Presentación do Club Ciclista Cambre-Caeiro

15 DE JUNIO DE 2021

Na súa 22ª temporada conta máis de 110 ciclistas

Presentacion-do-Club-Ciclista-Cambre-Caeiro-

O Club Ciclista Cambre-Caeiro deu a coñecer ás novas promesas do ciclismo. Fíxoo a través da presentación da temporada 2021, que tivo lugar no pazo de Cela. Ao evento acudiron o alcalde, Óscar García Patiño; o concelleiro de Deportes e Xuventude, Daniel Mallo; o presidente do club, Juan Carlos Candal; o deputado provincial, José Ramón Rioboo Castro; o presidente da Federación Ciclismo Galego, Juan Carlos Muñiz; e o xefe do Servizo Provincial de Deportes da Coruña, Roberto García Fernández.

En concreto, o evento serviu para presentar aos ciclistas dos diferentes equipos: Escolas -promesas, principiantes, alevíns e infantís-, Cadetes, Juniors, BTT -cadetes, júnior, elite, sub-23 e máster-, Masters e Cicloturismo e ao equipo Feminino -promesas principiantes, alevíns, infantís, cadetes júnior e elite-. En total, o Club cambrés competirá con máis de 110 ciclistas de todas as categorías e nas modalidades de BTT, estrada, ciclocrós e cicloturismo.

Durante o evento, García Patiño recoñeceu que os últimos meses foron “moi duros para todos os veciños e veciñas de Cambre en xeral e, moi especialmente, para os apaixoados do deporte. Porén, creo que, con independencia da idade, os membros do Club Ciclista Cambre reúnen características únicas que lles permiten afrontar as adversidades e mesmo facerse máis fortes”. O rexedor definiu aos membros da agrupación como “valentes e perseverantes” e incidiu en que “non hai virus que poida parar a vosa devoción polo ciclismo”. O alcalde concluíu a súa intervención reafirmando o seu compromiso e o do concelleiro de Deportes e Xuventude, Daniel Mallo, co club: “cando remate a temporada, aí estaremos convosco, facendo nosos vos vosos éxitos e acompañándovos nesta carreira que iniciamos hai xa 22 anos”.

Actividade en 2020

Debido á situación sanitaria da covid-19, o club non organizou a presentación de equipos en 2020. Con todo, a crise sanitaria non paralizou, nin moito menos, a actividade da entidade. O ano pasado, o Club contou igualmente con equipos en todas as categorías chegando a competir en ciclocrós durante os meses de outubro, novembro e decembro. Ademais de manter a Escola Municipal de Ciclismo durante os primeiros meses do ano, o club ofreceu adestramentos personalizados aos seus socios de forma online os meses de confinamento e presenciais en grupos reducidos a medida que se ían levantando as restricións.

Declaracións de Juan Carlos Candal: "Gustaríame destacar que estou moi orgulloso de toda a familia do Club Ciclista Cambre e en especial dos máis pequenos, polo seu excepcional comportamento durante este ano tan duro para todos. Tentamos soportar a situación da mellor maneira posible, mantendo a nosa actividade para proporcionar unha vía de escape a través do deporte. Agradecer o enorme traballo de toda a Xunta Directiva que fan moi fácil comandar este pelotón e por suposto agradecer ao Concello de Cambre, Renault Caeiro, Deputación da Coruña, Xunta de Galicia, Servizos Reunidos e Xardinería Arce o seu incondicional apoio sen o cal este Club non podería chegar onde está despois de 22 anos de andaina".

GALERÍA DE FOTOS

Presentación do Club Ciclista Cambre-Caeiro

R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es