Facebook Twitter Youtube Instagram Español

Alba Fernández, Sergio Veiga e Ainoa Posada, tripla galega de ouro no estatal de Pump Track

14 DE OCTUBRE DE 2025

A representación autonómica acadou sete medallas no Campionato de España celebrado en Monzón, un botín liderado polos dous títulos Elite e Sub-23

Alba-Fernandez-Sergio-Veiga-e-Ainoa-Posada-tripla-galega-de-ouro-no-estatal-de-Pump-Track

Fotos: RFEC

O Pump Track galego respondeu á súa condición de favorito no Campionato de España que tivo lugar o pasado sábado en Monzón (Huesca). O naronés Sergio Veiga e a redondelá Alba Fernández, riders sub-23 do Pontebike Team, chegaban á pista oscense co aval dos resultados asinados ao longo da temporada para conquistar as coroas nas categorías raíñas e cumpriron cos prognósticos. Ás dúas medallas de ouro en Élite-Sub23 sumouse a da cadete ponteareá Ainoa Posada defendendo as cores da Selección de Galicia.

A representación autonómica acumulou un total de sete podios. Ao chanzo máis alto do caixón Elite e Sub-23 do Campionato de España subiu por primeira vez Sergio Veiga, subcampión nos dous últimos anos. O piloto do Pontebike detivo o cronómetro en 13 segundos e 970 milésimas no seu intento máis rápido. Co terceiro mellor tempo scratch, por detrás dos júniores aragoneses Adrián Martín -13.880- e Marcos Lorenzo -13.950-, impúxose na súa categoría cunha vantaxe de 9 centésimas respecto ao manchego Ángel Heras e terceiro fixo o madrileño Víctor López. A menos de dúas décimas do bronce quedou o galego Raúl Gándara (Pontebike), cuarto clasificado.

imagen

A prata do 2024 tamén a cambiou polo ouro este ano Alba Fernández, na súa segunda temporada como sub-23. A corredora de Redondela dominou entre as mulleres cun rexistro de 16 segundos e 2 décimas, batendo na categoría Elite e Sub-23 á aragonesa Ruth Frutos por case 1”. O podio completouno Yuli Paola Rey, a única rider da Selección de Galicia nesta categoría, grazas a unha mellor marca nas tres quendas de 17.290.

‘Dobrete’ da Selección

O terceiro título galego obtívoo a cadete Ainoa Posada no duelo polo ouro coa súa compañeira no combinado autonómico Paula Rodríguez. A ponteareá venceu cun ‘crono’ de 16.360, segundo mellor tempo na táboa scratch feminina, rebaixando nunha décima e media o rexistro da ourensá. Os premios recibíronos xunto á aragonesa Valeria Banzo, terceira clasificada, e a actuación da Selección de Galicia nesta categoría completouse coa sexta praza de Daniela Vilas.

imagen

A Selección de Breogán presentou a once riders en Monzón e os outros resultados da expedición comandada por Jose Prieto foron  o oitavo de Pedro Fernández e o undécimo de Héctor Iglesias nos júnores, con Sergio Hidalgo (Pontebike) conseguindo a sexta praza; a sétima posición de Izan Lago, a décima de Miguel Blanco e a décimo cuarta de Noé Porto nos cadetes; a cuarta de Iker Viéitez nos infantís; e a quinto de Inés Araújo nas infantís, xusto por detrás de Carla Pérez (Val do Ulló).

imagen

Ao botín de medallas galego aportaron dúas pratas os grupos de idade Máster. Alejandro Pérez (Maese Ourense) proclamouse subcampión en Máster-30A e Francisco Manuel Lorenzo (Bike Ou Non Vai), en Máster-40A. No resto de categorías estiveron nos postos altos Iván Rial (Bentraces), cuarto en Máster-40B; Sofía Núñez (Ribadumia) Brais Casal (Val do Ulló), cuarta e quinto en Principiante; e Mateo Rial (Bentraces) e Sofía Casal (Val do Ulló), quinto e sexta en Promesa 7 e 8 anos.

Máis información

     
   

R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es