 km de percorrido a disposición da súa xefa de filas e nova campioa do mundo, a navarra Paula Ostiz. Ademais de contribuír a ese histórico triunfo do ciclismo español, a galega do Baqué Movistar obtivo a 12ª posición, a 6 segundos da vencedora. Un rendemento aínda máis valioso ao tratarse dunha corredora de primeiro ano na categoría xuvenil.
Menos satisfeita concluíu a santiaguesa catro días antes na contra o reloxo individual. Tomou a saída con problemas estomacais e clasificouse 17ª, a 1:58 da neerlandesa Megan Arens, a máis rápida na 'crono' de 18,3 km.
Alejandra Neira volverá a representar a España por partida dobre no Campionato de Europa que arranca este mércores en Francia. Mañá, día 1 de outubro, afrontará a contra o reloxo de 12 km que inclúe o ascenso a un 'muro', dentro do quilómetro final, na chegada a Étoile-sur-Rhône.
O programa para as júniores na cita de Drome-Ardeche completarase o venres, 3 de outubro, coa carreira en liña de 63 km. Nese trazado, con algo máis de 800 metros de desnivel acumulado, o circuíto final presenta como principal dificultade a subida en cada unha das tres voltas ao Val d'Enfer, unha ascensión de 1,7 km cunha pendente media do 9.3%. A compostelá, Paula Ostiz e a vasca Irati Aranguren serán as tres ciclistas que disputarán as dúas probas entre as seis convocadas pola seleccionadora Gema Pascual.
SELECCIÓNS
CARRETERA
CARRETERA
CARRETERA
CARRETERA
CARRETERA
R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es