Facebook Twitter Youtube Instagram Español

Alejandra Neira, Jose Salgueiro e Lara Fuentes vístense de líderes da Copa Galicia do Porvir

02 DE MAYO DE 2023

O Gran Premio Ricardo Riveiro exerceu en Boiro de primeira xornada do certame autonómico para as cadetes, os cadetes e as juniors

Alejandra-Neira-Jose-Salgueiro-e-Lara-Fuentes-vistense-de-lideres-da-Copa-Galicia-do-Porvir

As tres categorías que faltaban por entrar en liza na Copa Galicia do Porvir fixérono o pasado sábado nas estradas do Barbanza. As cadetes, os cadetes e as juniors abriron o seu calendario do certame autonómico no XXXV Promoción de Ciclismo de Boiro 2023-Gran Premio Ricardo Riveiro. O Cambre, cos triunfos de Alejandra Neira e de Lara Fuentes, e o conxunto portugués do Landeiro KTM, por medio de Jose Salgueiro, dominaron unha xornada na que tamén se disputaron probas de escolas e de ciclismo inclusivo.

Os 52 quilómetros de percorrido, con epicentro en Boiro e paso por Rianxo, resultaron máis que suficientes para que o gañador cadete marcara diferenzas. Jose Salgueiro presentouse na liña de meta cun tempo de 1 hora 20 minutos e 19 segundos, avantaxando en 1'14" a un quinteto. No esprint pola segunda praza impúxose Diego López (Cambre) por diante de Lucas García (Noitebra) e a continuación entraron Mario Bouza (Esmelle) e Anxo Delgado (Compostelano), cuarto e quinto respectivamente. Uns segundos máis tarde concluíu Ivo Ribeiro, compañeiro de equipo do gañador. 

As cadetes e as juniors uníronse á carreira no Alto do Bexo e as dúas categorías resolvéronse de xeito diferente. A primeira corredora que ergueu os brazos en Boiro foi a cadete Alejandra Neira despois de 37'09" de esforzo. A representante do Cambre superou en máis de 2' ás dúas ciclistas que a escoltaron no podio e que protagonizaron un man a man ata os metros finais: Irene Signo (Lynalfa-Ponteareas) rematou segunda e Ivet Ivanova (Cambre), terceira.

Antes de que se completara o caixón cadete viviuse un emocionante desenlace da categoría júnior. Lara Fuentes e Andrea Prado (Becani) xogáronse a vitoria ao esprint, decantándose o duelo a prol da xuvenil do Cambre. As dúas pedalearon durante 38'03" mentres que a terceira clasificada Xiana Camiña (Becani) chegou á meta xunto ás cadetes Signo e Ivanova. 

A vindeira cita no calendario da Copa Galicia do Porvir para as cadetes, os cadetes e as juniors será o Trofeo Concello de Carballo, o 27 de maio. Toda a información sobre este certame coordinado pola Federación Ciclismo Galego podes atopala na súa sección dentro desta páxina web e nas redes sociais a través do cancelo #CopaGaliciaPorvir23. 

Escolas

Ademais da carreira da Copa Galicia do Porvir, o evento organizado polo Club Ciclista Jealsa-Barbanza contou con competicións de escolas. Iria Ruiz (Betanzos) e Daniel Baleirón (Barbanza) venceron en Promesas, Lucía González (O Rosal) e Xoán Sande (Barbanza) en Principiantes, Anxa Gómez (Betanzos) e Diego Díaz (Outeiro de Rei) en Alevíns, e Vega Aldrey (Cambre) e Afonso Silva (Landeiro) en Infantís. Da entrega de premios na cerimonia de podio encargáronse Dores Torrado, concelleira de Deportes de Boiro; Ricardo Riveiro, presidente do Jealsa-Barbanza; e José Ramón Torrado, membro da directiva. 

Clasificacións

 

R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es