20 DE AGOSTO DE 2023
Un fito histórico para o ciclismo galego. Damián Ramos proclamouse este sábado en Rotterdam campión de Europa na carreira de fondo da clase 4 de bicicleta adaptada. O día despois de colgarse a medalla de bronce na proba de contra o reloxo individual, o paraciclista coruñés asinou unha actuación inesquecible defendendo as cores da selección española nos Países Baixos.
"Foi unha carreira un pouco tola ao principio porque era difícil abrir un corte e todo o munto te vixiaba", sinala o corredor do Lasal Cocinas-Louriña, que se meteu na fuga clave e rodou durante boa parte dos 78 quilómetros de percorrido xunto a Patrik Kuril (Eslovaquia) e a Gatien Le Rousseau (Francia). "Ao francés e ao eslovaco xa se lles vía bastante fortes dende o principio. Intentei facer boa a compañía con eles e ao final fumos capaces de romper os tres. A colaboración foi boa e nas últimas voltas atacámonos. Colléronnos os doutra categoría e pensei que era a última volta. Ataquei e cheguei a meta celebrándoo, pero cando me decatei vin á seleccionadora dicíndome que tiña que seguir. Aínda por riba, colléronme e tiña que recuperarme do esforzo", comenta Ramos sobre a confusión que lle levou a erguer os brazos ao remate do penúltimo xiro ao circuíto.
O galego festexou a súa primeira coroa internacional dúas veces. Sóubose repoñer da súa equivocación e xogouse o ouro na recta de meta con Kuril e Le Rosseau: "Na última volta vixiámonos, con ataques de peseta, e finalmente lanzamos o esprint. Puiden conservar algo de forzas nas pernas e esprinteilles con todo. Malia que son moi malo ao esprint, hoxe tiña as pernas de ouro... e a desfrutar desta medalla!".
Ramos venceu cun tempo de 1 hora 58 minutos e 12 segundos. O eslovaco levouse a prata e o francés, o bronce. O cuarto clasificado chegou a 3'10" dos tres primeiros. "Sábeme a gloria despois dunha temporada moi difícil. É unha recompensa moi boa a todo o traballo feito este ano", indica o corredor herculino, que aportou un dos cinco títulos obtidos por España no Campionato de Europa de Rotterdam e dúas das catorce medallas.
SELECCIÓNS
SELECCIÓNS
SELECCIÓNS
SELECCIÓNS
FORMACIÓN
SELECCIÓNS
R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es