17 DE FEBRERO DE 2026
Fotos: J.A. Higueras /Juan Moya / Clásica Jaén Paraíso Interior
Alejandra Neira segue facendo historia para o ciclismo galego no arranque dunha nova temporada. Defendendo as cores da selección española, a corredora santiaguesa acadou este domingo a segunda posición na Clásica Jaén Paráiso Interior, primeira cita puntuable para a Copa das Nacións Júnior da Unión Ciclista Internacional (UCI), despois de sufrir unha picada e protagonizar unha excepcional remonta. A súa actuación, non obstante, deixoulle un sabor amargo: cruzou a liña de meta pensando que era a gañadora, pero 23 segundos antes rematara a lituana Augustė Mikutytė (Grouwels-Watersley R+D).

O podio completouno Mirari Gotxi, compañeira de Alejandra Neira no combinado estatal. "É unha pena ser segunda e terceira sen alcanzar a vitoria, pero aínda así é un gran resultado. Pasaron moitas cousas; foi un día caótico para nós como Selección", comentou a compostelá. "Eu piquei no segundo sector de oliveiras, e Lluna Jiménez tivo un xesto incrible cedéndome a súa bici. Pouco despois picou tamén Ane Zubeldia; e Aitana Gutiérrez caeuse no último ‘sterrato’", relatou a vixente campioa estatal de contra o reloxo individual.
O ataque definitivo da galega chegou no derradeiro camiño de terra. "Aí arrinquei con Maria Okrucińska; vía a Mirari de lonxe e, pensando que era cabeza de carreira contemporicei ata que non me quedou máis remedio que adiantala. Non sabía que Mikutyté estaba por diante; se o soubese, tería xogado as miñas cartas doutra maneira. Deume moita rabia celebrar a vitoria e logo decatarme de que non gañara", revelou Neira, que máis alá do desenlace da proba quédase coas sensacións: "Estou moi contenta co rendemento de todas; a título persoal, atopeime con moi boas pernas e iso anímame a seguir dándoo todo".

SELECCIÓNS
EVENTOS
CARRETERA
EVENTOS
CARRETERA
AVISOS
R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es